[27-02-2019] Este xoves, 28 de febreiro, celebrarase o pleno ordinario correspondente ao mes de febreiro no que a Corporación municipal debaterá sobre a oitava modificación puntual da RPT, para a creación dun posto de técnico/a de educación, así como a aprobación inicial dos regulamentos de Participación Cidadá, Escola de Verán e dos programa Lúdicos. Ademais, tratarase a probación definitiva do regulamento da Escola Municipal de Música de Ames e unha proposta do grupo municipal Ames Novo de apoio á folga feminista do 8 de marzo de 2019. Todos estes temas foron tratados previamente nas comisións informativas celebradas o pasado venres 22 de febreiro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a convocatoria coa orde do día do pleno ordinario de febreiro.
No pleno ordinario deste mes de febreiro abordaranse varios temas da área municipal de educación. Deste xeito, debaterase a oitava modificación puntual da relación de postos de traballo (RPT) do Concello de Ames, para a creación dun posto de técnico/a de educación e a conseguinte supresión do actualmente existente técnico/a de educación de adultos do Concello de Ames, que se xubilou o pasado 31 de decembro de 2018. Esta modificación foi aprobada previamente en Mesa Xeral de Negociación.
Outros temas de índole educativo que se someterán a aprobación do Pleno, se procede, serán a aprobación inicial do regulamento da Escola de Verán e dos programa Lúdicos. A Escola de Verán ven funcionamento ininterrompidamente dende o ano 2004, pero carecendo dun regulamento de funcionamento. Unha vez sometido a consulta pública, na que se presentaron dúas suxestión (unha foi aprobada e outra rexeitada), agora preténdese iniciar o tramitación de dito regulamento coa aprobación inicial.
Por outra banda, os programas lúdicos do Concello de Ames (Nadal lúdico, Entroido lúdico, Primavera lúdica, Xuño lúdico e Setembro lúdico) préstanse no concello dende o ano 2004 tendo como única regulación municipal a ordenanza fiscal da taxa pola prestación dos servizos complementarios educativos e de conciliación de vida familiar e laboral. Non existe regulamento de funcionamento deste servizo o cal resulta imprescindible, polo que se someterá a aprobación do Pleno. Previamente, foi sometido ao tramite de información previa, no que se presentaron dúas suxestións, as cales foron desestimadas.
Ademais, abordarase a aprobación definitiva do regulamento da Escola municipal de música, que foi aprobado, de xeito inicial, no pleno ordinario do pasado mes de decembro. Este regulamento dispón dun preámbulo e cinco títulos, onde se recolle a organización da Escola de Música, os recursos humanos e materiais, así como o funcionamento e réxime interior. Previamente foi sometido a exposición pública durante 30 días hábiles, rematados o pasado 15 de novembro, co obxectivo de que a veciñanza puidese facer as achegas que estimase oportuno.
Regulamento orgánico de Participación Cidadá
Outro dos temas que se tratará será a aprobación inicial do regulamento orgánico de Participación Cidadá, que quedou encima da mesa no pasado pleno ordinario de novembro, despois da proposta feita polo concelleiro do grupo municipal popular, Javier Olmo, ao considerar que existía unha contradición entre o texto do regulamento e o artigo 70 bis da Lei de Bases de Réxime Local. Finalmente, o informe xurídico feito para clarificar esta situación indica que non é necesario modificar a redacción do artigo 14 do regulamento orgánico de Participación Cidadá.
Este regulamento recolle 36 artigos divididos en catro títulos para regular en base ás disposicións xerais, os dereitos da cidadanía, os órganos de participación cidadá e o tecido asociativo. Dito regulamento describe os dereitos da cidadanía á participación, ao acceso á información, así como o dereito a súa participación nas sesións plenarias ou de presentación de queixas, suxestións ou reclamacións, coa posta en marcha dunha Comisión especial. Ademais, regula a iniciativa popular, así como os órganos de participación a partir da Asemblea de participación cidadá, as Asembleas territoriais e os Consellos sectoriais, como os xa existentes de deportes, comunicación ou escolar que se puxeron en marcha neste último mandato.
Proposta do grupo municipal Ames Novo
Por último, debaterase unha proposta presentada polo grupo municipal Ames Novo de apoio á folga feminista do 8 de marzo de 2019. A través desta proposta solicitáselle ao Pleno que apoie activamente a folga feminista do vindeiro 8 de marzo, así como todos os eventos reivindicativos e accións convocadas co mesmo obxectivo que a folga, antes e/ou despois da citada data, facilitando os medios dispoñibles dende o Concello para elo; adoptar as medidas necesarias para garantir o exercicio do dereito de folga por parte de todas as mulleres traballadoras municipais que se sumen á reivindicación; elaborar dende o Concello unha declaración institucional en apoio á folga; e colocar no Concello a bandeira feminista como acto simbólico de apoio á folga e ás reivindicacións recollidas en dita proposta.