Pestanas principais

O Pleno debaterá o xoves, 14 de marzo, a aprobación do Orzamento de 2019 que se aproxima aos 26 millóns de euros

Sábado, 09 de marzo de 2019

[09-03-2019] O vindeiro luns, 11 de marzo, ás 14.30 horas, celebrarase unha sesión extraordinaria da Comisión informativa permanente de Economía e Facenda para informar do expediente do Orzamento municipal de 2019. Estas contas son froito do acordo ao que chegaron o goberno municipal e o grupo Ames Novo, que garante a aprobación duns novos orzamentos para o presente exercicio. Trátase dun orzamento municipal ampliado e que acada unha cifra de preto de 26.000.000 euros, que incrementou en 1.300.000 euros respecto do Orzamento de 2018 (un 5,24% máis).

As contas que se presentarán este luns, 11 de marzo, na Comisión informativa permanente de Economía e Facenda, recollen unha blindaxe da área de Servizos Sociais, que contará cun crédito de preto dos 3.200.000 euros. Desta contía, o gasto en asistencia social e promoción social representa unha porcentaxe do 12,30% do total do orzamento municipal. Ao mesmo tempo, destaca a inclusión dunha partida para executar novos investimentos recollidos no Plan Impulsa Ames, da EDUSI, que están cofinanciados con fondos europeos FEDER, como por exemplo a construción dun centro multidisciplinar a para a mocidade no Milladoiro.

Tamén se reservan partidas económicas para a ampliación da horas de prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o reforzo na contratación de persoal de Servizos Sociais, etc. Ademais, continúase co reforzo da área de Educación cun crédito asignado que supera os 5.000.000 euros, representando un 19,40% do orzamento municipal. Algunhas das actuación novas que recolle o Orzamento de 2019 é unha partida de 454.000 euros para a construción dun novo comedor no CEIP A Maía, co obxectivo de solucionar a problemática de escaseza de prazas que existe na Rede municipal de comedores escolares.

O alcalde de Ames, José Miñones, destaca que “a situación económica do Concello é a mellor da última década, e a presentación deste orzamento a mellor demostración da estabilización das contas municipais, que por terceiro ano consecutivo preséntanse dentro da anualidade, cousa que non acontecía desde hai varios anos”.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, amósase “moi satisfeita de presentar un Orzamento municipal para o 2019, que acada xa unha cifra de preto de 26.000.000 euros, e que representa á maioría das veciñas/os de Ames que conta co consenso da formación Ames Novo á que agradecemos o apoio. Trátase dun orzamento que continúa a reforzar as grandes liñas marcadas en anos anteriores coma o reforzo das áreas de Servizos Sociais, Educación, Servizos Básicos, cun grande esforzo inversor nas distintas áreas e ampliación dos servizos municipais”.

Reforzo do emprego público
Por outra banda, continúase apostando e reforzando o emprego público, acadando o crédito asignado ao Capítulo I de persoal a cifra de 8.400.000 euros, que representa o 32,31% do total do orzamento municipal. Deste xeito, increméntase a cifra do capítulo de persoal en preto de 274.000 euros (3,38%) respecto do presupostado no exercicio 2018, xa que se inclúe o incremento salarial que permite a lei e unha partida específica para a negociación dos complementos específicos na segunda fase de negociación da Relación de Postos de Traballo (RPT).

No Orzamento de 2019 tamén se fai un importante incremento no Capítulo VI de investimento, que acada a cifra de 4.400.000 euros, na que se inclúen importantes actuacións previstas no plan Impulsa Ames, da EDUSI, por importe de 1.800.000 euros, nas diferentes áreas: Servizos Sociais, Urbanismo, Servizos Básicos, Comercio, Sociedade da información, así como outros investimentos en instalacións deportivas, camiños veciñais, estradas, parques e xardíns, vías públicas, etc.

Por último, cómpre salientar o reforzo e ampliación dos servizos nas distintas áreas cunha dotación no Capítulo II de preto de 11.700.000 euros, representando un 45% do orzamento municipal, incrementando en 570.000 euros (5,14%) respecto do orzamento de 2018.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames cierra para este año un presupuesto de 25,8 millones"