Este martes, 28 de maio, realizarase o pleno ordinario do mes de maio no que a Corporación municipal deberá debater sobre a modificación do proxecto de construción de dúas pistas de tenis na urbanización de Aldea Nova. As modificacións introducidas alteran o orzamento de execución aumentando o mesmo na contía de 6.523,77 euros (9,95%). Esta obra foi adxudicada pola Xunta de Goberno Local á empresa Galitec Desarrollos Tecnológicos, S.L. por un importe de 65.582,00 euros, IVE incluído. Estas actuacións están incluídas no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal “POS+2018” da Deputación da Coruña. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a convocatoria coa orde do día do pleno ordinario de maio.
A actuación executarase na zona oeste da urbanización, onde na actualidade se atopa o campo de fútbol 7, facendo coincidir a esquina suroeste coa esquina do terreo de xogo na mesma orientación, na intersección das varandas. As pistas serán paralelas coa mesma orientación de cara a non ter problemas co sol.
Na cabeceira norte da pista oeste construirase unha plataforma para descanso e acceso dotada con bancos e árbores e outra para, no futuro, construír sobre ela unha pista de pádel. Deste xeito, preténdese concentrar o deporte de raqueta nas instalacións municipais de Aldea Nova, que contan xa coa única instalación de pádel municipal e un amplo espazo de aparcamento e zona verde.
Sobre a explanada construiranse os muros perimetrais e de separación das dúas pistas, enchendo o interior cunha capa de grava e, sobre ela, a soleira deportiva de formigón poroso, que irá pintada e sobre a que se marcarán ambos campos. Os peches das pistas de tenis terán 4 metros de altura con malla de simple torsión. O que separa una pista da outra terá 2,5 metros de altura. O peche exterior construirase con material reciclado do existente na actualidade nos noiros, que previamente será desmontado.
Modificacións do proxecto
Durante a execución das obras o director das mesmas informou que levando a cabo unha revisión do proxecto detectáronse dúas partidas que teñen a medición equivocada, xa que foron cuantificados menos metros de superficie das pistas, aínda que nos planos do proxecto si estaban ben indicadas as superficies realmente correctas. As dúas partidas que se ven afectadas substancialmente están no capítulo de soleiras. As modificacións introducidas alteran o orzamento de execución aumentando o mesmo na contía de 6.523,77 euros (9,95%).