Pestanas principais

O Pleno debaterá mañá a modificación do prezo público das escolas infantís para adaptalas á normativa autonómica e poder optar a subvencións

Mércores, 27 de xuño de 2012

[27-06-2012] A sesión plenaria de mañá debaterá a aprobación inicial da modificación da ordenanza que regula o prezo público pola prestación do servizo das escolas infantís municipais do Concello de Ames. A suba proposta nos servizos afectará só ás rendas máis altas e, seguindo a política levada a cabo por este Goberno, os prezos para as rendas máis baixas non se tocarán, senón que mesmo terán bonificacións.

O obxectivo é adaptar esta ordenanza á normativa autonómica (Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro) que regula os prezos das escolas infantís de titularidade autonómica. Este paso é necesario e imprescindible para garantir o acceso do Concello de Ames ás subvencións e axudas.

O obxectivo teórico inicial destes prezos é que o financiamento dos centros fora soportado a partes iguais pola Xunta, Concello e os usuarios. No caso de Ames, esta situación está moi lonxe de suceder, como consecuencia, principalmente, do maior custe que representan as escolas municipais respecto doutras de similares características. Debe lembrarse que, por exemplo, o cadro de persoal de O Bosque e A Madalena é moi superior ao esixible segundo as ratios autonómicas, ao que habería que engadir o maior esforzo orzamentario que está a facer o Concello en practicamente todos os aspectos deste servizo.

Ademais, o Plan de Axuste 2012-20122, aprobado polo Pleno o pasado 29 de marzo, establece a necesidade de que os prezos públicos esixidos pola prestación deste tipo de servizos experimenten as revisións que sexan necesarias para achegar o importe percibido ao custe de prestación dos correspondentes servizos.

Todo isto determina a necesidade ineludible de actualizar os prezos públicos esixidos polo Concello de Ames pola prestación dos servizos das Escolas Infantís Municipais, coa fin de homologalos aos que esixirá a Xunta nos seus centros. Con todo, á vista dos balances das Escolas Infantís, a porcentaxe de déficit asumido polo Concello seguirá a cuadriplicar o límite imposto polo Plan de Axuste despois da modificación da ordenanza.

Tarifas

  • As rendas inferiores ao trinta por centro do IPREM están exentas do pago dos prezos públicos.
  • As rendas comprendidas entre o 30 e inferiores ao 50% do IPREM: o prezo da praza con servizo de comedor será de 16,50 euros; mentres que sen comedor será de 0 euros.
  • As comprendidas entre o 50 e inferiores ao 75% do IPREM: o prezo será de 49,50 euros con servizo de comedor, e de 33 euros sen comedor.
  • As comprendidas entre o 75 e inferiores ao 100% do IPREM. O prezo será de 91 euros con comedor, e de 66 sen este servizo.
  • As comprendidas entre o 100 e inferiores ao 125% do IPREM. O prezo será de 141 euros con comedor, e de 106 sen este servizo.
  • As rendas entre o 125 e inferiores ao 150% do IPREM. O prezo será de 176 euros con comedor, e de 126 euros sen este servizo.
  • As rendas comprendidas entre o 150 e inferiores ao 200% do IPREM. O prezo será de 199 euros con servizo de comedor, mentres que sen el será de 139 euros.
  • Por último, as rendas superiores ao 200% do IPREM. O prezo será de 230 euros con comedor e de 160 sen este servizo.

Establécense, ademais, descontos segundo as circunstancias da unidade familiar. Así, os nenos e nenas pertencentes a familias numerosas terán un desconto do 20%, o mesmo que os pertencentes a familias monoparentais. Cando asistan ao mesmo centro varios irmáns, o segundo e sucesivos terán un desconto do 20%.

Plan especial Camiño Rueiro II
Tamén se debaterá no pleno, entre outros temas, a aprobación definitiva do Plan Especial APR B3-02, Camiño Rueiro II do PXOM de Ames. Este plan, enquistado desde o ano 2008, resolverá e completará a conexión do viario existente entre “Camiño do Rueiro” e a “Rúa da Murada” e co futuro polígono B7-01 incluído na área de reparto do parque do Río Ameneiral, definindo a superficie de parcela privada necesaria para dar cabida á construción de bloques de vivenda, cedéndolle ao Concello o resto da superficie para implantar equipamentos comunitarios.

En total, este ámbito de solo urbano dispón dunha superficie de 15.952 metros cadrados, dos cales 13.000 son lucrativos e 1.347 destinaranse a equipamentos públicos.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El pleno amiense retoma el debate de la tasa retroactiva de la basura"