Pestanas principais

O Pleno debaterá este xoves, 28 de maio, a incorporación á asociación Red Innpulso de Cidades da Ciencia e a Innovación

Mércores, 27 de maio de 2020

Este xoves, 28 de maio, celebrarase de forma telemática o pleno ordinario correspondente ao mes de maio, a través da aplicación Councilbox subministrada por AVA Soluciones tecnológicas. A Corporación municipal debaterá a segunda prórroga do contrato de xestión do servizo público Ciclo Integral da Auga; a adhesión á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) de Galicia; e a aprobación proxecto corrixido de reforma vestiarios campo de fútbol de Bertamiráns. Ademais, abordarse a incorporación do Concello de Ames á Incorporación á Red Innpulso; a modificación da ordenanza número 3 reguladora do prezo público pola utilización das instalacións deportivas e culturais; a modificación das bases número 20 e 26 do orzamento municipal de 2020; o recurso de reposición presentado por Serviocio contra o acordo plenario do 16 de abril de 2020, así como a ratificación de tres decretos de alcaldía aprobados durante este mes de maio.

Este xoves, 28 de maio, desenvolverase de forma telemática o pleno ordinario correspondente ao mes de maio. Previamente a realización de dito pleno o pasado venres, 22 de maio, realizáronse as comisión informativas previas a dita sesión plenaria. Deste xeito, realizouse a Comisión informativa de desenvolvemento urbano na que se abordaron tres puntos. En primeiro lugar abordouse a aprobación da segunda prórroga do contrato de xestión do servizo público Ciclo Integral da Auga do Concello de Ames.

Cómpre lembrar que dito contrato foi formalizado o 27 de xaneiro de 2017 dando inicio á prestación do mesmo o 16 de xuño de 2017. O contrato ten unha duración de 2 anos contados dende a data de inicio da prestación, prorrogables por prazos de 1 ano ata un máximo de 2 anos. Unha vez a empresa adxudicataria do servizo solicitou unha segunda prórroga polo prazo de 1 ano, correspóndelle ao Pleno autorizar dita prórroga. Con esta segunda prórroga o contrato estendería a súa vixencia ata o 15 de xuño de 2021. Durante o ano de prórroga deberan realizarse as actuacións de mantemento correctivo propias do ano de prórroga e as non executadas durante o período de duración inicial e primeira prórroga.

Outro dos asuntos tratados na comisión de desenvolvemento urbano foi a adhesión á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) de Galicia, que é un ente público que dispón de funcións de inspección, restauración da legalidade e sanción en materia de urbanismo. Son membros da Axencia a Administración autonómica e os municipios que voluntariamente se integran nela, a través do correspondente convenio de adhesión, que haberá de ser aprobado polo pleno da corporación e polo titular da consellería competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio, e publicado no Diario Oficial de Galicia.

Ademais, en dita comisión tratouse a aprobación do proxecto corrixido de reforma dos vestiarios do campo de fútbol de Bertamiráns, que dispón dun orzamento de 89.652 euros. No pleno ordinario do pasado mes de abril aprobouse a corrección dos proxectos do POS 2020, aprobados no pleno do 18 de decembro de 2019. En dito pleno quedou pendente de aprobar a corrección de dito proxecto, polo que se fará agora se procede. Simplemente se trata de correccións técnicas requiridas pola Deputación da Coruña.

Comisión de Economía e Facenda e Especial de Contas
Na comisión informativa permanente de Economía e Facenda e Especial de Contas abordáronse diversos temas que tamén terá que tratar a Corporación municipal este xoves no pleno ordinario do mes de maio. O primeiro punto abordado foi a modificación da ordenanza número 3 reguladora do prezo público pola utilización das instalacións deportivas e culturais de propiedade municipal. Trátase de derrogar o artigo 6, e de dar nova redacción aos artigos 2 (concepto), 3 (obrigados ao pagamento) e 4 (contía). A través de dita modificación non se propón modificación algunha das contías do prezo público polo uso das instalacións culturais.

Tamén se abordou a modificación das bases número 20 e 26 do orzamento municipal de 2020. Ditas modificación realízanse co obxectivo de que mentres dure a situación de estado de alarma a modalidade de pago da renda social de garantía mínima e das axudas para a recuperación en situacións de emerxencia social, a través de cheque nominativo, será substituída preferentemente por ingreso na conta bancaria, que facilite a persoa interesada, aberta ao seu propio nome ou de calquera membro da unidade familiar, e de forma extraordinaria por unha prestación en efectivo mediante o procedemento de anticipo de caixa fixa.

Tamén ditas modificacións do orzamento afectan aos límites a partir dos cales se establece a necesidade de achegar ao expediente de contrato menor tres orzamentos. A situación excepcional que se está a vivir fai necesaria unha axilización de procedementos por parte das Administracións públicas que permita dar solución e respostas rápidas ás necesidade que van xurdindo. Deste xeito, proponse axilizar os trámites para a tramitación de expedientes de contrato menor, establecendo novos límites por enriba dos cales se precisan a entrega de 3 orzamentos para o caso dos contratos menores de servizos e submnistros e contratos menores de obras, flexibilizando e axilizando estes procedementos de contratación.

Outro dos asuntos abordados na comisión de Economía e Facenda e Especial de Contas foi o recurso de reposición presentado por Serviocio contra o acordo plenario do 16 de abril de 2020. En dita sesión plenaria aprobouse por unanimidade a desestimación da solicitude feita pola empresa concesionaria do complexo da piscina cuberta municipal de Ames, para a compensación económica debido a paralización da súa actividade empresarial. Todos os grupos municipais coincidiron en que non procedía aprobar dita solicitude.

Incorporación á asociación Red Innpulso
Ademais, tratouse a adhesión do Concello de Ames á asociación Red Innpulso de Cidades da Ciencia e a Innovación (ARINN), amosando conformidade os seus estatutos e aboando a cota correspondente a esta primeira anualidade. En abril de 2019 o Concello e Ames recibiu comunicación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades sobre a distinción de “Ciudad de la Ciencia y la Innovación”, na convocatoria correspondente ao ano 2018, outorgada mediante resolución da Secretaria de estado de Universidades, Investigación, Desarrollo e Innovación. Esta distinción foi concedida grazas á presentación do proxecto Inno@mes.

A Asociación Red INNPULSO de Cidades da Ciencia e a Innovación (ARINN) ten como obxectivo recoñecer e impulsar as actuacións que en materia de Ciencia e Innovación realizan as administracións locais, propiciar a colaboración entre os concellos pertencentes a  Red, mellorar o seu potencial innovador e servir de modelo a outros concellos para contribuír ao cambio do modelo produtivo cara un modelo económico e social sostible, baseado no coñecemento a a innovación.

Ratificación do decretos de alcaldía
Por último, abordouse a ratificación de tres decreto de alcaldía, aprobados neste mes de maio, sobre a constitución de anticipo de caixa fixa 2/2020 para pagamentos das renda social de garantía mínima e das axudas para a recuperación en situacións de emerxencia social durante o estado de alarma aprobado polo real decreto 463/2020, do 14 de marzo; a corrección de erros do acordo plenario de 30 abril de 2020 sobre a solicitude do plan provincial de 2020; e o levantamento da suspensión de prazos no expediente de derrogación da ordenanza fiscal nº 3.b.3, reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos, con finalidade lucrativa.

Imaxe do salón de plenos da Casa do Concello