Pestanas principais

O Pleno debaterá este xoves, 26 de abril, a aprobación do Orzamento de 2018 que se aproxima aos 25 millóns de euros

Luns, 23 de abril de 2018

[23-04-2018] Este pasado venres, 20 de abril, celebrouse a Comisión informativa permanente de Economía e Facenda para informar do expediente do Orzamento municipal de 2018. Dito expediente foi ditaminado favorablemente por maioría absoluta cos votos a favor dos membros do goberno municipal, do grupo municipal Ames Novo e do concelleiro non adscrito, Javier López, mentres que os edís dos grupos do Partido Popular e de Pacto por Ames, abstivéronse. Por primeira vez na historia de Ames, este xoves, 26 de abril, vaise aprobar, se procede, no pleno ordinario do mes de abril, un orzamento que se achega aos 25 millóns de euros. Asemade, en dito pleno comparecerá o alcalde para falar da seguridade no concello, ante a solicitude feita polo concelleiro Ramón García Argibay o pasado 27 de febreiro de 2018. Dita solicitude de comparecencia foi aprobada no pleno ordinario de marzo.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, informa que o pasado venres o goberno municipal levou á Comisión informativa permanente de Economía e Facenda o expediente do Orzamento municipal de 2018, que foi ditaminado favorablemente por maioría absoluta cos votos a favor do goberno municipal, Ames Novo e do concelleiro non adscrito, Javier López, mentres que os concelleiros/as do Partido Popular e de Pacto por Ames se abstiveron. As contas para este exercicio 2018 serán debatidas e aprobadas de xeito inicial, se procede, este xoves, 26 de abril, no pleno ordinario do mes de abril. Por primeira vez debateranse uns Orzamentos que se achegan aos 25 millóns de euros.

Segundo indican dende o goberno municipal trátase duns presupostos que continúan coa blindaxe da área de Servizos Sociais cun crédito que se aproxima aos 2.100.000 euros. Deste xeito, ampliase a contía destinada á Renda Social Municipal en 54.000 euros ata os 175.000 euros (o que supón un incremento do 44,63%), entre outras medidas. Asemade, reforzase a aposta polas políticas públicas de persoal acadando o crédito asignado ao capítulo I de persoal a cifra de 8.125.000 euros, incrementando esta contía en preto de 1.000.000€ (13,79%) respecto do presupostado en 2012 (7.140.000€) e 230.000€ (2,87%) da cantidade orzamentada en 2017 (7.900.000€).

Por outra banda, no Orzamento de 2018 reflíctese a eliminación total da partida destinada a amortizar a débeda bancaria (capítulo 9 de gastos-débeda financeira) que era de 244.000 €/ano (orzamento de 2012), 676.000 €/ano (2017) e destinando 0 € para este presuposto de 2018, grazas a amortización dos préstamos bancarios e cancelación total da débeda bancaria a finais de 2017 por importe de 2.770.000 euros. Tamén se realiza unha eliminación total dos gastos financeiros a pagar polos préstamos bancarios que eran de 296.000€ (orzamento de 2012), 45.000€ (orzamento de 2017) e tan só se dota unha cantidade pequena de 1.000€ neste Orzamento de 2018, para poder facer fronte a pequenos gastos que poidan xurdir por pequenas comisións de operacións bancarias. Todo isto produto da operación de amortización e cancelación total da débeda bancaria realizada en decembro de 2017.

Forte incremento no capítulo de investimentos
Cómpre destacar o forte incremento que se fai no capítulo VI de investimentos pasando de 2.300.000€ no 2017 a 4.300.000€ neste orzamento de 2018, preto de 2.000.000€ máis de investimentos para este exercicio, un 84% máis de investimentos nas distintas áreas do Concello. Inclúese no orzamento as primeiras actuacións do Proxecto Impulsa-Ames, da EDUSI, por importe de 1.245.000€ que irán destinados a investimentos nas áreas de urbanismo, servizos básicos, asistencia social, fomento do emprego, promoción turística e comercio, transporte colectivo urbano, sociedade da información, administración xeral e política económica e fiscal.

Volve a reforzarse a área de Educación acadando preto dos 4.300.000€ de crédito, sendo a segunda área en importancia que representa o 17,40% despois de Servizos Básicos con preto de 5.300.000€, un 21,38% da partida orzamentaria. Na área de fomento do Emprego habilítase unha partida de 120.000€ para crear un espazo de Coworking.

Continúa a aposta pola área de Deportes dotando a dito departamento dunha contía de máis de 1.000.000 euros para subvenciones dirixidas a clubs e entidades deportivas e para seguir ampliando e construíndo novos espazos deportivos, como as pistas de squash, o novo ximnasio do pavillón de Bertamiráns, a construción de pistas de tenis en Aldea Nova, a mellora da accesibilidade no pavillón do Milladoiro, etc. Deste xeito, incrementase esta partida nun 35,43% (275.000€) respecto ao crédito asignado en 2012 e nun 12,45% (116.000€) respecto do 2017.

Orzamentos participativos para a mocidade
Os presupostos deste exercicio inclúe unha partida para, por segundo ano consecutivo, levar a cabo a iniciativa dos Orzamentos Participativos. Este ano 2018, o goberno municipal destina 192.000 euros para que a veciñanza de Ames faga propostas e decida o seu gasto. Así, increméntase en 60.000 euros (un 45,45%) o crédito asignado a dita partida. Destinaranse 132.000 euros, divididos en partes iguais (12.000 euros para cada unha das 11 parroquias) para realizar investimentos no rural: Lens, Tapia, Piñeiro, Ameixenda, Trasmonte, Agrón, Covas, Bugallido, Ames, Biduído e Ortoño. Ademais, 50.000 euros destinaranse a dous investimentos para o acondicionamento de dous espazos abertos dirixidos a mocidade, localizados un en Bertamiráns (25.000 €) e outro no Milladoiro (25.000 €) e 10.000 euros destinaranse a actividades ou programas dirixidos á mocidade do Concello.

Ás áreas de parques e xardíns e medio ambiente disporán dunha partida de preto de 1.100.000 euros, incrementando un 53,72% respecto do 2017 con actuacións importantes en investimentos e acondicionamentos de parques e xardíns, así como habilitando unha partida específica nos orzamentos destinada ao Plan de prevención de incendios forestais no que se abre unha liña de axudas, rutas peonís… Na área de Cultura tamén se produce un incremento importante chegando a contía de 1.400.000€ co obxectivo de ampliar a programación cultural. Por último, hai que destacar o forte investimento en estradas e camiños veciñais no rural cunha dotación de 1.150.000 euros, incrementando os investimentos en 820.000€ respecto ao presupostado en 2017 (250,56%) e preto de 500.000€ máis que no ano 2012.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Seguridad amiense y un presupuesto de 25 millones, a pleno"
La Voz de Galicia: "El tripartito de Ames presenta un presupuesto de 25 millones y con el apoyo de dos partidos"
Compostela 24 Horas: "El Pleno debatirá este jueves la aprobación del Presupuesto de 2018"