Pestanas principais

O Pleno debaterá a creación dunha mancomunidade co Concello de Brión para a xestión conxunta da ETAP Ames-Brión

Mércores, 28 de abril de 2021

Este xoves, 29 de abril, o Concello de Ames celebra o pleno ordinario do mes de abril. En dita sesión plenaria a Corporación municipal debaterá sobre o inicio da tramitación para a creación dunha mancomunidade co Concello de Brión para a xestión conxunta da ETAP Ames-Brión. Tamén se abordará a ratificación do acordo da Xunta de Goberno Local sobre o desistimento do expediente de licitación do servizo de limpeza viaria e xestión do Punto Limpo; a proposta de corrección de solicitude de POS+ 2021; e a prórroga forzosa do contrato de xestión do servizo público do Ciclo Integral da Auga. Ademais, abordaranse tres propostas: unha presentada polo grupo municipal socialista sobre a soidade non desexada; unha segunda sobre o Plan de saúde mental, presentada polos grupos do PSdeG-PSOE, BNG e Contigo Podemos; e a terceira sobre os abusos por parte da banca sobre as persoas usuarias, presentada polo concelleiro Enrique Costas, de Ames Novo. Todos estes temas foron tratados previamente, o pasado venres 23 de abril, nas comisións informativas.

Un dos asuntos incluídos na orde do día do pleno ordinario deste mes de abril é a creación dunha mancomunidade co Concello de Brión para a xestión conxunta da ETAP Ames-Brión. A participación de cada un dos dous Concellos nas devanditas instalacións é dun 67% para Ames, e o 33% restante corresponde ao Concello de Brión. Ata o momento, e en relación coa xestión da potabilizadora, os concellos de Ames e Brión subscribiron o 27 de decembro de 2018 un convenio de colaboración co obxecto de regular a porcentaxe de participación de cada Concello nos custos da xestión da devandita ETAP Ames-Brión. O devandito convenio ten un prazo de catro anos dende a súa sinatura, podendo prorrogarse por 4 anos máis de forma expresa.

Tendo en conta o escrito remitido por Augas de Galicia o 22 de decembro de 2020 no que, entre outras cuestións, informan de que dado que a competencia do subministro de auga potable a domicilio é unha competencia municipal, e que o Concello non conta con concesión para a captación das augas públicas do río Tambre, e no que tamén indican que a solicitude deberá ser formulada pola unha Mancomunidade, Consorcio ou entidade semellante, e dado que corresponde aos Concellos de Ames e Brión a xestión da ETAP Ames-Brión, vaise proceder á creación dunha Mancomunidade co Concello de Brión para a xestión das instalacións, así como para tramitar xa ao nome desta Mancomunidade a oportuna concesión da captación de augas no río Tambre para o funcionamento da ETAP. Para iso haberá que crear unha Comisión de estudo que se encargue de elaborar o anteproxecto de estatutos e de tramitar o procedemento ata a constitución dos órganos de goberno da Mancomunidade.

Licitación do servizo de limpeza viaria
Por outra banda, vaise a debater sobre a ratificación do acordo da Xunta de Goberno Local sobre o desistimento do expediente de licitación do servizo de limpeza viaria e xestión do Punto Limpo. No pleno ordinario do pasado mes de marzo foi aprobada a licitación do contrato de servizos de limpeza viaria e xestión dos puntos limpos do Concello de Ames. O anuncio de licitación foi publicado na plataforma de licitación do sector público o 1 de abril de 2021.

Durante o prazo de presentación de ofertas, que remata o día 4 de maio de 2021, presentouse un recurso especial en materia de contratación pola Asociación de Pequeñas Empresas Gallegas contra os pregos de cláusulas administrativas particulares, alegando que o órgano de contratación non deu cumprimento ás esixencias do artigo 29.4 LCSP ao non xustificar de ningunha forma a necesidade de exceder do prazo máximo de 5 anos previsto para os contratos de servizos, solicitando a nulidade da cláusula sexta do prego de cláusulas administrativas particulares que fixa a duración do contrato en 10 anos. No escrito de interposición do recurso, a recorrente solicita tamén a medida cautelar de suspensión do procedemento de contratación.

Na Xunta de Goberno Local celebrada o 19 de abril de 2021 acórdase estimar o devandito recurso especial de contratación. Tamén se acorda o desistimento do expediente de licitación para garantir unha maior seguridade xurídica e con fin de evitar prexuízos innecesarios tanto aos licitadores como a propia Administración local. Se ben o Pleno delegou na Xunta de Goberno Local todas as competencias neste expediente, salvo a adxudicación, dada a transcendencia do acordo de desistimento darase conta ao Pleno do Concello para a súa ratificación.

Prórroga do servizo público do Ciclo Integral da Auga
Outro dos asuntos a tratar no pleno ordinario deste mes de abril é a prórroga forzosa do contrato de xestión do servizo público do Ciclo Integral da Auga. Dito contrato, que inicia a súa prestación efectiva o 16 de xuño de 2017, ten un prazo de execución de dous anos prorrogables por prazo de 1 ano ata un máximo de 4 anos. Foron acordadas as dúas prorrogas previstas mediante acordos plenarios do 29 de abril de 2019 e 28 de maio de 2020; isto sitúa o fin do contrato o 15 de xuño de 2021. O Concello de Ames ten moi avanzados os estudos de cara a unha municipalización deste servizo, pero propón continuar coa actual concesionaria ata o 31 de decembro de 2021, mantendo as mesmas condicións do actual contrato asinado.

Tamén se abordará a proposta de corrección de solicitude de POS+ 2021. O Pleno aprobou o 4 de febreiro de 2021 a participación do Concello de Ames no Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos de competencia municipal 2021 e aprobou os proxectos técnicos das actuacións incluídas no dito plan (Plan POS+ 2021).Recentemente a Deputación Provincial da Coruña remitiu unha comunicación ao Concello solicitando a corrección de determinadas deficiencias. As correccións son cuestións técnicas, que non afectan á natureza e finalidade dos investimentos a realizar nin a súa valoración económica.

Propostas a debate
Ademais, abordaranse tres propostas. A primeira é unha proposta presentada polo grupo municipal socialista sobre a soidade non desexada. En dita proposta proponse instar á Xunta de Galicia a realizar de xeito urxente unha diagnose da soidade non desexada, mediante estudos que reflictan esta realidade no noso concello; e elaborar de xeito prioritario, en función dos resultados de dito estudo, un Plan Galego para a Soidade Non Desexada.

A segunda proposta que se debaterá é sobre o Plan de saúde mental, presentada polos grupos do PSdeG-PSOE, BNG e Contigo Podemos. Neste caso solicítase incrementar nos orzamentos da Xunta para o ano 2021 os recursos destinados a sufragar o anunciado Plan de saúde mental pos Covid-19, nunha contía mínima de 21 millóns de euros. Tamén se solicita a creación nos centros de saúde de atención primaria de prazas de psicólogos/as clínicos, terapeutas ocupacionais, logopedas, ampliar as prazas de traballadores/as sociais... que permita a creación de equipas multidisciplinares e prestar unha atención integral; a creación de unidades hospitalarias de atención infanto-xuvenil en todas as áreas sanitarias; e a realización dun estudo para determinar os efectos que a pandemia está a ter na saúde mental da poboación, de cara a establecer o alcance das medidas a tomar para actuar con eficacia.

A terceira é última proposta presentada polo concelleiro do grupo mixto, Enrique Costas, de Ames Novo, trata sobre os abusos por parte da banca sobre as persoas usuarias. En dita proposta solicítase dirixirse á Asociación Española de Banca para instala a que se adopten medidas que favorezan a accesibilidade aos servizos bancarios das persoas con menor capacitación dixital, adecuando os horarios de atención para todo tipo de xestións e facilitando a súa atención personalizada. Tamén se pide negociar coas entidades bancarias con presenza no municipio e, especialmente, con aquelas coas que o Concello ten relación comercial, a implantación de medidas que favorezan a debida atención a estes colectivos; e  dirixirse á FEGAMP e á FEMP para instalas a que se negocie coas entidades bancarias e coa súa patronal a adopción de medidas que revertan esta situación.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Crean la mancomunidad de A Maía para dar de beber a 40.000 almas"

Lindeiros: "O contrato de limpeza viaria de Ames terá que agardar"

Salón de plenos.