Pestanas principais

O Pleno debaterá a constitución da Asociación de concellos da Ruta Rosaliana “As Pegadas de Rosalía”

Martes, 22 de setembro de 2020

Este xoves, 24 de setembro, o Concello de Ames celebra unha nova sesión plenaria. Neste caso a ordinaria do mes de setembro. En dita sesión plenaria a Corporación municipal debaterá a constitución da Asociación de concellos da Ruta Rosaliana “As Pegadas de Rosalía”, así como a aprobación dun borrador de estatutos para dita asociación. Ademais, abordarse a modificación da ordenanza número 5 que regula o prezo público pola prestación do servizo das escolas infantís municipais; a segunda modificación das bases de execución do Orzamento de 2020; o compromiso de afectación durante 10 anos do local adquirido para coworking; e unha proposta do concelleiro José Ramón Oulego. Tamén se dará conta do decreto de liquidación do exercicio 2019.

Un dos asuntos que se debaterán no pleno ordinario de setembro será a constitución da Asociación de concellos da Ruta Rosaliana “As Pegadas de Rosalía”. Neste punto tamén se abordará a aprobación dun borrador de estatutos para dita asociación. A asociación estaría integrada polos concellos de Ames, Brión, Dodro e Padrón. Nun futuro poderán integrarse outros concellos. A aprobación dos estatutos e, polo tanto a adhesión a asociación, implica unha achega económica para o Concello de Ames de 1.000 euros anuais.

Outro dos puntos a tratar será a modificación da ordenanza número 5 que regula o prezo público pola prestación do servizo das escolas infantís municipais do Concello de Ames. Dita modificación está motivada pola necesidade de acollerse á gratuidade da atención educativa para os segundos/as fillos/as e sucesivos, ao abeiro da Disposición Adicional novena da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia; establecendo unha bonificación do 100% do prezo correspondente a atención educativa para o curso 2020-2021 para os segundos fillos/as e sucesivos da unidade familiar.

Por outra banda, debaterase a segunda modificación das bases de execución do Orzamento de 2020. Neste caso trátase de facer unha modificación na subvención nominativa para a Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil por importe de 17.000 euros. A finalidade da subvención é o financiamento de gastos correntes de funcionamento da agrupación. Por parte da Agrupación de Voluntarios/as púxose en coñecemento do Concello que durante este exercicio é necesario realizar unha seríe de investimentos relacionados co seu funcionamento, polo que solicitan que unha parte da subvención se destine a gasto e a outra a investimentos. Deste xeito, do total de 17.000 euros; 9.200 euros dedicaranse a gasto corrente de funcionamento, e 7.800 euros para gastos de material inventariable.

Local adquirido para coworking
O pasado 22 de maio de 2020 o alcalde, Jose Miñones, asinou a acta notarial para a adquisición do inmoble, que está situado na rúa das Hedras, na entrada do parque empresarial do Milladoiro, onde se vai a poñer en marcha o novo centro coworking "A Proa". Trátase dun espazo de traballo colaborativo e que terá como finalidade ampliar os servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego, con especial atención ao sector audiovisual e tecnolóxico. O Concello de Ames asinou coa Deputación da Coruña un convenio, a través do cal a administración provincial financiará algo máis do 35% dos custes do local, cunha achega de 200.000 euros.

Entre os requisitos do convenio figuran, entre outras, dúas condicións: a incorporación do local ao inventario municipal de bens (esta esixencia cumprimentouse en acordo plenario do 25 de xuño de 2020; e mailo compromiso de afectación durante 10 anos do local adquirido para coworking, compromiso que deberá recollerse na correspondente anotación no inventario municipal. Esta esixencia será debatida e aprobada, se procede, pola Corporación municipal do Concello de Ames no pleno deste xoves 24 de setembro.

Proposta do concelleiro José Ramón Oulego
Por último, tratarase unha proposta do concelleiro, José Ramón Oulego, para rexeitar o transfuguismo como práctica de corrupción política que dinamita a estabilidade democrática das Corporacións locais. A través de dita proposta trátase de manifestar  o rexeitamento do transfuguismo como práctica de corrupción política e fraude á vontade da cidadanía que supón unha completa deslealdade cara as formacións políticas que ampararon a candidatura dos representantes locais cun único fin de perseguir o interese de beneficio individual, mesmo aínda que iso supoña dinamitar a representación institucional e política que foi democraticamente manifestada nas urnas por todos os cidadáns.

Ao mesmo tempo ínstase ao Ministerio de Política Territorial e Función Pública a que se dote de carácter estable a Comisión de Seguimento do Pacto Antitransfuguismo garantindo a continuidade da recente convocatoria acordada para o 21 de setembro como mostra de compromiso político para atallar esta secuela e evitar que os cargos electos que abandonaron a formación política pola que concorreron ás eleccións poidas acabar alterando a representación democraticamente manifestada polos cidadáns nas urnas e condicionando a estabilidade dos gobernos locais.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "O xoves celebrarase unha nova sesión plenaria no concello de Ames"

Imaxe de arquivo do salón de plenos da Casa do Concello