Pestanas principais

O Pleno debaterá a aprobación dun suplemento de crédito para sufragar o remate das obras de construción do centro multifuncional do Milladoiro

Mércores, 10 de setembro de 2025

Este xoves, 11 de setembro, o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de agosto. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre dous puntos de eido económico. O primeiro será un suplemento de crédito financiado cunha operación de crédito, para o financiamento do contrato para o remate das obras de construción do centro multifuncional do Milladoiro, que está dirixido á mocidade e a persoas en risco de exclusión social. No segundo punto abordarase a aprobación dunha transferencia de crédito por valor de 150.247,16 euros, para sufragar gastos de distintos servizos municipais antes de que remate o exercicio 2025. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordará será a aprobación, se procede, do punto da acta correspondente ás preguntas da sesión ordinaria do 26 de xuño de 2025 e maila acta da sesión ordinaria do 31 de xullo de 2025.

De seguido abordarase a aprobación, se procede, do suplemento de crédito financiado cunha operación de crédito, para o financiamento do contrato para o remate das obras de construción do centro multifuncional do Milladoiro, dirixido á mocidade e a persoas en risco de exclusión social.

No ano 2024 o Concello acordou a resolución do contrato das obras de construción do centro multifuncional de lecer, cultura e promoción económica do Milladoiro, asinado coa empresa Citanias Obras y Servicios SL por incumprimento tanto dos prazos parciais como do prazo final de dito contrato. Este proxecto enmárcase dentro do programa operativo Plurirexional 2014-2020 de España, financiado nun 80% con fondos EDUSI e nun 20% polo propio concello.

Nas instrucións de peche para o eixo 12 do Programa operativo Plurirexional 2014-2020 no que se encadra a citada actuación establécese que antes do 15 de febreiro de 2027, o Concello de Ames deberá ter rematadas as obras de construción do centro multifuncional e que este deberá estar en funcionamento, coa realización de actividades no seu interior. 

Tendo en conta isto proponse dita operación de crédito, para o financiamento do contrato para o remate das obras de construción do centro multifuncional do Milladoiro. Todo elo co obxectivo de cumprir cos requisitos do programa EDUSI e evitar a perda do 80% da subvención correspondente ao gasto certificado a 31 de decembro de 2023 da liña de actuación correspondente (LA10). No caso de non finalizar a edificación nin executar actuacións dentro das instalacións, o Concello deberá reintegrar o importe xa recibido, que ascende a 505.347,18 euros e que se corresponde con actuacións da indicada liña de actuación certificadas a 31 de decembro de 2023.

Novo proxecto para completar a construción do centro multifuncional
A finais de 2024 o Concello encargou a redacción dun novo proxecto para completar a construción do centro multifuncional e procedeu a aprobar un novo proceso de licitación do contrato das obras en base ao novo proxecto mediante a tramitación anticipada do expediente.

Neste momento o proceso de licitación atópase en fase de adxudicación mais é necesario dotar crédito mediante un suplemento de crédito financiado cun préstamo, para poder adxudicar o contrato e que se inicien canto antes as obras. Trátase dun gasto que non se pode demorar ata ao exercicio seguinte xa que as obras deben estar rematadas antes de que finalice o ano 2026 para que se poña en funcionamento o centro e de desenvolvan actividades para deste xeito poder xustificar a funcionalidade da operación dentro do prazo de xustificación establecido no Programa operativo Plurirexional 2014-2020 (febreiro de 2027).

O importe necesario para rematar ditas obras ascende a 1.097.687,03 euros. A dito importe hai que sumarlle 109.768 euros, correspondentes ao incremento do 10% da liquidación do contrato e dirección de obra, o que suma un importe total de 1.207.455,70,73 euros. Para dispor de dito importe o Concello dispón de 657.235,43 euros do remanente incorporado do exercicio 2024 e vai solicitar unha operación de préstamo por valor de 550.220,30 euros.

Transferencia de crédito
Por outra banda, vaise abordar a aprobación dunha transferencia de crédito por valor de 150.247,16 euros, para sufragar gastos de distintos servizos municipais (dotación adicional para actividades culturais, servizo de monitoraxe nos comedores escolares, reparación do equipo de son e megafonía do pavillón polideportivo municipal de Bertamiráns e reparación do campo de fútbol do Milladoiro), antes de que remate o exercicio 2025. Ditos gastos financiaríanse con crédito do aforro polo mantemento da EDAR de Calo–Milladoiro e polo aforro derivado da amortización anticipada da débeda.

Novas relacionadas: 

La Voz de Galicia: "Ames debate un suplemento de crédito para rematar las obras del centro multifuncional de O Milladoiro"

El Correo Gallego: "Ames busca 500.000 € para concluir el edificio multifuncional de Milladoiro"

O Pleno debaterá a aprobación dun suplemento de crédito para sufragar o remate das obras de construción do centro multifuncional do Milladoiro