Pestanas principais

O Pleno debaterá a aprobación dun suplemento de crédito para sufragar gastos relativos ao funcionamento ordinario dos servizos municipais

Martes, 28 de outubro de 2025

Este xoves, 30 de outubro, o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de outubro. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre a aprobación do suplemento de crédito 3/2025, por valor de 3.163.636 euros, financiado con remanente de tesourería para gastos xerais; a aprobación inicial da ordenanza fiscal reguladora da taxa polo servizo de recollida, transporte e tratamento de residuos; a aprobación do POS+ Adicional 4/2025; a autorización do incremento da cantidade global destinada á asignación de gratificacións, horas extras e horas complementarias no orzamento para o exercicio 2025; a revisión dos prezos do contrato de concesión da xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira para o exercicio 2026; e a aprobación inicial da modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola utilización do centro deportivo municipal A Telleira. Ademais, abordaranse dúas mocións políticas do grupo municipal popular para a mellora da seguridade viaria na DP-0206 e sobre os vertidos no río Sar provocados polas obras de construción da nova depuradora de aguas residuais de A Silvouta. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Neste apartado tamén se dará conta de cinco actas de Xunta de Goberno Local correspondentes ao meses de setembro e outubro; do decreto de aprobación da auditoría das redes de saneamento para a detección de infiltracións nas concas que verten ás EDAR de Ponte Nova e Ameixenda e ás áreas asociadas ás fosas de Fernande, a Rúa e Sura; e darase conta das liñas fundamentais dos orzamento de 2026.

Suplemento de crédito 3/2025
Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordará será a aprobación, se procede, da acta da sesión ordinaria do mes de setembro celebrada o 25 de setembro de 2025. A continuación tratarase o suplemento de crédito 3/2025, por valor de 3.163.636 euros, financiado con remanente de tesourería para gastos xerais.

Resulta necesario dotar crédito para facer fronte a gastos que responden fundamentalmente ao funcionamento ordinario dos servizos municipais. Así mesmo, existe un compromiso de incremento do 25% no complemento específico do persoal municipal para o presente exercicio, que permanece pendente de aplicación ata que se efectúe a correspondente modificación orzamentaria. Para aboar dito incremento do 25% no complemento específico do persoal preténdense dedicar 231.017,32 euros.

Ademais, para rematar o exercicio é necesario dotar crédito en distintas áreas do orzamento de gasto para o normal funcionamento dos servizos municipais. O importe do suplemento neste capítulo ascende a 2.708.658,78 euros e responde fundamentalmente a gastos do servizo de recollida e tratamento de lixo (1.791.581,82 euros); gastos dos servizos educativos e complementarios de educación (437.258,88 euros); gasto corrente (479.818,08 euros); e gastos en investimentos (223.960,75 euros).

Taxa polo servizo de recollida, transporte e tratamento de residuos
Outro dos asuntos a tratar é a aprobación inicial da ordenanza fiscal reguladora da taxa polo servizo de recollida, transporte e tratamento de residuos. As características principais da nova taxa é a redefinición do feito impoñible da taxa con respecto á anterior ordenanza co obxectivo de que no mesmo figuren só as prestacións de servizo de prestación obrigatoria. 

Na ordenanza que actualmente está vixente, ademais do servizo de recepción obrigatoria, incluíanse outras prestacións relacionadas coa hixiene urbana como son a recollida de vehículos abandonados, recollida da vía pública de carteis, soportes, pancartas, limpeza de muros, valados, limpeza de cerramentos, etc). Estas prestacións non poden figurar xuntamente co feito impoñible consistente na prestación de recollida, transporte e tratamento de residuos.

Por outra banda, na nova ordenanza emprégase un novo método de cuantificación das tarifas. O Concello de Ames nun primeiro momento non opta por repercutir o 100% do custo aos usuarios do servizo, senón que se sitúa en torno ao 75% do custo. Na configuración da taxa establécese unha cota fixa por unidade de vivenda ou local destinado a actividade e unha cota variable, que para as vivendas variará en función das persoas empadroadas na mesma, e para as actividades establécese un importe por metro cadrado de superficie do local.

POS+ Adicional 
Ademais, abordarase a aprobación do POS+ Adicional 4/2025. Ao Concello de Ames correspóndenlle 498.473,30 euros, dos cales o importe de 152.984,36 euros vanse destinar a gasto corrente, e o resto da contía que ascende a 345.488,94 euros vaise destinar a investimentos financeiramente sostibles.

Outros dos temas a tratar é a autorización do incremento da cantidade global destinada á asignación de gratificacións, horas extraordinarias e horas complementarias no orzamento do Concello de Ames para o exercicio 2025, quedando o importe global fixado en 394.885,46 euros. Dita autorización queda supeditada a entrada en vigor do suplemento de crédito 3/2025.

Centro deportivo municipal A Telleira
A Corporación municipal debaterá sobre a revisión de prezos do contrato de concesión da xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira para o exercicio 2026. O incremento cuantificase no 2,3% e resulta do calculo do IPC galego tomando como referencia os períodos xullo 2024 a xullo 2025 e terá efectos dende 1 de xaneiro de 2026, unha vez se aprobe definitivamente a modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola utilización do centro deportivo municipal A Telleira.

En relación co centro deportivo municipal A Telleira tamén se vai a debater a aprobación inicial da modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola utilización de dito centro deportivo, así como o texto íntegro modificado que figura como anexo I do acordo. A finalidade desta modificación é a aplicación do IPC acumulado galego de xullo 2024-xullo 2025 que ascende ao 2,3%, en cumprimento do previsto na cláusula 22 dos pregos de licitación que forman parte do contrato asinado.

Apartado de mocións
Por último, abordaranse dúas mocións políticas do grupo municipal popular para a mellora da seguridade viaria na DP-0206 ao seu paso polo concello de Ames, e sobre os vertidos no río Sar provocados polas obras de construción da nova depuradora de aguas residuais de A Silvouta, en Santiago de Compostela. 

Novas relacionadas: 

El Correo Gallego: "Destinan 3,1 millones de euros extra a los gastos generales de Ames"

Lindeiros: "Ames precisa tres millóns de euros dos remanentes para gastos xerais"

Imaxe de arquivo do salón de plenos