- Tematica
O martes, 18 de novembro, ás 10.00 horas, celebrarase un pleno extraordinario no que se debaterá a aprobación dun suplemento de crédito, financiado con remanente de tesourería, para poñer en marcha unha nova campaña dos Bonos Consuma, tralo éxito desta iniciativa no comercio local durante os últimos catro anos. O importe da campaña ascendería a 60.000 euros. Ademais, darase conta da renuncia de Carmen Porto Rey como concelleira de Planificación e Xestión Educativa e Mocidade. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.
O salón de plenos da Casa do Concello acollerá este martes, 18 de novembro, ás 10.00 horas, un pleno extraordinario no que a Corporación municipal debaterá sobre a aprobación do suplemento de crédito 4/2025, financiado con remanente de tesourería, para gastos xerais por baixas por anulacións, co obxectivo de poñer en marcha unha nova campaña dos Bonos Consuma.
Esta campaña ten como obxectivo contribuír a dinamizar as vendas e reforzar o consumo de proximidade, garantindo así o mantemento do comercio como motor económico e como servizo público de primeira necesidade. O importe da campaña ascendería a 60.000 euros, importe que non estaba previsto nos créditos inicias do orzamento municipal para o exercicio 2024 prorrogado para 2025, polo que é necesario dotar de crédito adecuado e suficiente a través dunha modificación de crédito.
A través desta liña de axudas, o Concello pretende apoiar directamente os pequenos establecementos comerciais, fomentando o acceso da cidadanía ao comercio da súa contorna. O comercio de proximidade desempeña unha función esencial non só dende o punto de vista económico, senón tamén social, actuando como xerador de emprego e como elemento de cohesión comunitaria.
Esta campaña non pode demorarse ata o exercicio 2026, xa que é neste momento cando o Concello dispón do financiamento necesario. Ademais, a súa posta en marcha a finais do exercicio, coincidindo coa campaña de Nadal, permitirá incentivar que a poboación realice as súas compras no comercio local, evitando así o desprazamento a outros concellos de maior tamaño.
O importe da campaña ascendería a 60.000 euros e vai ser sufragado con 20.000 euros de crédito sobrante da convocatoria de subvencións da promoción do comercio 2025, e 40.000 euros procedentes do remanente de tesourería para gastos xerais.
Ademais, neste pleno extraordinario darase conta da renuncia de Carmen Porto Rey como concelleira de Planificación e Xestión Educativa e Mocidade.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames busca un suplemento de 60.000 euros para reactivar sus Bonos Consuma"
Lindeiros: "Ames leva a pleno un novo suplemento de crédito"
Xornal de Compostela: "O Concello de Ames debaterá unha nova campaña dos Bonos Consuma nun pleno extraordinario"





