Pestanas principais

O Pleno debaterá a aprobación dun suplemento de crédito de preto de dous millóns de euros

Luns, 30 de maio de 2022

Este martes, 31 de maio, o Concello de Ames celebra o pleno ordinario correspondente a este mes de maio. En dita sesión plenaria a Corporación municipal debaterá sobre a aprobación do proxecto modificado das obras de reforma de vestiarios do campo de fútbol de Bertamiráns (POS+ 2020), a aprobación do Plan director do Parque arqueolóxico Compostela Rupestre, a aprobación inicial da modificación da Ordenanza número 5 reguladora do prezo público pola prestación do servizo das escolas infantís municipais, a alteración da cualificación xurídica dunha superficie de terreo de 327 metros cadrados no cemiterio parroquial de Biduído, a aprobación da undécima modificación puntual da Relación de Postos de Traballo, a aprobación do Plan de medidas antifraude do Concello de Ames e maila aprobación do suplemento de crédito 1/2022. Todos estes puntos foron tratados previamente nas comisións informativas celebradas o pasado martes 24 de maio.

Este martes, 31 de maio, celebrarase o pleno ordinario correspondente a este mes de maio. Os plenos ordinarios celébranse o último xoves de cada mes, pero o pasado 26 de maio foi festivo local no concello de Ames, polo que se trasladou a este martes. O pleno comezará co alcalde dando conta ao Pleno dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Ademais, darase conta do decreto de liquidación do exercicio 2021 e da información periódica a render ao Pleno, correspondente ao primeiro trimestre do exercicio 2022. Deste xeito, informarase da execución do orzamento ao remate do primeiro trimestre de 2022, do período medio de pago e da información trimestral de morosidade.

No apartado de deliberación e acordo abordarase en primeiro lugar a aprobación da acta do pleno ordinario do mes de abril. A continuación tratarase a aprobación do proxecto modificado das obras de reforma de vestiarios do campo de fútbol de Bertamiráns, incluído no POS+ 2020. Durante a execución das obras xurdiu a necesidade de tramitar unha modificación do proxecto, sen variación económica, para dar una mellor resposta ás necesidades existentes nos vestiarios. Segundo o recollido no proxecto modificado vanse executar unicamente modificacións de carácter non substancial, que consisten en manter a primeira fila de gradas, eliminar un peche de cristal no corredor dos vestiarios e complementar as instalación de fontanería e electricidade, sen que varíe o presuposto inicial.

Parque arqueolóxico Compostela Rupestre
Por outra banda, debaterase a aprobación do Plan director do Parque arqueolóxico Compostela Rupestre. Cómpre lembrar que o 18 de setembro de 2018 asinouse o convenio polo que se estableceron as bases de cooperación entre a Deputación provincial da Coruña e os concellos de Ames, Brión, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra para o proxecto parque arqueolóxico Compostela Rupestre. Posteriormente, en novembro de 2020, a Deputación da Coruña iniciou o proceso de contratación do servizo de redacción do Plan Director do Parque Arqueolóxico. No mes de marzo de 2021, resólvese a adxudicación a favor da empresa Trivium, estratexias en cultura e turismo SL, por un importe total de 77.440 euros (IVE engadido).

O documento presentado do Plan Director articúlase en catro grandes bloques (Fase I de documentación, estudo e avaliación da información; Fase II de programa de actuacións; Fase III para a definición do sistema de administración e xestión do parque rupestre; e Fase IV para programa de seguimento e avaliación. O plan director presentado inclúe os estudos, avaliacións e programas de actuación imprescindibles para afrontar e garantir a necesaria investigación, conservación, protección e divulgación das estacións rupestres localizadas no ámbito do proxecto. Por outra banda, plantexa estratexias e liñas de acción viables para xestionar e impulsar a curto, medio e longo prazo o parque arqueolóxico de Compostela Rupestre.

Gratuidade das escolas infantís municipais
No pleno ordinario de maio tamén se tratará a aprobación inicial da modificación da ordenanza número 5, que reguladora o prezo público pola prestación do servizo das escolas infantís municipais do Concello de Ames, co obxecto de acollerse a gratuidade da atención educativa, ao abeiro da modificación da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de Servizos Sociais de Galicia, establecendo unha bonificación do 100% do prezo correspondente a partires do curso 2022-2023.

Cemiterio parroquial de Biduído
Tamén se debaterá a alteración da cualificación xurídica dunha superficie de terreo de 327 metros cadrados no cemiterio parroquial de Biduído. O Pleno do Concello de Ames, na sesión de abril de 1993, adoptou un acordo para a cesión gratuíta a Igrexa Católica dunha parcela de 1.000 metros cadrados cualificada como de equipamento xeral para a ampliación do cemiterio de Biduído. Posteriormente realizáronse as obras de ampliación do cemiterio parroquial de Biduído, resultando segundo medición xeoreferenciada realizada recentemente que a obra de ampliación abarcou un total 1.327 metros cadrados, no lugar de os 1.000 metros cadrados previstos e que foran cedidos para dito fin.

Co obxectivo de regularizar esta situación é necesario formalizar unha nova cesión de 327 metros cadrados a Igrexa Católica, co obxecto de complementar a cesión inicial de 1.000 metros cadrados, adaptando a situación xurídica dos terreos sobre os que se realizou a ampliación do cemiterio á realidade física. Polo que agora o Pleno, se procede, deberá aprobar a desafectación do dominio público da franxa de superficie de 327 metros cadrados necesarios para regularizar dita situación.

Undécima modificación da RPT
Ademais, abordarase a undécima modificación puntual da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Ames, que foi negociada previamente na Mesa Xeral de Negociación. Deste xeito, incorporarase á RPT a creación, dentro do departamento de Policía Local, dun novo posto de oficial derivado da amortización dun posto de Policía Local actualmente vacante por xubilación.

Tamén se incorporará á RPT, polo seu carácter estrutural, un posto de técnico/a do Ciclo Integral da Auga adscrito ao departamento de Infraestruturas, Obras e Servizos Básicos;  e incluíranse á RPT, polo seu carácter estrutural, dous postos de técnicos/as de medios de inserción laboral, adscritos ao servizo de Promoción Económica e ao departamento de Promoción Económica, Turismo e Medio Ambiente.

Plan de medidas antifraude
Ademais, abordarase a aprobación do Plan de medidas antifraude do Concello de Ames. Cómpre lembrar que na sesión plenaria do 28 de abril de 2022 o Pleno do Concello de Ames aprobou por unanimidade a declaración institucional de loita contra a fraude, pola que a Corporación municipal se compromete a adoptar e cumprir medidas de loita contra a fraude e en particular á aprobación dun Plan de medidas antifraude. Considérase que a aprobación deste plan é un dos primeiros pasos necesarios para o acceso a fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia, que permitirán continuar avanzando nas actuacións de transformación dixital, cohesión social e territorial, igualdade e transición ecolóxica.

Suplemento de crédito 1/2022
Por último, abordarse a aprobación do suplemento de crédito 1/2022. O Concello de Ames aprobou no ano 2021 un Plan denominado “Ames Progresa 2021-2023”. Dito plan tiña por obxecto poñer en marcha medidas para paliar a difícil situación económica provocada pola Covid-19. Ademais, pretendía impulsar, reforzar, reactivar e dinamizar a economía amesá, obxectivo urxente e prioritario debido á situación económica que estamos a vivir e á persistencia da crise sanitaria e incertezas que leva aparellada e que derivan nun forte impacto negativo nas economías locais.

Parte das medidas incluídas no plan foron postas en marcha en 2021. Outras poranse en marcha ao longo deste ano 2022 e outras deben ser reconfiguradas para atender as novas necesidades que foron xurdindo nestes meses. Os remanentes de crédito que se refiren a investimentos que aínda non se iniciaron ou que aínda non remataron serán obxecto de incorporación ao 2021, mediante a correspondente modificación orzamentaria. Sen embargo para novas actuacións que se van a poñer en marcha en 2022 é necesario dotar crédito no orzamento a través dun suplemento de crédito. Así mesmo no suplemento recóllese crédito para proxectos que para iniciarase ou continuar coa licitación necesitan adaptar os prezos debido aos incrementos de prezo das obras.

O suplemento de crédito tamén servirá para financiar todos aqueles investimentos que se recollían no Orzamento 2022 para financiarse cun préstamo, realizada a liquidación pasaría a financiarse co Remanente de Tesourería do 2021, evitando así acudir ao endebedamento. Deste xeito, recóllense actuacións por valor de 1.950.047,39 euros.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Votarán el proyecto reformado de vestuarios y dos millones para el Progresa"

Enfoques: "Ames lleva a pleno un suplemento de crédito de cerca de dos millones de euros"

Imaxe de arquivo do salón de plenos