Pestanas principais

O Pleno debaterá a aprobación dun suplemento de crédito de 1.546.120 euros

Mércores, 28 de setembro de 2022

Este xoves, 29 de setembro, o Concello de Ames celebra o pleno ordinario correspondente a este mes de setembro. En dita sesión plenaria a Corporación municipal debaterá a aprobación dun suplemento de crédito, por importe de 1.546.120,20 euros, financiado con remanente de tesourería para gastos xerais. Tamén se abordará a primeira modificación do Plan de medidas antifraude; a primeira prórroga do convenio de colaboración entres os Concello de Ames e Teo para a xestión compartida do servizo de atención temperá; a participación do Concello de Ames na segunda fase do POS+ Adicional de 2022; a aprobación inicial do regulamento de funcionamento do mercado de venda ambulante; e a aprobación inicial da ordenanza fiscal reguladora da taxa por instalación de postos en dito mercado.

O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. No apartado de deliberación e acordo abordarase en primeiro lugar a aprobación da acta do pleno ordinario do pasado mes de agosto. A continuación abordarase a aprobación inicial do expediente de modificación de créditos número 3/2022 do orzamento, na modalidade de suplemento de crédito financiado con remanente de tesourería para gastos xerais. O suplemento de crédito ascende a un total de 1.546.120,20 euros.

Estando próximo o remate de exercicio é necesario dotar crédito por importe de 1.546.120,20 euros en partidas cuxo saldo é insuficiente. Dito crédito destinaríase para gastos de investimentos, que ascenden a 616.179.06 euros, a maioría trátase de gastos realizados e que responden fundamentalmente ao mantemento de infraestruturas de servizos. Outros responden á necesidade de realizar reparacións en camiños, estradas, reparación de maquinaria en distintas instalacións ou compra de mobiliario (281.887,60 euros). Así mesmo dótase crédito por importe de 291.291,46 euros para exercer o dereito á compra dos locais do edificio multiusos de Aldea Nova, que é propiedade de Ruafer, e 43.000 euros para a obra de acceso Ventín - Paramuíño.

Dito suplemento de crédito tamén se destina a gastos correntes (903.734,70 euros) co obxecto de evitar que ao final de exercicio se rexistren gastos pendentes de imputar ao orzamento, producíndose demoras no pagamento das obrigas. Convén destacar o incremento de gasto derivados das limpezas extraordinarias e produtos de limpeza (86.500 euros), subministros eléctricos (223.088,79 euros) ou mantemento de instalacións (198.328,44 euros), monitoraxe de comedores e demais servizos de conciliación (188.000 euros).

A gastos de persoal destínanse 26.206,24 euros para a contratación por programa dun técnico de administración xeral, para posta en marcha dos procesos de estabilización, e dun asesor xurídico de urbanismo, tamén contratado por programa, para o deseño e posta en marcha de procedementos para a tramitación electrónica de licenzas de obra, comunicacións previas, etc. Dito importe é para os custes de ambos programas dende outubro a decembro de 2022. A necesidade de efectuar esta modificación é consecuencia da necesidade de dar cobertura a gastos para que rematado o exercicio non se atopen pendentes de aplicar ao orzamento, e non condicionen o período medio de pago, polo que non é posible demorar a súa aprobación a 2023.

Plan de medidas antifraude e servizo de atención temperá
Por outra banda, abordarase a primeira modificación do Plan de medidas antifraude do Concello de Ames que foi aprobado na sesión plenaria do 31 de maio de 2022. A concelleira de Transparencia, Vanessa Vidal, propuxo facer dúas modificación sobre o texto inicial que afectan ao control interno e á declaración de ausencia de conflito de intereses. Ditas modificacións deberán ser debatidas pola Corporación municipal.

Outro dos temas a tratar é a primeira prórroga do convenio de colaboración entre os Concellos de Ames e Teo para a xestión compartida do servizo de atención temperá. Deste xeito, proponse prorrogar por un prazo dun ano o convenio asinado o 11 de outubro de 2021. A vixencia do convenio prorrogado estenderíase ata o 31 de outubro de 2023 e materializaríase nunha addenda. A xestión compartida deste servizo permite dar un salto de calidade no que respecta ao horario de apertura e ás instalacións nas que se desenvolve a atención. Este servizo é fundamental para actuar sobre os trastornos que poden sufrir no desenvolvemento os nenos/as de 0 a 6 anos. É un modelo baseado na prevención, na identificación e no tratamento precoz e facilita aos pequenos ferramentas para gañar autonomía desde a infancia.

Ademais, abordarase a participación do Concello de Ames no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concellos) POS+ Adicional 2/2022 (segunda fase da Deputación Provincial da Coruña). Nesta segunda fase pódese incluír gasto corrente, novos investimentos financeiramente sostibles e revisión excepcional de prezos.

Mercado de venda ambulante
Por último, abordaranse dous puntos relacionados co mercado de venta ambulante. O primeiro será a aprobación inicial do regulamento de funcionamento do mercado de venda ambulante do Concello de Ames. O segundo trata sobre a aprobación inicial da ordenanza fiscal que regula a taxa de instalación de postos en dito mercado. Cómpre lembrar que no pleno do 29 de outubro de 2020 aprobouse a derogación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por instalacións de postos, barracas, casetas de venda, espectáculos, atraccións ou recreo, situados en terreo de uso público municipal, así como industrias na rúa e ambulantes do Concello de Ames.

O proxecto de nova ordenanza fiscal foi sometido a consulta pública durante o prazo de 20 días hábiles sen que se presentase ningunha suxestión. Agora, se dita ordenanza é aprobada pola Corporación municipal, deberá estar en exposición pública durante un prazo de 30 días hábiles. No caso de non presentarse reclamacións, o acordo de aprobación inicial quedará elevado a definitivo de forma automática.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Destinan millón y medio de remanente para evitar que las partidas se agoten"

Imaxe de arquivo do salón de plenos