Pestanas principais

O Pleno debaterá a aprobación do suplemento de crédito 2/19 para financiar o proxecto de adquisición dun ben inmoble para o seu uso como centro Coworking

Mércores, 25 de setembro de 2019

Este xoves, 26 de setembro, realizarase o pleno ordinario do mes de setembro no que a Corporación municipal debaterá sobre a aprobación do suplemento de crédito 2/19, financiado con remanente de tesourería, para financiar o proxecto de adquisición dun ben inmoble para o seu uso como centro Coworking; a adhesión á Central de contratación da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP); a aprobación do proxecto modificado da segunda fase de mellora da accesibilidade universal en edificios públicos; e maila proposta do concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, relativa á instauración dunha hora sen ruído en todas as festas do Concello de Ames. Estes temas foron previamente tratados o pasado venres, 20 de setembro, nas comisións informativas.

A Corporación municipal abordará no pleno ordinario de setembro, que se celebra este xoves 26, a aprobación do suplemento de crédito 2/19 financiado con remanente de tesourería para gastos xerais. O pasado 4 de abril de 2019 o Concello de Ames asinou un convenio coa Deputación Provincial da Coruña para financiar o proxecto de adquisición dun ben inmoble para o seu uso como espazo de traballo colaborativo, Coworking, no marco do Plan de Emprego Local da deputación da Coruña (PEL) 2016- 2019.

Dito convenio ten por obxecto a fixación das bases de outorgamento dunha subvención nominativa por parte da Deputación para o financiamento de dito proxecto. O financiamento provincial ascende a 200.000 euros sobre un orzamento máximo para a adquisición do ben que ascende a 564.879,06 euros. O Concello de Ames, tiña previsto no orzamento municipal de 2018 e tamén no orzamento de 2019, esta operación no seu anexo de investimentos.

A adquisición do local tramitaríase baixo a figura de unha compravenda con pago aprazado, o importe da anualidade 2018 foi incorporado ao exercicio 2019, estando prevista a anualidade 2019 no propio orzamento do exercicio. Posteriormente xerouse crédito por importe de 200.000 euros correspondentes a subvención indicada de forma que as anualidades do proxecto quedaron fixadas no convenio. No ano 2019 hai que facer fronte a un importe de 382.439 euros (200.000 euros da subvención e 182.439 euros de fondos municipais), correspondente aos anos 2018 e 2019; no ano 2020 hai que aboar 91.219 euros; e no ano 2021 hai que afrontar a contía de 91.219 euros.  

A operación indicada, ao supoñer o aprazamento dos pagos, foi tida en conta nos cálculos e axustes da estabilidade e tamén da regra de gasto no exercicio 2019. Dende a Concellaría de Facenda elaborouse unha memoria sobre a necesidade de tramitar un suplemento de crédito financiado con remanente de tesourería para gastos resultante da liquidación do exercicio 2018 por importe de 182.439 euros, que se corresponde co importe das anualidades 2019-2020 da operación indicada, de forma que no exercicio 2019 se podería facer fronte ao importe previsto para este exercicio.

Adhesión á Central de contratación da FEMP
A Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) aprobou en 2014 a creación dunha Central de Contratación. Para o Concello de Ames resulta conveniente a utilización desta Central de Contratación xa que a mesma se configura como un servizo especializado coa finalidade de introducir nas entidades locais asociadas unha simplificación administrativa na contratación e unha redución do gasto público. Deste xeito, a Corporación municipal deberá debater a adhesión a  dita Central para poder contratar as obras, servizos e subministros que oferte, de conformidade ás condicións e prezos que se fixen nos correspondentes contratos ou acordos marco que se subscriban entre dita central e as empresas adxudicatarias dos mesmos, así como axustarse ao establecido no Regulamento de Funcionamento da Central de Contratación da FEMP, en concreto, nas cláusulas referentes ao ámbito de aplicación, funcionamento, dereitos e obrigas das Entidades Locais.

Proxecto modificado de accesibilidade universal
Por outra banda, o Pleno debaterá tratar a aprobación, se procede, do proxecto modificado da segunda fase de mellora da accesibilidade universal en edificios públicos. O director de obra, redactor do proxecto técnico, informou da necesidade de modificar o proxecto como consecuencia da necesidade de dar resposta ao incremento das necesidades de atención ao público no edificio de servizos sociais municipais do Milladoiro. Explicita que esta necesidade é posterior á redacción do proxecto.

Así, especifica que se altera a distribución da planta superior eliminado os aseos adaptados (que xa existen na planta baixa) que son substituídos por un espazo diáfano onde se situará un posto de traballo e atención ao cidadán creando no tabique lindante ao hall un mostrador e venta corredora. Este espazo diáfano complétase coa previsión de colocar un arquivo para eliminar a grande cantidade de papel e enseres amontoados. Na planta inferior crearíase tamén un despacho adicional con carpintería e tabiquería acristalada.

Instauración dunha hora sen ruído nas festas
Por último, tratarase unha proposta do concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, relativa á instauración dunha hora sen ruído en todas as festas do Concello de Ames. Durante o pasado verán diferentes Concellos de toda Galicia adoptaron a mediada de instaurar na celebración das súas festas 1 hora sen ruído para concienciar sobre as barreiras ás que se enfrontan diariamente as persoa con autismo e con dificultade de integración social. Durante ese tempo as atraccións infantís instaladas non tiveron música permitindo con elo que as persoas que padecen estas dificultades puideran participar nas mesmas integrándose na comunidade. Con esta medida non só se favorece a integración destas persoas, senón que tamén se favorece que o resto de cidadáns tome conciencia deste problema e coñezan mellor as dificultades que estas persoas deben superar cada día.

No apartado de acordos esta proposta recolle que o Concello de Ames mostre o seu apoio ás persoas que presentan Trastorno do Espectro Autista (TEA), e en xeral ás persoas con dificultades de integración sensorial, e comprométese a consensuar e acordar a instauración de “1 hora sen ruído” como mínimo, non só para as atraccións senón tamén para calquera outro tipo de actividade que se produza con motivo de todas as festas do municipio durante o horario en que estas se leven a cabo. Realizarase ao longo de todo o ano para que os nenos/as con autismo, problemas auditivos ou parálise cerebral poidan acceder ás festas de maneira normalizada.

Outro dos posibles acordos que recolle nesta proposta é estudar a modificación da ordenanza municipal contra a contaminación acústica, para que no caso de ser necesario, contemple a súa instauración e que a iniciativa poida ir incorporada nos contratos coas diversas empresas que se instalen nas festas e tamén nas contratacións que realicen outras entidades e asociacións. O último acordo sería que o Concello se compromete a promover campañas de sensibilización contra o autismo co obxectivo de facilitar a integración social destas persoas e fomentar o respecto á diversidade desde idades temperás, poñendo a disposición da cidadanía toda a información sobre esta iniciativa para a súa máxima difusión chegando a todo tipo de perfís. Premendo neste enlace podes obter a convocatoria coa orde do día do pleno ordinario de setembro.

Este xoves, 26 de setembro, realizarase o pleno ordinario do mes de setembro

Multimedia

  • Imaxe do centro Coworking