Pestanas principais

O Pleno debaterá a aprobación do proxecto técnico de mellora do viario de acceso ao polígono do Milladoiro dende a estrada Ventín-Coira

Luns, 29 de xullo de 2019

Este martes, 30 de xullo, realizarase o pleno ordinario do mes de xullo no que a Corporación municipal deberá sobre a aprobación do proxecto técnico de mellora do viario de acceso ao polígono do Milladoiro dende a estrada Ventín-Coira. Outros temas que se abordarán serán a modificación do anexo de investimentos do orzamento municipal de 2019; a autorización de compatibilidade para o exercicio de actividade privada de Pilar Martínez Jiménez, María del Carmen Giadáns Dopazo e Amaury Quintero Consuegra. Por último tratarase a aprobación de indemnizacións por asistencias a órganos complementarios e maila aprobación inicial da modificación base de execución 41 do orzamento municipal.

Nas comisións informativas realizadas o pasado mércores, 24 de xullo, tratáronse os temas que se debaterán no pleno ordinario deste martes, 30 de xullo. Esta sesión plenaria trasladouse ao martes debido a que o último xoves do mes de xullo foi festivo. Un dos puntos que debaterá a Corporación municipal será sobre a aprobación do proxecto técnico de mellora do viario de acceso ao polígono do Milladoiro dende a estrada Ventín-Coira.
 
O Concello de Ames recibiu unha axuda da Xunta de Galicia, de 68.593,43 euros, para a mellora do viario de acceso ao polígono industrial do Milladoiro dende a estrada Ventín-Coira. O importe total desta actuación ascende a 85.741,79 euros, polo que o importe subvencionado é do 80%, mentres que o 20% restante será sufragado polo Concello. Debido á execución desta obra a Corporación municipal tamén deberá aprobar a modificación do anexo de investimentos do orzamento municipal de 2019.  

A actuación consiste na mellora do viario de acceso ao polígono industrial do Milladoiro dende a estrada de Ventín a Coira. Este viario ten unha lonxitude de 370 metros e unha anchura media de 5,5 metros. A súa capa de rodaxe atópase degradada debido ao intenso tráfico que circula en dirección ao parque empresarial desta localidade. Pola marxe dereita de dito viario executarase unha cuneta de seguridade, revestida de formigón de 365 metros de lonxitude e 1,5 metros de anchura con canalización de augas pluviais. Deste xeito aumentarase a seguridade viaria, tapando a cuneta que actualmente está en terra e que ten gran profundidade.
 
Tamén se acondicionará, por esta mesma marxe, un sobreancho de xeito que se alcance unha anchura total de 6 metros (carrís de 3+3 metros) na capa de rodadura. O firme no sobreancho consistirá en 20 centímetros de zahorra e 15 centímetros de grava con rega semiprofunda. Na calzada actual procederase a reparar as fochancas existentes con grava e rega semiprofunda e corrixirase o peralte da curva do punto quilométrico 0+200 cunha cuña de aglomerado de 6 centímetros de espesor medio. Finalmente procederase a estender unha capa de aglomerado de 6 centímetros de espesor en toda a calzada. Para evitar a contaminación con terras da estrada procederase ao afirmado con grava e tripla rega dos tres entronques existentes ao comezo da actuación.

Indemnizacións por asistencias ás sesións de órganos complementarios
Outro dos puntos que se abordará é a aprobación de indemnizacións por asistencias ás sesións de órganos complementarios para os/as concelleiros/as sen dedicación exclusiva ou con dedicación parcial. A proposta que se leva ao pleno recolle o abono de 100 euros  por cada sesión da Xunta de voceiros/as e 75 euros por cada sesión da Comisión especial de queixas, suxestións e reclamacións. De ter lugar varias sesións do mesmo órgano no mesmo día percibiríase unha única asistencia. A indemnización por asistencia aos órganos complementarios (Xunta de voceiros/as e Comisión especial de queixas, suxestións e reclamacións) require da modificación do Regulamento de Participación cidadá.
 
Ademais, tratarase a aprobación inicial da modificación base de execución 41 do orzamento municipal para adaptala aos acordos do pleno de organización, celebrado o pasado 2 de xullo, no que se modificaron as contías das asistencias ás sesións de pleno e as asistencias ás Xuntas de Goberno Local.

Por último abordarase a autorización de compatibilidade para o exercicio de actividade privada de Pilar Martínez Jiménez, María del Carmen Giadáns Dopazo e Amaury Quintero Consuegra. Premendo na ligazón que está ao pé desta nova podes consultar a convocatoria coa orde do día do pleno ordinario de xullo.

Ligazóns:

La Voz de Galicia: "Ames mejorará el acceso al polígono por el vial de Ventín"

Compostela 24 horas: "Ames debaterá hoxe sobre a mellora de acceso ao polígono do Milladoiro dende a estrada Ventín-Coira"

Imaxe da Casa do Concello