Pestanas principais

O Pleno debaterá a aprobación do proxecto de colaboración entre Ames e Brión en materia de Emerxencias e Protección Civil e Policía local

Xoves, 31 de marzo de 2011

[31-03-2011] A orde do día do Pleno ordinario do mes de marzo recolle temas de moita importancia para a veciñanza amiense. Un dos puntos que se debaterá é a aprobación do proxecto de colaboración entre Ames e Brión para a prestación conxunta dos servizos de Emerxencias e Protección Civil e Policía Local por parte de ambas administracións locais. O primeiro paso é que os Plenos dos respectivos Concellos aproben este proxecto de colaboración para que despois a Xunta de Galicia e o Ministerio de Interior dean o seu visto bo a este proxecto. Outros temas de relevancia que se tratarán na sesión plenaria serán a desafectación dunha parcela para a construción dunha nova escola de educación infantil en Bertamiráns e a resolución de alegacións e aprobación definitiva do plan parcial do Sector S-15 "Travesía do Porto Sur".

O pasado 20 de febreiro presentouse no Hotel Balneario Compostela, situado en O Tremo -punto limítrofe entre os municipios de Ames e Brión- o proxecto de colaboración entre ambos os dous Concellos para a prestación conxunta dos servizos de Emerxencias e Protección Civil e Policía local. Trala presentación do proxecto os alcaldes de Ames, Carlos Fernández, e o de Brión, José Luís García, reuníronse primeiro co conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e despois co secretario de estado de Seguridade, Antonio Camacho, e co delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, para presentarlles este proxecto que ten como finalidade empregar a fórmula da colaboración para a consecución dunha prestación eficaz e eficiente destes servizos, e a súa adaptación ás necesidades e expectativas da cidadanía.

Agora é preciso que o Pleno de Ames aprobe este convenio de colaboración. Cómpre lembrar que o Pleno do Concello de Brión xa aprobou por unanimidade este proxecto o pasado día 26 de marzo nunha sesión extraordinaria. Unha vez aprobados por ambos plenos, os alcaldes remitirán esas autorizacións ao Ministerio de Interior e á Xunta de Galicia para conseguir o visto bo definitivo a un proxecto que aportará significativos beneficios e melloras aos veciños e veciñas de Ames e Brión. Así, a través deste acordo, Ames poderá dotarse dun servizo de Emerxencias e Protección Civil (como consecuencia da posta a disposición dos recursos materiais e persoais aportados polo GRUMIR de Brión) e Brión conseguiría un reforzo substancial no servizo da Policía Local, como consecuencia dos recurso materias e persoais aportados polo Concello de Ames.

Coa posta en marcha deste convenio de colaboración ábrense unhas grandes perspectivas de futuro xa que os dous Concellos por separado tiñan a idea de mellorar e optimizar este conxunto de servizos. Agora con este programa de colaboración vai ser máis doado poder aumentar o nivel de seguridade en cada un dos concellos executando esta idea de forma conxunta e non por separado. Polo tanto a principal finalidade do proxecto é a utilización desta fórmula para a prestación eficaz e eficiente dos servizos de Policía local e Protección civil.

Parcela para a nova gardería de Bertamiráns

Outro dos temas importantes que se abordarán é a desafectación dunha parcela para a construción dunha nova escola de educación infantil en Bertamiráns. A parcela que propón o goberno municipal para construír a nova escola infantil está situada na Travesía do Pedregal. Esta finca é de titularidade municipal e dispón dunha superficie de 1.500 metros cadrados. A parcela é resultado da segregación e agrupación de tres parcelas de menor tamaño que se atopan ao carón do centro de saúde e da Casa da Cultura de Bertamiráns.

Este tema xa se tratou no Pleno ordinario do mes de novembro. Naquel momento os grupos municipais popular e nacionalista presentaron sendas emendas para tratar de buscar outra parcela para construír este equipamento público. O goberno municipal defendeu que a parcela proposta conta co visto e prace do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e do Benestar. O rexedor municipal amosou un informe urbanístico da parcela emitido por este organismo no que se indica que a devandita finca adecuase para a construción dunha nova escola infantil.

Por unha banda o grupo municipal nacionalista propuxo ceder unha parcela de titularidade municipal que se atopa na avenida da Peregrina, que está destinada para a construción da nova casa consistorial. Dende o BNG de Ames tamén propuxeron poñer á disposición da Xunta algúns baixos de edificios con dificultade de venta. Por outro lado o grupo municipal popular propuxo dúas parcelas, unha que está situada no Rego dos pasos sur, que ten unha superficie de 3.300 metros cadrados, e outra situada na Avenida de Azcárraga de 6.523 metros cadrados.

Por encargo de Alcaldía os servizos técnicos de urbanismo municipais revisaron se estas propostas eran factibles. En canto ás parcelas propostas determinan que o problema é o tempo que é preciso para poder acadar o solo, coma para a execución integral dos servizos urbanos necesarios. En canto aos baixos de edificios determinaron que o Concello non dispón de baixos en propiedade susceptibles de ser utilizados para establecer unha escola infantil. Polo tanto, segundo determinan os servizos técnicos de urbanismo non se atopan outras opcións de carácter inmediato para a posta a disposición da Xunta de Galicia dunha parcela para construír unha nova escola infantil no núcleo de Bertamiráns.

Aprobación definitiva do plan parcial S-15

O plan parcial do sector S-15 "Travesía do porto Sur" que aprobara definitivamente o pleno do Concello de Ames en data 3 de marzo de 2007, foi anulado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o pasado 29 de outubro de 2009. Consecuentemente produciuse a posterior anulación dos proxectos de compensación e urbanización do sector. Posteriormente, en outubro de 2010, a Xunta de Goberno Local aprobou de xeito inicial o plan parcial para urbanizar o sector S-15 Travesía do Porto Sur. Agora o novo plan adáptase á reforma que se fixo da lei do solo de Galicia.

Transcorrido o trámite de exposición pública da aprobación inicial do novo plan parcial do S-15 "Travesía do Porto Sur" recibiuse unha alegación dunha empresa promotora. Agora o pleno terá que resolver as alegacións presentadas pola devandita empresa. Por outra banda tamén terán que aprobar definitivamente o plan parcial do sector S-15 "Travesía do porto Sur".

O Plan Xeral de Ordenación Municipal establece que a superficie total do ámbito deste sector dispón de 52.004 metros cadrados. Ademais este plan contempla a construción de varios bloques de edificios de corte moderno, máis espazos verdes e dúas parcelas para equipamentos públicos onde se construirá o novo centro de saúde do Milladoiro e un centro dedicado á terceira idade.

Recoñecemento extraxudicial de crédito

A corporación municipal terá que atender a aprobación dun recoñecemento extraxudicial de crédito para aprobar o pagamento de diversas facturas correspondentes a gastos efectuados en exercicios anteriores, fundamentalmente do ano 2010 e que non foron aprobadas nese exercicio nin imputadas ao orzamento correspondentes por non existir crédito suficiente. Trátase de gastos correntes que acende a un importe total de 476.904,35 euros.

Tamén haberá tempo para debater a aprobación inicial dos regulamentos de funcionamento das Escolas infantís municipais O Bosque, de Bertamiráns, e A Madalena, do Milladoiro, así como os regulamentos dos servizos complementarios (rede municipal de comedores escolares, Bos Días Cole e Tardes Divertidas).

No apartado de mocións recóllense dúas propostas presentadas polo grupo municipal nacionalista para declarar ao Concello de Ames como concello desnuclearizado e en defensa das persoas afectadas polas hipotecas.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El gobierno de Ames mantiene la polémica parcela de la guardería"