Pestanas principais

O Pleno debaterá a aprobación do expediente de licitación do contrato do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Ames

Luns, 28 de outubro de 2019

Este xoves, 31 de outubro, realizarase o pleno ordinario do mes de outubro no que a Corporación municipal debaterá sobre a aprobación do expediente de licitación do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Ames. Tamén se tratará a revisión ordinaria do canon principal e do canon da ampliación do contrato de limpeza viaria e xestión do punto limpo; a proposta de modificación da porcentaxe de financiamento da subvención nominativa á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil; a proposta de revogar parcialmente o acordo de delegación de competencias en materia tributaria na Deputación da Coruña; a modificación das ordenanzas fiscais do ICIO e do IBI; e sobre dous expedientes de investigación patrimonial e un expediente de deslinde. Estes temas foron previamente tratados este luns, 28 de outubro, nas comisións informativas.

O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) constitúe un recurso preventivo e asistencial de primeira orde, ao posibilitar a permanencia das persoas maiores na súa contorna de convivencia habitual, previr situacións de dependencia ou exclusión social e atrasar ou evitar a institucionalización. Este servizo deriva da propia normativa en materia de servizos sociais, da existencia dunha demanda real, da realidade sociodemográfica do concello e do valor estratéxico do propio servizo.

O contrato que viña prestando a actual empresa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) rematou o 31 de agosto de 2019, e aínda que existía a posibilidade de formalizar as dúas prórrogas previstas, desde a Concellería de Benestar Social acordouse non proceder a súa execución (acordo aprobado na Xunta de Goberno Local do 3 de maio de 2019) debido á necesidade de actualizar o novo contrato ás necesidades do concello, polo que resulta necesario iniciar unha nova contratación que permita regular a prestación do servizo. A empresa adxudicataria do servizo de axuda a domicilio obxecto do presente contrato viña prestando, de maneira estimativa, un total de 50.567 horas anuais de servizo.

Dadas as características do servizo e en aras de garantir que a contratación se axuste aos principios de liberdade de acceso ás licitacións, publicidade e transparencia dos procedementos, non discriminación e igualdade de trato entre os candidatos, e de asegurar o obxectivo de estabilidade orzamentaria e control do gasto, considérase como procedemento de licitación mais idóneo e adecuado o procedemento aberto, oferta económica máis vantaxosa, varios criterios de adxudicación e tramitación ordinaria.

A duración inicial do novo contrato será de dous anos podendo prorrogarse anualmente por dous anos máis ata un máximo de catro anos (incluído período inicial e prórrogas). O orzamento máximo de licitación para a duración inicial do contrato ascende a 1.846.310,55 euros, mais IVE do 4%, o que fai un importe total de 1.920.162,98 euros. En canto ao valor estimado do contrato este ascende a 4.754.249,68 euros. Deste xeito, a Corporación municipal deberá aprobar, se procede, o expediente de licitación do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Ames.

Limpeza viaria e xestión do punto limpo
Por outra banda, o pasado 25 de setembro de 2019 a empresa Urbaser S.A, concesionaria do contrato do servizo de Limpeza Viaria e explotación do Punto Limpo do Concello de Ames, presentou unha solicitude para a revisión ordinaria do prezo do canon principal e tamén do canon da ampliación do contrato de limpeza viaria, co fin de actualizar o seu importe ao IPC a 31 de decembro de 2018, así como aos incrementos salariais segundo o Convenio Colectivo do Persoal.

Deste xeito, o Pleno deberá debater a revisión de prezos para o exercicio 2019, o que supón un coeficiente de actualización de 1,1737% para o canón principal (a actualización producirá efectos dende o 1 de xaneiro de 2019) e de 1,20% para o canón de ampliación (a actualización producirá efectos dende agosto de 2019 ata xullo de 2020). O custe mensual con IVE pasaría a ser de 54.916,19 euros, mentres que o importe dos atrasos ascende a 5.910,28 euros. O importe dos atrasos facturarase pola empresa concesionaria, de forma independente á facturación mensual.

Agrupación de Voluntarios de Protección Civil
Outro dos asuntos a tratar será a proposta de modificación da porcentaxe de financiamento da subvención nominativa á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Ames recollida na bases de execución do orzamento municipal 2019, por razóns de excepcional interese público, pasando a financiarse o custo total do proxecto da subvención nominativa recollida no orzamento municipal de 2019 para esta agrupación.

O Concello soamente podería subvencionar o 80% dos custes de funcionamento da Agrupación; sen embargo, neste caso debe terse en conta que a Agrupación non dispón de outros recursos públicos ou privados que lle permitan facer fronte ao 20% restante da súa actividade e polo tanto non poderían xustificar a porcentaxe do 20%. Esta agrupación ten asignada unha subvención nominativa de 17.000 euros para gastos de funcionamento.

Delegación de competencias en materia tributaria
O Pleno terá que debater a proposta de revogar parcialmente o acordo de delegación de competencias en materia tributaria na Deputación Provincial de A Coruña. Esta revogación afectaría a xestión, inspección e recadación voluntaria da taxa pola utilización privativa ou aproveitamentos especiais constituídos no solo, subsolo e voo das vías públicas, a favor de empresas explotadoras de servizos de subministros e interese xeral, tanto o suposto xeral do artigo 24 do Texto Refundido da Lei reguladora das facendas locais, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, baseado no 1,5% dos ingresos brutos obtidos no termo municipal, como ao suposto especial da telefonía móbil.

Tamén afectaría a recadación voluntaria das seguintes taxas de carácter periódico anual e notificación colectiva mediante padrón: a taxa por instalacións de postos, barracas, casetas de venda, espectáculos, atraccións ou recreo, situados en terreo de uso público municipal, así como industrias na rúa e ambulantes e rodaxe cinematográfico; taxa pola entrada de vehículos a través das beirarrúas e por reserva da vía pública para aparcadoiro exclusivo, carga e descarga de mercadorías de calquera clase; e a taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos, con finalidade lucrativa.

En materia de recadación tamén se propón a modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre construcións, instalación e obras e maila ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre bens inmobles.

Por último, o Pleno debaterá sobre dous expedientes de investigación patrimonial: dun camiño no lugar de Buceleiras (Bugallido) e doutro camiño no núcleo de Outeiro (Bugallido). En ambos casos, a Corporación municipal, deberá aprobar, se procede, declarar os dous viarios como bens de dominio privado. Esta proposta faise despois de desenvolver un expediente de investigación patrimonial de ditos camiños. Ademais, tamén se debaterá sobre a aprobación dun expediente de deslinde sobre un camiño na Ponte Nova (Agrón) e inscribir no Rexistro da Propiedade o deslinde referenciado e no Inventario de Bens do Concello.

 

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Licitación millonaria del servicio de ayuda en el hogar en Ames"

La Voz de Galicia: "El Concello amiense asumirá la gestión de varias tasas que ahora recauda la Diputación "

Imaxe da Casa do Concello