Pestanas principais

O Pleno debaterá a aprobación do expediente de contratación do servizo de axuda no fogar

Mércores, 25 de decembro de 2024

Este xoves, día 26, o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de decembro. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre a quinta modificación do plan estratéxico de subvencións 2023-2025, a participación no plan POS+ Adicional 1/2025 para gastos sociais extraordinarios do exercicio 2025, a aprobación inicial do regulamento de funcionamento do espazo de traballo colaborativo Coworking A Proa, a aprobación da liquidación final do contrato de concesión para a xestión do servizo público do ciclo integral da auga do Concello de Ames asinado con Espina & Delfín SL, o inicio do expediente para a prestación do servizo público de aparcadoiro baixo tarifas na localidade do Milladoiro, a aprobación do expediente de licitación do servizo de axuda no fogar, e maila aprobación do recoñecemento extraxudicial de crédito 2/2024. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordará será a aprobación, se procede, da acta correspondente á sesión ordinaria do mes de novembro.

De seguido abordarase a ratificación do decreto da alcaldía 3994/2024 de aprobación da quinta modificación do plan estratéxico de subvencións 2023-2025. O 6 de novembro de 2024 o Pleno do Concello de Ames aprobou unha transferencia de crédito para continuar no ano 2024 coa liña de axudas denominada Bonos Consuma, que foi posta en marcha no ano 2020.

O plan estratéxico de subvencións unicamente contemplaba esta axuda para o exercicio 2023, polo que é necesario a súa modificación para incluír esta liña de axudas para o exercicio 2024. Debido a que o pleno ordinario está previsto para o 26 de decembro foi necesario aprobar con anterioridade a quinta modificación do plan estratéxico de subvencións para poder poñer en marcha a campaña indicada durante o Nadal e sen prexuízo da súa posterior ratificación polo Pleno.

Outro dos temas que se abordarán será a participación no plan POS+ Adicional 1/2025 para gastos sociais extraordinarios do exercicio 2025. Deste xeito, preténdese dedicar a contía de 158.605,14 euros ao reforzo e/ou ampliación de persoal técnico e/ou administrativo adscrito aos servizos sociais (93.072,24 euros), á ampliación e dotación das partidas municipais destinadas a axudas de emerxencia ás unidades de convivencia en risco de exclusión social (48.532,90 euros) e á creación ou ampliación do servizo de axuda no fogar de atencións de carácter básico de servizos específicos: servizo de Xantar na casa, servizo de comedor sobre rodas e servizo de lavandaría (17.000 euros).

Aprobación inicial do regulamento da Proa
Por outra banda, vaise a debater a aprobación inicial do regulamento de funcionamento do espazo de traballo colaborativo Coworking A Proa. O regulamento de funcionamento ten por obxecto establecer os criterios de admisión das persoas solicitantes dos servizos que se ofrecen no espazo de traballo Espazo A Proa, incluído na Rede provincial de espazos de traballo colaborativo da Deputación Provincial da Coruña. Este regulamento de funcionamento desenvolve aspectos concretos do protocolo común de actuación dos espazos de traballo integrados na Rede provincial de Espazos de Traballo, que rexe con carácter xeral en todos os espazos da rede e polo tanto será de obrigado cumprimento no Coworking do Concello de Ames.

O Espazo A Proa facilitará ás persoas usuarias, a posibilidade de dispoñer dun espazo de traballo dotado dunha serie de servizos e infraestruturas comúns que, propiciando a relación con outras empresas e/ou profesionais nunha situación similar, melloren as súas posibilidades de crecemento, consolidación e éxito empresarial.

Xestión do servizo público do ciclo integral da auga
Ademais, abordarase a aprobación da liquidación final do contrato de concesión para a xestión do servizo público do ciclo integral da auga do Concello de Ames asinado con Espina & Delfín SL. Proponse fixar en concepto de liquidación un saldo a favor  do Concello de Ames de 815.180,82 euros, polos conceptos de mantemento correctivo pendente (807.579.82 euros), importe do perfilador láser que non puido repoñerse (4.000 euros), e a diferencia de valor entre a cámara ofertada polo licitador e a finalmente achegada que, non obstante, cumpre satisfactoriamente a súa función (3.601 euros).

Aparcadoiro baixo tarifas no Milladoiro
Outro dos temas incluídos no pleno ordinario de decembro é o inicio do expediente para a prestación do servizo público de aparcadoiro baixo tarifas na localidade do Milladoiro. Deste xeito, proponse dotar á localidade do Milladoiro dun novo aparcadoiro de 135 prazas na rúa Palmeiras das que o Concello disporía, previo contrato de arrendamento coa propiedade. Para elo haberá que crear unha Comisión de estudo composta por membros da Corporación e por persoal técnico.

Dita comisión redactará unha memoria relativa aos aspectos social, xurídico, técnico e financeiro da actividade económica de que se trate, na que deberá determinarse a forma de xestión, entre as previstas pola Lei, e os casos en que debe cesar a prestación da actividade. Así mesmo, deberá acompañarse un proxecto de prezos do servizo, para cuxa fixación se terá en conta que é lícita a obtención de beneficios aplicables as necesidades xenerais da Entidade local como ingreso do seu orzamento, sin prexuízo da constitución de fondos de reserva e amortizacións. Posteriormente, determinarase a forma de prestación do servizo e determinarase o seu réxime xurídico.

Licitación do servizo de axuda no fogar
Por outra banda, a Corporación municipal deberá aprobar, se procede, o expediente de contratación, mediante procedemento aberto con varios criterios de adxudicación suxeito a regulación harmonizada, tramitación urxente e tramitación de gasto anticipada, do contrato de servizo de axuda no fogar, nas modalidades de SAF libre concorrencia e SAD dependencia do Concello de Ames.

Recoñecemento extraxudicial de crédito 2/2024
Por último, tratarase a aprobación do recoñecemento extraxudicial de crédito 2/2024 por un importe de 296.464,85 euros. Todos os gastos incluídos nos expedientes responden a obrigas económicas pendente de imputación orzamentaria.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames estudia la creación de un aparcamiento de pago con 135 plazas en O Milladoiro"

El Correo Gallego: "Ames leva a pleno o contrato do servizo de axuda no fogar"

Imaxe de arquivo do salón de plenos