Pestanas principais

O Pleno debaterá a aprobación do convenio de colaboración para o desenvolvemento conxunto do transporte metropolitano na área de Santiago de Compostela

Luns, 09 de novembro de 2020

Este mércores, 11 de novembro, o Concello de Ames celebra unha sesión plenaria extraordinaria, para abordar a aprobación, se procede, do convenio de colaboración para o desenvolvemento conxunto do transporte metropolitano de Galicia, na área de Santiago de Compostela. Tamén se debaterá a aprobación do proxecto técnico de abastecemento e saneamento nos lugares das Buceleiras e Guimaráns, pertencentes á parroquia de Bugallido. Estes dous asuntos foron abordados previamente na comisión informativa de desenvolvemento urbano celebrada o pasado venres, 6 de novembro.

A Corporación municipal deberá abordar este mércores, 11 de novembro, a aprobación, se procede do convenio de colaboración para o desenvolvemento conxunto do transporte metropolitano de Galicia, na área de Santiago de Compostela. O Concello de Ames recibiu o pasado 14 de outubro de 2020 a última versión do convenio de colaboración da Dirección Xeral de Mobilidade, da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, da Xunta de Galicia, que ten por obxecto manter a liña de colaboración existente entre as diferentes administracións co obxectivo de garantir a continuidade das accións de promoción do transporte público colectivo en tanto se procede ao desenvolvemento e implantación da Área Única de Transportes de Galicia.   

A necesidade de subscribir dito convenio está motivada na mellora do transporte público urbano que dá continuidade á aplicación das medidas de fomento do transporte público de viaxeiros en desenvolvemento do denominado Plan de transporte metropolitano de Galicia, na área de Santiago de Compostela, e os previos e preexistentes convenios de colaboración do ano 2010 e previamente do ano 2006.  

O novo convenio do transporte metropolitano de Galicia recolle varias melloras para a veciñanza amesá, despois de que o Concello de Ames presentase alegacións ao proxecto no mes de agosto de 2019. Ditas alegacións foron tidas en conta e recollidas no novo convenio que está previsto que comece a aplicarse no mes de decembro coa entrada en funcionamento das novas liñas do transporte metropolitano. Unha vez aprobado dito convenio por parte da Corporación municipal de Ames deberase dar traslado á Dirección Xeral de Mobilidade, da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, da Xunta de Galicia.

As alegacións presentadas polo Concello de Ames e recollidas no novo convenio son:
1.-Liña de Bertamiráns: ampliar a frecuencia de primeira e última hora e maila creación de novas frecuencias en sábados e domingos.
2.-Ampliar ata as 23:30 horas a ruta de Firmistáns.
3.-Liña do Milladoiro: ampliar a frecuencia de primeira e última hora e implantar frecuencias cada 15 minutos polas tardes.
4.-Polígono do Milladoiro - Bertamiráns: ampliar a frecuencia aos sábados e mellorar os horarios de mañá, tarde e mediodía.
5.-Liñas As Viñas - Santiago: Inverter a ruta da primeira frecuencia para acadar a conectividade co parque empresarial do Milladoiro á primeira e última hora.
6.-Creación dunha liña nocturna Búho para os fins de semana entre Bertamiráns - O Milladoiro e Santiago.

Abastecemento e saneamento nas Buceleiras e Guimaráns
Por outra banda, abordarase a aprobación do proxecto técnico de abastecemento e saneamento nos lugares das Buceleiras e Guimaráns, pertencentes á parroquia de Bugallido. No orzamento municipal de 2020 non se contempla a execución deste proxecto, incluído no Ciclo Integral da Auga, non obstante o orzamento contempla o crédito necesario para a execución desta obra. Este proxecto ten un orzamento de execución por contrata de 76.675,45 euros.

A través de dito proxecto preténdese a execución dunha rede de saneamento de 750 metros. Instalaranse 15 pozos de rexistro nas beirarrúas, 1 pozo de rexistro estanco na beirarrúa e 7 pozos de rexistro en calzada. Para a execución do saneamento será necesario realizar dous cruces con topo na estrada DP-0205 Bertamiráns - A Ramallosa, nos puntos quilométricos 2+570 e 3+420. Posteriormente á instalación da tubería, procederase ao recheo e compactación do foxo.

O vertido desta rede realizarase nun pozo da rede xeral xa existente. Igualmente procederase a instalación de 345 metros de tubería para abastecementos, previa execución do foxo e posterior recheo e compactación. Executaranse 3 arquetas para aloxamento de chaves (válvula de comporta+ventosa, válvula de vaciado e tapón). Unha vez instaladas as redes procederase a reposición dos pavimentos nas zonas necesarias.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Nuevas frecuencias del bus metropolitano en diciembre"

Salón de plenos.