Pestanas principais

O Pleno debaterá a aprobación do Consello Sectorial de Educación e da Cultura do Concello de Ames

Luns, 22 de febreiro de 2021

Este xoves, 25 de febreiro, o Concello de Ames celebra o pleno ordinario do mes de febreiro. En dita sesión plenaria a Corporación municipal debaterá a aprobación do Consello Sectorial de Educación e da Cultura do Concello de Ames. Tamén se abordará a aprobación do proxecto técnico modificado das obras de acondicionamento e mellora térmica de cuberta e fachadas da Escola Infantil municipal O Bosque; e maila adhesión ao programa de teleasistencia domiciliaria da Deputación da Coruña. Ademais, trataranse catro propostas e unha declaración institucional presentadas polo Goberno municipal e os diferentes grupos políticos con representación na Corporación municipal. Todos estes temas foron tratados previamente, o pasado venres 19 de febreiro, nas comisións informativas.

O Concello de Ames dispón dun Regulamento orgánico de participación cidadá, que foi aprobado na sesión plenaria do 29 de febreiro de 2019. Posteriormente, realizouse unha primeira modificación, aprobada inicialmente no Pleno do 30 de xaneiro de 2020, e sendo publicado o texto integro modificado, tras acadar aprobación definitiva, no BOP do 22 de xuño de 2020. Agora, ao abeiro do artigo 25 do Regulamento orgánico de participación cidadá, dende as Concellarías de Educación e de Cultura proponse a creación dos Consellos sectoriais de Educación e de Cultura do Concello de Ames.

Atendendo á importante poboación en idade escolar do concello de Ames, a creación do Consello Sectorial de Educación constitúese nun instrumento básico e fundamental para a participación da comunidade educativa nunha cuestión transcendental, que afecta ao Concello e, como consecuencia, para a optimización das respostas que desde a administración sobre as necesidades e demandas educativas expresadas no municipio. Dito isto, cómpre destacar que é xustamente no ámbito educativo no que existe unha maior participación sectorial no concello de Ames, tendo en conta a existencia dos Consellos Escolares dos centros educativos e o Consello Escolar Municipal que conta co seu Regulamento dende o ano 2016 e no que está representada a totalidade da comunidade educativa.

Por outra banda, o Consello sectorial de Cultura do Concello de Ames, será un órgano de carácter informativo, consultivo e de formulación de propostas e permitirá a participación na área de cultura no ámbito municipal. O obxectivo é crear un espazo estable, plural, organizado para o encontro, o diálogo e a participación no sector cultural municipal, posto que Ames conta cun ecosistema cultural de gran riqueza e diversidade, asociacións, colectivos, creadores/as, artistas.

Obras de mellora na EIM O Bosque
O Pleno debaterá a aprobación do proxecto técnico modificado das obras de acondicionamento e mellora térmica de cuberta e fachadas da Escola infantil municipal O Bosque, situada na localidade de Bertamiráns. Esta actuación ten un orzamento de 78.920,40 euros, dos cales o organismo provincial achega 52.000 euros e o Concello de Ames pon o importe restante, 26.920,40 euros. Previamente, o Servizo de Patrimonio e Contratación da Deputación aprobou o proxecto técnico, unha vez atendidos os diferentes requirimentos de documentación. O seguinte paso, unha vez aprobada dita modificación do proxecto polo Pleno municipal, será asinar o convenio coa Deputación da Coruña para licitar as obras e poder executalas o antes posible.

Tamén se vai a abordar a adhesión do Concello de Ames ao programa de teleasistencia domiciliaria da Deputación provincial da Coruña. O Organismo provincial presta este servizo de teleasistencia domiciliaria ás persoas non dependentes, residentes nos municipios de menos de 50.000 habitantes que, por razón de idade, enfermidade, diversidade funcional, illamento xeográfico ou desarraigamento social precisan da asignación deste servizo para mellorar a súa calidade de vida, posibilitando, con iso, a súa permanencia na contorna habitual.

Propostas a debate
Ademais, trataranse catro propostas e unha declaración institucional presentadas polo Goberno municipal e os diferentes grupos políticos con representación na Corporación municipal.

Deste xeito, os membros do Grupo de goberno e do grupo mixto presentaron unha proposta para a ampliación da  depuradora de Sisalde, na que se insta á Xunta de Galicia á dar cumprimento ao Plan Hidrolóxico Galicia Costa 2015-2021, e acometer á máxima brevidade posible as actuacións necesarias para a ampliación e mellorada depuradora de augas residuais de Sisalde. Tamén se lle solicita á Xunta fixar conxuntamente co Concello de Ames un calendario de actuacións para planificar as actuacións necesarias para a execución das obras e trasladar a información detallada por anualidade e por tipo de uso da auga sobre a recadación en concepto de Canon da Auga nos concellos de Ames, desde o período 2012 ao 2020. Por último, solicítaselle a relación e o importe dos investimentos efectuados no período 2012-2020, orientados á consecución dos obxectivos medioambientais do río Sarprevistos nos PHGC 2009-2015 e 2015-2021.

Outra das propostas presentadas, neste caso polo BNG, é sobre a transferencia da AP9 a Galiza. En dita proposta ínstase á Mesa do Congreso e ás forzas políticas con representación nesa institución a aprobar definitivamente a lei de Transferencia da AP9 a Galiza no actual período de sesións e ínstase ao Goberno do Estado a facer efectiva de xeito inmediato a rebaixa das peaxes da AP9.

O grupo municipal popular de Ames presenta unha proposta para instar ao Goberno de España a poñer en marcha determinadas medidas para rebaixar o prezo da luz. En dita proposta solicítase rebaixar o tipo de gravame do Imposto sobre o valor da Produción de Enerxía Eléctrica do 7% ao 0%, modificando para iso o artigo 8 da Lei 15/2012 de medidas fiscais para a sustentabilidade enerxética, tal e como se recolle na Proposición de Lei presentada polo Partido Popular o 18 de setembro de 2018 e que caducou debido á falta de vontade do Goberno de España por debater este asunto. Ademais, solicitase modificar a Lei 24/2013 do sector eléctrico para, entre outros aspectos, que determinados custos regulamentarios que se trasladan á factura eléctrica como a débeda do sistema eléctrico sexan financiados integramente con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado, tal e como propón a Proposición de Lei presentada polo Partido Popular o pasado 19 de xaneiro.

Outra das proposta a tratar será a do concelleiro do grupo mixto, José Ramón Oulego, en relación coa instalación de filtros HEPA e medidores de CO2 nas aulas. En dita proposta solicítase realizar un estudo técnico especializado, baseado en criterios sanitarios, nas  aulas das escolas infantís de titularidade municipal, para proceder á instalación de aparellos de filtración con  filtros  HEPA e medidores de CO2, segundo as necesidades recollidas no estudo; e que estes aparellos estean instalados en todas as aulas para o inicio do curso 2021-2022. Tamén se insta á Xunta de Galicia á realización dos estudos técnicos necesarios e a posterior instalación de aparellos de filtración de aire con filtros  HEPA e medidores de CO2 nas aulas de todos os centros educativos de todos os niveis de titularidade autonómica; e que estean instalados para o inicio do curso 2021-2022.

Declaración institucional para o cumprimento do protocolo de vacinación
Por último, tratarase a declaración institucional, ante a proposta do concelleiro do grupo mixto José Ramón Oulego, para garantir a máxima transparencia e cumprimento do protocolo de vacinación e asegurar o cese dos políticos que se salten ou cometan calquera tipo de irregularidade asociada ao proceso ou a orde de vacinación.

En dita proposta recollese que o Pleno de Ames manifesta a necesidade de que o equipo de Goberno, así como todas as formacións políticas con presencia institucional no consistorio de Ames asuman o compromiso ético de pedir a dimisión dos seus cargos públicos, que se salten o plan de vacinación ou que incumpran o protocolo de vacinación establecido en proveito propio ou beneficiándose da súa posición, prexudicando con iso ás persoas que realmente necesitaban con prioridade esa vacina e viron atrasada a súa quenda; así como o compromiso de cesar ao persoal contratado ou nomeado por eles que se salte o plan de vacinación ou incumpran o protocolo de vacinación.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames pedirá la ampliación de Sisalde y la dimisión de políticos vacunados"

La Voz de Galicia: "Ames tendrá Consellos Sectoriais de Cultura y Educación"

Imaxe de arquivo do salón de plenos da Casa do Concello