Pestanas principais

O Pleno debaterá a aprobación do Código ético e de bo goberno do Concello de Ames

Martes, 23 de novembro de 2021

O pleno ordinario do mes de novembro celebrarase o vindeiro día 25 no Salón de Plenos da Casa do Concello. Debaterase a adhesión ao convenio da Axencia Estatal de Administración Tributaria e a Federación Española de Municipios e Provincias en materia de intercambio de información tributaria e colaboración recadadora coas entidades locais. Tratarase tamén a constitución do Consello Sectorial das Persoas Maiores, a aprobación inicial do Regulamento do Consello Sectorial de Educación e a aprobación do Código Ético e do bo goberno do Concello de Ames. A aprobación do expediente de licitación do Servizo de Limpeza Integral nas instalacións municipais e nos centros educativos do Concello de Ames será outro dos puntos a tratar. Ademais, o grupo do Partido Popular presenta unha moción para que o Concello inste ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a adopción de medidas que, na Lei da Cadea alimentaria, actualmente en tramitación, garantan, entre outras cuestións, “que todos os elos da cadea de valor láctea cobren polo seu produto un prezo que cubra, alo menos, os seus custos de produción”.

Convenio coa Axencia Tributaria
O primeiro dos puntos a tratar no apartado de “para deliberación e debate” é a adhesión ao convenio da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) en materia de intercambio de información tributaria e colaboración recadadora coas entidades locais. O Concello de Ames está adherido ao Convenio asinado en 2003 entre a AEAT e a FEMP para a colaboración en materia de intercambio de información tributaria e xestión recadadora das entidades locais, no marco da colaboración mutua e relación entre administracións. O 18 de marzo deste ano 2021, a FEMP e a AEAT asinaron un novo convenio apostando por un novo marco que regule este intercambio da información adaptándose aos avances tecnolóxicos. Considerando que a adhesión a dito convenio posibilita manter un fluxo de intercambio de información entre a AEAT e o Concello para un mellor funcionamento das actividades desenvolvidas dentro dos servizos administrativos, coa conseguinte redución de cargas administrativas proponse ao Pleno a adhesión a este novo convenio de colaboración.

Consello sectorial das persoas maiores
Á proposta da Concellaría de Benestar Social, tratarase tamén na sesión plenaria a aprobación da constitución do Consello Sectorial das persoas maiores, dentro do regulamento de participación cidadá que fora orixinalmente aprobado no pleno de febreiro de 2019. É a cuarta proposta de Consello Sectorial que se debate este ano, despois de que se aprobaran os Consellos de Educación e Cultura en febreiro e o de nenos e nenas, a finais de setembro.

Consello sectorial de Educación
Por outra banda, vaise debater a aprobación inicial do regulamento de funcionamento do Consello sectorial de Educación do Concello de Ames. O Consello é o órgano de participación veciñal do sector da Educación que se constituíu mediante acordo plenario do 25 de febreiro de 2021. Tras a súa creación a Concellaría de Educación propuxo un  Regulamento do Consello sectorial de Educación formado por un total de tres títulos e unha disposición final. Este regulamento recolle ao longo de oito artigos a composición, as competencias e o funcionamento do órgano colexiado. Dito regulamento foi sometido a consulta pública sin que se presentase ningunha suxestión e agora proponse ao Pleno para a súa aprobación inicial.

Aprobación do Código Ético e do Bo Goberno do Concello de Ames
No pleno ordinario do mes de novembro debaterase asemade a aprobación do Código ético e do Bo Goberno do Concello de Ames, ao que se lle dará publicidade na páxina web municipal. Este código, parte do Programa de Goberno 2019 – 2023, foi proposto dende a Concellaría de Transparencia. Inclúe cinco grandes partes, entre as que se atopan disposicións xerais, principios reitores da actividade municipal, normas de conduta, pautas en materia de contratacións e subvencións e o seguimento e avaliación do propio Código. A súa redacción toma como referencia leis estatais e autonómicas de transparencia e bo goberno, recomendacións do Consello de Europa e códigos de conduta doutros concellos e da Unión Europea.

Adxudicación do Servizo de Limpeza
Debaterase tamén a adxudicación do  Servizo de Limpeza Integral nas instalacións municipais e nos Centros Educativos do Concello de Ames, O presuposto total da base de licitación para tres anos é de 1.958.214 €, dividida en tres lotes: o primeiro para o Servizo de Limpeza nos Centros de Educación Infantil e Primaria e nas Escolas Unitarias por valor de 1.042.050 euros; o segundo para ao servizo de Limpeza das Escolas Infantís ao que se lle adxudicarían 298.205 euros; o terceiro abrangue o Servizo de Limpeza das instalacións de uso municipal 617.959 euros

Moción do PP
Ademais, o grupo do Partido Popular presenta unha moción para que o Concello inste ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a adopción de medidas que, na Lei da Cadea alimentaria, actualmente en tramitación, garantan, entre outras cuestións, “que todos os elos da cadea de valor láctea cobren polo seu produto un prezo que cubra, alo menos, os seus custos de produción”.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Elevan a casi dos millones el nuevo contrato para la limpieza integral"

AMSGO!: "O pleno de Ames debaterá a creación do Consello Sectorial das Persoas Maiores"

Concello de Ames