- Tematica
O próximo luns 13 de febreiro celebrarase un pleno extraordinario no que a Corporación municipal debaterá sobre a participación do Concello de Ames no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concello) “POS+ 2023” da Deputación provincial da Coruña. O Concello de Ames disporá de 968.925,34 euros, dos cales 857.688,62 euros (439.362,34€ da achega provincial 2023 e 418.326,28 euros da achega de 2022) son para novos investimentos; 100.000 euros, da Achega provincial 2023, destinarase ao financiamento de gastos correntes; e 11.236,72 euros para a redución de débeda con entidades financeiras. Dentro da partida de 419.359,07 euros, da achega de 2022, o Concello achega 1.032,79 euros. No Plan complementario de 2022 recóllese unha partida de 1.636.548.80 euros para investimentos financeiramente sostibles. Ademais dentro do POS+ Adicional 1/2023 contémplanse 157.314,02 euros para o financiamento de gastos sociais extraordinarios. Previamente ao pleno, celebrouse este mércores 8 de febreiro a comisión informativa de Economía, Facenda e Especial de Contas para abordar estes temas. En total o Concello de Ames recibirá 1.126.239,30 euros.
As actuacións incluídas neste plan provincial abarcan distintos tipos de obras. Moitas delas inciden na mellora e/ou reparación de distintas vías públicas municipais, algunhas nos camiños interiores de aldeas de parroquias como a pavimentación de viarios no núcleo de Framil (Biduído) e maila mellora da seguridade viaria en Frenza (Tapia). Estas dúas obras sufragaranse con cargo a Achega provincial de 2023, que está dotada de 439.362,34 euros. A obra de Framil ten un orzamento de 363.357,59 euros, mentres que a obra que se executará en Frenza dispón dun orzamento de 76.004,75 euros.
Ademais, o Concello de Ames sufragará a través da Achega provincial de 2022, que está dotada de 418.326,28 euros, outras tres actuacións. Dúas delas son obras de mellora de camiños no rural: pavimentación de viarios no núcleo de Cortegada (Ameixenda) que ten un orzamento de 212.005,26 euros; e maila pavimentación de viarios no núcleo de Gasamáns (Agrón), que ten un presuposto de 137.135,22 euros (dos cales 136.102,43 euros son achegados pola Deputación e 1.032,79 euros son postos polo Concello).
Por último, tamén se inclúe na Achega provincial 2022 o proxecto de eficiencia enerxética na iluminación do parque empresarial e industrial Novo Milladoiro, motor económico do concello de Ames. Con esta actuación preténdese continuar coa implantación do aforro enerxético en todo o municipio, despois de acometer actuacións semellantes no rural e nos núcleos urbanos de O Milladoiro e Bertamiráns. Dita actuación conta cun orzamento de 70.218,59 euros.
Por outra banda, o Concello de Ames pretenden dedicar 11.236,72 euros para a redución de débeda con entidades financeiras.
Plan complementario de 2023
O Plan complementario de 2023 inclúe investimentos financeiramente sostibles. Con cargo a esta partida preténdese executar nove proxectos que contan cun orzamento base de licitación total de 1.636.548.80, euros. Continuando coas melloras e reparación de camiños e estradas municipais do rural contémplase a pavimentación de viarios no núcleo de Oca, na parroquia de Ames (299.554,34 euros); a pavimentación de viarios no núcleo de Mourigade, na parroquia de Bugallido (176.217,04 euros); e maila pavimentación de viarios no núcleo de O Galiñeiro, na parroquia de Agrón (132.014,99 euros).
Tamén se actuará en viarios municipais que neste caso unen distintos lugares pertencentes a mesma parroquia como por exemplo o proxecto de mellora de seguridade viaria de O Mercuto a Quintáns na parroquia de Ameixenda (314.997,70 euros); estrada de Capeáns a Pousada, na parroquia de Covas (55.074,88 euros); ou na mesma parroquia a realización das beirarrúas dende Covas ao Lombao (112.481,53 euros). Con estas obras preténdese mellorar a seguridade viaria e funcional para a veciñanza destas parroquias.
Nunha liña similar, pero dentro dun ámbito máis preto aos núcleos urbanos e coa finalidade de continuar coa vertebración e cohesión do territorio amesán, están previstas as obras da pavimentación da rúa Juan Bueno Bueno (113.061,99 euros), así como a pavimentación de viarios no Castro de Ortoño (133.217,47 euros), ambas as dúas obras na parroquia de Ortoño. Noutra liña completamente distinta á citada, nesta ocasión inclúese no POS complementario de 2023 a adecuación dunha nave existente para a implantación dunha cociña central (299.929,16 euros), coa pretensión de darlle servizo aos comedores escolares de Ames.
POS+ Adicional 1/2023
No POS+ Adicional 1/2023 contémplanse 157.314,02 euros para gastos sociais extraordinarios. Do total de dita contía, destinaríanse 111.084,18 euros ao reforzo de persoal (técnico e/ou administrativo) adscrito aos departamento de servizos sociais co obxectivo de apoiar ao equipo de persoal actual e/ou facilitar a tramitación urxente das prestacións obxecto deste plan e axilizar a atención social profesional necesaria en situacións de risco para persoas vulnerables.
O importe restante, que ascende a 46.229,84 euros, dedicaríase á ampliación e dotación de partidas municipais destinadas a axudas de emerxencia ás persoas soas ou familias en risco de exclusión social: maiores, persoas con diversidade funcional, mulleres en risco de exclusión social ou vítimas de violencia de xénero, cando eles/as e as persoas ao seu cargo, carezan de medios económicos suficientes para asegurar a cobertura das necesidades básicas: vivenda, alimentación, electricidade, educación, gastos médicos ou farmacéuticos, transporte, e aqueles que consideren os servizos sociais municipais.
Novas relacionadas:
AMS GO!: "O pleno debate sobre máis dun millón de euros de proxectos con apoio da Deputación"