- Tematica
Este xoves, 29 de agosto, realizarase o pleno ordinario do mes de agosto no que a Corporación municipal debaterá sobre a aprobación da segunda fase do POS Adicional 1/2019; o suplemento de crédito 1/2019; e a aprobación dos festivos locais para o exercicio 2020. Estes temas foron previamente tratados este luns, 26 de agosto, nas comisións informativas.
A Corporación municipal abordará no pleno ordinario de agosto, que se celebra este xoves 29, a aprobación da segunda fase do POS Adicional 1/2019. Ao Concello de Ames correspóndelle a contía de 834.460,91 euros para o POS Adicional 1/2019. Na primeira fase puidéronse incluír as actuacións previstas no Plan complementario POS 2019, aprobadas polo Concello no Pleno do 18 de decembro de 2018. Dita inclusión tivo lugar por acordo de Xunta de Goberno Local do 16 de maio de 2019.
Deste xeito, foron incluídas na primeira fase do POS Adicional 1/2019 sete investimentos por importe de 777.415,69 euros. Os proxectos incluídos no plan complementario son a construción dun novos vestiarios no campo de fútbol do Milladoiro; unha senda peonil de Sisalde a Agro do Muíño; outra senda peonil de Outeiro a Costoia; e maila pavimentación de varios camiños: no núcleo de Raíces; no camiño de Tarrío a Raíces; dos accesos en Ventosa; dos acceso ao lugar de Sura.
Debido a que a contía asignada ao Concello de Ames é de 834.460,91 euros resta un importe de 57.045,22 euros. Esta é a contía dispoñible para a segunda fase do POS Adicional 1/2019, que se pretende destinar ao proxecto de mellora dos accesos do lugar de Portanxil (Trasmonte).
Suplemento de crédito 1/2019
Por outra banda, abordarase a aprobación inicial do expediente de modificacións de créditos 1/2019, na modalidade de suplemento de crédito, financiado con remanente de tesourería para gastos xerais. Dito suplemento de crédito ascende a 246.051,09 euros.
Deste xeito, existe a necesidade de tramitar un suplemento de crédito, financiado con remanente de tesourería para gastos resultante da liquidación do exercicio 2018, cuxa cifra total ascendeu a 8.448.782,88 euros, para posibilitar así a aprobación de gastos que non contan co respaldo orzamentario no orzamento de 2019, pero que foron gastos de investimentos necesarios que tivo que afrontar o Concello.
Os gastos responden fundamentalmente a gastos de investimentos, en áreas que afectan a servizos básicos: seguridade e orde público, alumeado público, estradas e camiños, investimentos en infraestruturas deportivas e educativas, moitos deles gastos imprevisibles e urxentes. A oportunidade de efectuar esta modificación reponde a necesidade de dar cumprimento ao principio de anualidade, propiciando que o gasto efectuado ao longo do ano poda ser imputado contra créditos orzamentarios do propio exercicio.
Festivos locais de 2020
Por último, tratarase a aprobación dos días festivos locais para o exercicio 2020. Proponse que en 2020 os festivos locais sexan o martes de Entroido (25 de febreiro) e o día da Ascensión (21 de maio). Premendo no enlace que está ao pé desta nova poderás obter a convocatoria coa orde do día do pleno ordinario de agosto.
Ligazóns:
La Voz de Galicia: "El pleno de Ames debatirá la aprobación de la segunda fase del Plan de Obras y Servicios"
Compostela 24 horas: "Ames aprobará este xoves os seus festivos locais para o 2020"