Pestanas principais

O Pleno debaterá a aprobación da Conta Xeral 2024 do Concello de Ames e da EPEL Augas de Ames

Mércores, 24 de setembro de 2025

Este xoves, 25 de setembro, o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de setembro. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre a aprobación da Conta Xeral 2024 do Concello de Ames e da EPEL Augas de Ames. Tamén se abordará a aprobación dunha declaración institucional do grupo socialista contra o xenocidio do pobo palestino en Gaza; a subsanación das deficiencias na redacción de dous proxecto do POS+2025 de pavimentación de viarios na aldea de Villaverde (Piñeiro) e de camiños peonís en Aldea Nova (Ortoño); a resolución das alegacións formuladas pola empresa Os Ventos Innovación en Servizos SL, anterior adxudicataria do servizo de axuda no fogar; e a corrección número 2 do PXOM,  no lugar de Framán. Por último, abordarase unha moción política do grupo municipal BNG sobre a vaga de lumes forestais que asolou Galicia no mes de agosto e as medidas necesarias para evitar que se repita esta catástrofe mediante unha política de prevención e unha xestión integral do medio. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Neste apartado tamén se dará conta das actas de Xunta de Goberno Local correspondentes ao mes de setembro; dos reparos formulados pola intervención municipal no exercicio 2024; da execución trimestral correspondente ao período medio de pago a provedores e morosidade do segundo trimestre de 2025; e da modificación das contías do prezo público das escolas deportivas municipais recollidas na ordenanza reguladora dos prezos públicos polos servizos culturais e deportivos.

Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordará será a aprobación da declaración institucional do grupo socialista contra o xenocidio do pobo palestino en Gaza. De seguido, abordarase a aprobación, se procede, da acta da sesión ordinaria do mes de agosto celebrada o 11 de setembro de 2025. 

Conta Xeral de 2024
Un dos principais temas que se van abordar no pleno ordinario de setembro é a aprobación, se procede, da Conta Xeral do exercicio 2024, que está integrada pola conta do Concello de Ames e pola da Entidade Pública Empresarial Augas de Ames EPEL.

Segundo a Conta Xeral de 2024 do Concello a conta do resultado económico-patrimonial do exercicio (aforro) é de 3.470.413,76 euros, mentres que o remanente de tesourería foi de 6.582.625,94 euros e o resultado orzamentario ascende a 130.259,82 euros.

Por outra banda, na Conta Xeral da Entidade Pública Empresarial Augas de Ames EPEL o balance de situación a 31 de decembro de 2024 ascendeu a 7.427.557,01 euros, a conta de perdidas e ganancias con saldo acredor foi de 43.172,65,65 euros; e o certificado de saldos a 31 de decembro de 2024 ascendeu a 942.454,01 euros.

Corrección de deficiencias en proxectos do POS+2025
Ademais, vaise abordar a corrección das deficiencias na redacción de dous proxecto do POS+2025 de pavimentación de viarios na aldea de Villaverde (Piñeiro) e de camiños peonís en Aldea Nova (Ortoño). En ambos casos hai que aprobar a corrección de deficiencias de índole formal indicadas polos técnicos da Deputación da Coruña. Cómpre lembrar que os proxectos incluídos no POS+ 2025 foron aprobados no pleno extraordinario celebrado o 4 de febreiro de 2025.

Outro dos temas que se van abordar é a resolución de alegacións formuladas pola empresa Os Ventos Innovación en Servizos SL, anterior adxudicataria do servizo de axuda no fogar do Concello de Ames. Proporase ao Pleno desestimar as alegacións presentadas pola empresa Osventos innovación en servizos SL, para a declaración de prohibición para contratar co Concello de Ames e impoñer a dita empresa unha prohibición para contratar co Concello de Ames polo período de 3 anos.

Tamén se tratará a corrección do erro material número 2 do PXOM de Ames, consistente na rectificación da cartografía que se relaciona do PXOM vixente, no relativo ao linde oeste do núcleo rural do lugar de Framán, parroquia de Bugallido, sobre os planos da corrección de erros número 1, relativa ao perímetro do núcleo urbano de Bertamiráns sobre o IES.

Apartado de mocións
Por último, abordarase unha moción política do grupo municipal BNG sobre a vaga de lumes forestais que asolou Galicia no mes de agosto e as medidas necesarias para evitar que se repita esta catástrofe mediante unha política de prevención e unha xestión integral do medio. 

O Pleno debaterá a aprobación da Conta Xeral 2024 do Concello de Ames e da EPEL Augas de Ames