[24-02-2011] A orde do día do Pleno ordinario do mes de febreiro recolle temas de moita importancia para a veciñanza amiense. Un dos puntos que se debaterá é a ampliación do contrato de concesión do servizo público de limpeza viaria e do punto limpo do Concello de Ames. A través desta modificación inclúese a limpeza de 37 novos espazos, rúas e parques públicos, entre os que destacan o polígono Novo Milladoiro, a urbanización Agro do Muíño e varios aparcamentos de Bertamiráns e do Milladoiro. Ademais haberá que atender varios temas económicos. Por unha banda tratarase a aprobación dunha transferencia de crédito para a amortización do préstamo destinado a financiar gastos correntes declarados necesarios e urxentes e a aprobación dun recoñecemento extraxudicial de crédito destinado a gratificacións por servizos extraordinarios e horas extraordinarias realizadas fóra da xornada normal de traballo. Tamén haberá tempo para atender o apartado de mocións.
A sesión plenaria de febreiro preséntase cargada de temas que serán debatidos e aprobados, se procede, pola corporación municipal. Un dos temas máis importantes que se abordarán é a ampliación do contrato de concesión do servizo público de limpeza viaria e do punto limpo do Concello de Ames. O pasado 1 de agosto de 2006 asinouse un contrato entre o Concello de Ames e a empresa Urbaser S.A. mediante o cal a devandita compañía se comprometía a xestionar o servizo de limpeza viaria e do punto limpo do Milladoiro durante os próximos dez anos.
Recentemente, o Concello solicitoulle á empresa adxudicataria deste servizo unha proposta económica e técnica de ampliación do contrato para incluír a limpeza de todos aqueles espazos públicos de nova existencia, incluso dos que aínda están sen recibir, pero que está próxima a súa recepción. Así, o 29 de decembro de 2010, a empresa Urbaser S.A., presentou dúas propostas. Unha delas recolle os servizos de limpeza viaria das zonas de nova creación e o segundo documento inclúe a limpeza dos parques infantís e das zonas verdes municipais.
Agora a corporación municipal deberá aprobar, se procede, esta modificación do contrato asinado o pasado 1 de agosto de 2006, para incluír a limpeza de novos espazos públicos e espazos verdes. Deste xeito proponse a inclusión de 37 novos espazos, rúas e parques municipais.
En Bertamiráns atenderanse 17 novos espazos entre os que destacan cinco novos parques infantís situados na praza de Chavián, Lapido, A Condomiña, A Telleira e na urbanización Arroucheiro. Ademais incluiranse dous aparcamentos (o que está situado entre a Avenida da Peregrina e a rúa Lodeiro e o que está diante do centro comercial Carrefour) e as rúas e espazos públicos das urbanizacións A Telleira e O Pedregal, as beirarrúas da estrada AC-544 (dende a escola infantil O Bosque ata o IES de Ames) e varías rúas entre as que se atopan a Avenida da Maía, e as rúas da Fragua, Xesteira e Fieira.
No núcleo de Milladoiro incluiranse 17 novos espazos públicos. Entre eles destacan 7 parques infantís situados na praza Manuel Murguía, rúa Seidón, na zona do Lavadoiro, entre as rúas Agro do Medio e da Curuxa, praza de Correos, rúa Estivada de Castelao e rúa Travesa. Ademais inclúese a limpeza do polígono Novo Milladoiro e varias rúas entre as que se atopan as de Agro do Medio, do Rego, de Abaixo, Camelias, Xaquín Lorenzo, do Xeixo, Cereixos, Agro da Magdalena, Estivada de Castelao, As Camelias e Magdalena.
As rúas e os espazos públicos da urbanización Agro do Muíño tamén será incluídos nesta ampliación do servizo. Deste xeito Urbaser pasará a xestionar a limpeza das rúas Ribeira de Maguxe, Rianxo, Revolteada, do Carballo, do Lavadoiro, Pradeiras, Avenida Esparille, Ameixeiras, Avenida Juan Bueno, Pradiños, Nogueiras, Tras do Muíño, así como da zona verde que dispón dun parque infantil, que se atopa entre as rúas do Carballo, Tras do Muíño e Avenida Esparille.
Tamén se incluíron nesta ampliación a pista polideportiva e o parque infantil da urbanización de As Mimosas e o parque infantil, a pista polideportiva e as papeleiras da urbanización de Aldea Nova.
Esta ampliación do contrato suporalle ao Concello un gasto de 245.300 euros, dos cales 153.482 euros equivalen ao custo de ampliación do obxecto do contrato, e 91.818 euros á ampliación dos servizos de limpeza en zonas verdes, parques e áreas recreativas municipais. Esta ampliación supón unha grande mellora na execución deste servizo que ata o de agora, en moitas casos, viñan exercendo os operarios/as das brigadas municipais.
Servizo de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos
Na sesión plenaria extraordinaria celebrada o 18 de novembro de 2010 aprobouse a modificación extraordinaria do servizo de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos correspondentes aos anos 2006 e 2007 e a aprobación do correspondente expediente de recoñecemento estraxudicial de crédito que lle daba cobertura orzamentaria, por un importe de 182.601 euros, como consecuencia dos investimentos de novos contedores e áreas de aportación realizados pola concesionaria nestes exercicios. Neste mesmo Pleno acordouse que a comezos do ano 2011 se habilitarían as partidas necesarias para atender as modificacións producidas nos anos 2008 e 2009.
O Pleno terá que debater a modificación extraordinaria do servizo de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos correspondentes aos anos 2008 e 2009, con repercusión ata o exercicio 2010, por un importe de 69.766 euros, como consecuencia dos investimentos de novos contedores e áreas de aportación realizados pola concesionaria nestes exercicios, así como o gasto relativo ás repercusións económicas nos exercicios 2009 e 2010 das modificacións de servizo aprobadas no Pleno celebrado o pasado 18 de novembro de 2010 que equivalen a 215.902 euros. Para poder facer o posterior pagamento é preciso aprobar o correspondente expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito que lle dea cobertura orzamentaria á aprobación das modificacións referidas nos puntos anteriores.
Apartado económico
Ademais o Pleno ordinario do mes de febreiro terá un marcado carácter económico xa que se terán que tratar a aprobación dunha transferencia de crédito para a amortización dun préstamo destinado a financiar gastos correntes declarados necesarios e urxentes e a aprobación dun recoñecemento extraxudicial de crédito para gratificacións por servizos extraordinarios e horas extraordinarias realizadas fóra da xornada normal de traballo.
Por unha banda, a corporación municipal deberá debater a aprobación dun recoñecemento extraxudicial de crédito destinado ás gratificacións por servizos extraordinarios e horas extraordinarias realizadas fóra da xornada normal de traballo. A partida de persoal asignada no orzamento de 2010 cubriu as retribucións fixas de todo o persoal municipal pero non foi suficiente para garantir o pagamento a aqueles traballadores que realizaron horas fóra da xornada normal, así como a compensación para o traballo realizado en período festivo e nocturno dos meses de novembro e decembro. Esta contía ascende a 59.178,54 euros.
Ademais vaise a debater a aprobación dunha transferencia de crédito destinada á amortización dun préstamo aprobado en 2010 que foi destinado a financiar gastos correntes declarados necesarios e urxentes. No ano 2010 concertouse unha operación de préstamo para o financiamento de gastos correntes declarados necesarios e urxentes por un importe de 957.875, 48 euros. Esta operación subscribiuse coa entidade Banco Gallego. A amortización desta operación de préstamo a curto prazo debe efectuarse antes de maio de 2011, momento no que se celebrarán as eleccións municipais e se renovará a corporación amiense.
Por último tamén haberá tempo para debater a rectificación dun erro aritmético no acordo plenario de 28 de outubro de 2010 sobre a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola subministración de auga e para atender o apartado de mocións no que se incluíron tres propostas do grupo municipal nacionalista. A primeira aborda a busca dunha solución ante a falta de prazas no CEP de Ventín e as outras dúas mocións son contra a suba dos bens de primeira necesidade (luz, gas e auga) e contra a privatización das caixas de aforros.




