- Tematica
Este xoves, 27 de novembro, o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de novembro. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre a adhesión á Mancomunidade Serra do Barbanza; a aprobación do Plan de Igualdade do Concello de Ames; a resolución do recurso de reposición sobre a prohibición para contratar a empresa Osventos Innovación e Servizos SL; a sexta modificación do plan estratéxico de subvencións; a modificación da aprobación inicial da ordenanza do centro deportivo municipal A Telleira para o exercicio 2026, a subsanación das deficiencias na redacción do proxecto das obras de pavimentación de viarios na aldea de Villaverde (Piñeiro) do POS+2025; a aprobación da segunda fase do POS+ Adicional 4/2025 para investimentos financeiramente sostibles; e a aprobación da devolución da garantía definitiva constituída mediante aval bancario do servizo de abastecemento de auga potable e saneamento municipal. Ademais, abordaranse dúas mocións do grupo municipal BNG de Ames sobre o impacto das obras na N-550 no comercio local do Milladoiro e sobre a necesidade de incrementar os recursos públicos para facer fronte á violencia machista. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.
O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Neste apartado tamén se dará conta de catro actas de Xunta de Goberno Local correspondentes ao meses de outubro e novembro; e da execución do terceiro trimestre de 2025 sobre o período medio de pago a provedores e morosidade.
Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordará será a toma de posesión de Beatriz Martínez Domínguez, sempre e cando se cumpran os prazos establecidos pola Xunta Electoral Central para que chegue a tempo a correspondente acta. Beatriz Martínez asumirá as áreas de Educación, Mocidade e Mobilidade. De seguido, tratarase a aprobación, se procede, da acta da sesión ordinaria do mes de outubro e da acta da sesión extraordinaria celebrada o pasado 18 de novembro de 2025.
A continuación, abordarase a aprobación, se procede, do Plan de Igualdade que será aplicable con carácter xeral ao persoal municipal ao servizo do Concello de Ames. As Administracións públicas deben respectar a igualdade de trato e de oportunidades no ámbito laboral e adoptar medidas dirixidas a evitar calquera tipo de discriminación laboral entre homes e mulleres. Por iso, no caso de aprobarse dito plan, deberase desenvolver no convenio colectivo do Concello de Ames. Previamente, o plan foi obxecto de negociación colectiva e acordado na Mesa xeral de negociación do pasado 21 de outubro de 2025.
Outro dos temas que se vai abordar é a desestimación do recurso de reposición presentado pola empresa Osventos Innovación e Servizos SL contra o acordo plenario do 25 de setembro de 2025 no que acordou a declaración de prohibición para contratar co Concello de Ames por un período de 3 anos, de acordo coa proposta formulada no informe emitido pola responsable do contrato.
De seguido, tratarase a sexta modificación do Plan estratéxico de subvencións. O Concello pretende poñer en marcha un ano máis a campaña dos Bonos Consuma, para iso aprobouse un suplemento de crédito no pleno extraordinario celebrado o pasado 18 de novembro. Debido a isto é necesario modificar o Plan estratéxico de subvención para introducir na correspondente liña de subvención o importe de 60.000 euros para a anualidade 2025. Tamén se vai a tratar a modificación da aprobación inicial da ordenanza do centro deportivo municipal A Telleira para o exercicio 2026 que implica unha modificación do cadro de tarifas.
Adhesión á Mancomunidade da Serra do Barbanza
Por outra banda, o Concello ten previsto iniciar o procedemento para a adhesión a Mancomunidade de Concellos Serra do Barbanza como membro de pleno dereito. Con esta decisión o Concello expresa a súa vontade de participar activamente nos obxectivos, programas e servizos comúns desenvolvidos pola Mancomunidade, contribuíndo así ao fortalecemento da cooperación intermunicipal e á mellora da xestión conxunta dos servizos públicos en beneficio da cidadanía.
Ao efecto a presidencia da Mancomunidade comunicoulle ao Concello o pasado 17 de novembro de 2025 que o procedemento a seguir para dita adhesión atópase recollido no artigo 19 dos Estatutos, require acordo pleno do Concello de Ames, polo que o Pleno debera acordar, se procede a adhesión do Concello de Ames á Mancomunidade de Concellos Serra do Barbanza como membro de pleno dereito de cara á anualidade 2026. Se esta proposta sae adiante haberá que notificar o acordo á Mancomunidade de Concellos Serra do Barbanza, aos efectos de realizar os trámites necesarios para a incorporación do Concello de Ames á Mancomunidade.
Ademais, o Concello de Ames está estudando a posibilidade de recorrer a cota extraordinaria aprobada pola Mancomunidade para facer fronte ao plan de pagos con FCC por non estar de acordo con todos os conceptos incluídos.
POS+ Adicional 4/2025
Ademais, abordarase a subsanación das deficiencias na redacción do proxecto das obras de pavimentación de viarios na aldea de Villaverde, na parroquia de Piñeiro, que está incluído no POS+2025. A única variación consiste en que se procedeu a subsanar as deficiencias de índole formal indicadas polos técnicos da Deputación provincial da Coruña. A continuación tratarase a aprobación da segunda fase do POS+ Adicional 4/2025, para investimentos financeiramente sostibles, que inclúe o arranxo e renovación das beirarrúas na avenida da Maía ata o límite co concello de Brión.
Na parte resolutiva, o último tema que se abordará será a aprobación, se procede, da devolución da garantía definitiva constituída mediante aval bancario do servizo de abastecemento de auga potable e saneamento municipal solicitada pola empresa Espina & Delfín SL, anterior concesionaria do contrato de explotación do servizo de abastecemento de auga potable e saneamento municipal.
Apartado de mocións
No apartado de mocións abordaranse dúas mocións políticas do grupo municipal do BNG sobre o impacto das obras na N-550 no comercio local de O Milladoiro e sobre a necesidade de incrementar os recursos públicos para facer fronte á violencia machista.
Novas relacionadas:
Xornal de Compostela: "Ames debaterá no pleno a adhesión á Mancomunidade Serra do Barbanza e o Plan de Igualdade municipal"





