[04-09-2018] Este xoves, 6 de setembro, celebrarase o pleno ordinario correspondente ao mes de agosto no que a Corporación municipal debaterá a adhesión ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a FEGAMP e o SEAGA, en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias. Outros dos temas que se abordará será a adhesión ao Protocolo Xeral de Actuación entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP, para fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia, mediante a posta en marcha da iniciativa “Concellos Doing Business Galicia”. Por último, tratarase a elección de xuíz/a de paz substituto/a e maila modificación das ordenanzas fiscais do IAE, IBI e ICIO. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a convocatoria coa orde do día do pleno ordinario de agosto.
Os temas que se debaterán este xoves no pleno ordinario de agosto, foron previamente tratados o pasado venres, 31 de agosto, nas comisións informativas. Deste xeito, un dos temas que figura na orde do día de dita sesión plenaria é a adhesión ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a FEGAMP e o SEAGA, en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.
Este convenio foi asinado o 9 de agosto de 2018 e ten por obxecto instrumentar a cooperación da Administración Xeral da CCAA, a través da Consellería do Medio Rural, SEAGA (sociedade mercantil pública autonómica, Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos S.A.) e a FEGAMP, cos concellos que voluntariamente se adhiran ao convenio, mediante o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nos montes ou terreos forestais incluídos nas faixas secundarias de xestión da biomasa.
Protocolo "Concellos Doing Business Galicia"
Outros dos temas que se abordará será a adhesión ao Protocolo Xeral de Actuación entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP, para fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia, mediante a posta en marcha da iniciativa “Concellos Doing Business Galicia”. A través deste protocolo a Xunta de Galicia intenta poñer en marcha, en colaboración cos concellos, medidas que favorezan e fomenten a implantación e fixación de empresas no territorio galego.
O protocolo de actuación recolle unha serie de obrigas para o Concello de Ames, entre as que se atopan a modificación das ordenanzas fiscais reguladoras do Imposto sobre Bens Inmobles, do Imposto sobre Actividades Económicas e do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras, para introducir bonificacións de ata o 95% a favor das empresas que desenvolvan actividades económicas que sexan declaradas de espacial interese ou utilidade municipal polo Pleno da Corporación, por concorrer circunstancias de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración.
Deste xeito, o Pleno tamén terá que debater a modificación das ordenanzas fiscais do imposto sobre actividades económicas; do imposto de bens inmobles e do imposto sobre construcións e obras.
Elección de xuíz/a de paz substituto/a
Na sesión plenaria do pasado 28 de xuño foron aprobadas as bases para a elección de xuíz/a de paz substituto/a do concello de Ames. Posteriormente, durante o prazo de presentación de instancias foi presentado un recurso de reposición contra as devanditas bases, que foi desestimado no pleno do 26 de xullo. Durante o prazo antes referido, de presentación de solicitudes, foi presentado unha única instancia, que reúne os requisitos para poder ser elixido xuíz/a de paz substituto/a do Concello de Ames, polo que será potestade do Pleno a elección desta persoa como xuíz de paz substituto do Concello de Ames.
Contido relacionado

Compostela 24 horas: "O Pleno de Ames votará a adhesión ao convenio da Xunta, a FEGAMP e o SEAGA"
El Correo Gallego: "Ames bonificará a firmas que fomenten el empleoy gestionará la biomasa"




