Pestanas principais

O pleno de Ames dá luz verde á Conta Xeral de 2013, que conta cun remanente positivo de 54.289 euros, e aproba por unanimidade a primeira ordenanza municipal que regulará o sector do taxi

Venres, 31 de outubro de 2014

[31-10-2014] O pleno de outubro do Concello de Ames supuxo a aprobación definitiva da Conta Xeral de 2013, que por segundo ano consecutivo reflicte un remanente de tesourería positivo e se presenta dentro do ano seguinte. Ademais, a Corporación municipal aprobou por unanimidade a ordenanza do sector do taxi, o primeiro texto que regulará este servizo e que foi consensuado co sector. A sesión incluíu a aprobación de cinco mocións, unha delas de urxencia, presentadas polos membros da oposición.

No punto de dar conta ao pleno das xestións realizadas pola Alcaldía, o rexedor de Ames, Santiago Amor, explicou que se recibiu comunicación de Augas de Galicia de que se está redactando o proxecto de ampliación da depuradora de Sisalde en base ao anteproxecto e que en canto estea rematado se remitirá ao Concello. Ademais, informou de que a Dirección de Transportes do Sector Postal remitiu un escrito ao Concello sobre a moción para que a Oficina de Correos do Milladoiro poida abrir en horario de tarde. Este organismo informa de que considera que o servizo no municipio está cuberto e que polo momento non se contemplan ampliacións nin mermas no servizo.

Tras o remate do pleno, o alcalde informou de como estaba a día de hoxe o cemiterio municipal. En resposta ás cuestións prantexadas por unha veciña, o rexedor amiense lembrou que a obra do cemiterio foi recibida en 2010 e que presentaba deficiencias, o que motivou o inicio dun procedemento xudicial coa empresa construtora que aínda non está resolto. Con todo, Santiago Amor avanzou que antes de final de ano se levará ao pleno o regulamento e ordenanza do cemiterio co obxectivo de determinar o seu modelo de xestión e poñelo en marcha no menor prazo posible. O rexedor recoñeceu que se trata dunha situación incómoda debido á necesidade que supón non contar aínda con esta infraestrutura desde o seu remate en 2010.

Na sesión plenaria celebrada onte, deuse aprobación definitiva á ordenanza do sector do taxi. Nela, incluíuse a través dunha emenda aspectos máis garantistas para o sector do taxi de Ames. A Corporación aprobou por unanimidade o texto, que foi consensuado co sector.

Conta Xeral 2013
No pleno tamén se aprobou a Conta Xeral correspondente a 2013. A Conta Xeral reflicte que o Concello pechou o 2013 cun remanente de tesourería, o indicador que permite comprobar o nivel de solvencia dunha administración, de máis de 54.289 euros. Trátase do segundo ano consecutivo no que o Concello de Ames acada un remanente de tesourería positivo, confirmando unha melloría nas contas municipais que se iniciou na Conta Xeral de 2012, na que o remanente foi positivo, algo que non acontecía desde o ano 2006. Ademais, aínda que cun retraso de 15 días sobre o prazo, aprobase no ano seguinte.

Santiago Amor, ao igual que o resto de membros da oposición, agradeceu o traballo dos técnicos dos servizos económicos do Concello. Ante as críticas da oposición sobre os resultados da Conta, o rexedor destacou que “este documento amosa que o Concello está normalizando a súa situación económica a pesar do escenario de crise”.

O alcalde fixo fincapé en que “neste contexto, mantemos todos os servizos e mesmo aumentamos algúns, dando pasos firmes cara a recuperación”. O alcalde destacou a importancia que tivo neste feito o plan de mellora do departamento de contratación, que definiu como “un cambio estratéxico que permitiu dar cobertura contractual a servizos que antes non a tiñan, acadando unha mellora xurídica e económica”. Deste xeito, dixo que se conseguiu “mellorar os prazos de pagos a proveedores, algo no que se sigue traballando para tentar acortalos, e mellorar o prezo tras as licitacións, incluíndo nos procesos negociados ata 8 ofertas co fin de buscar o beneficio para o Concello”. Este feito “permite que depois dunha licitación sempre se consiga un mellor servizo ao mellor prezo, buscando o interese do municipio por riba de todo e non permitindo saldar servizos básicos e esenciais para o día a día dos cidadáns”.

Ante as críticas da oposición, o rexedor subliñou que o Concello mantén todos os servizos e incrementou o seu gasto en acción social (con convenios con Cáritas Milladoiro e Bertamiráns), no fomento de emprego (a través dos obradoiros e programas integrados), aumentou o número de usuarios nos servizos, asinou contratos cos clubes deportivos, mantivo o apoio a asociacións e festexos e baixou a débeda en 700.000 euros. O alcalde destacou as achegas do Estado, da Xunta e da Deputación e que se rende a conta no ano seguinte, cando nos mandatos do Goberno socialista se facía cunha media de dous anos de atraso o que facía que non se puidera optar a subvencións. O rexedor amiense admitiu que “a todos nos gustaría estar nunha situación económica mellor, pero agora están as contas máis saneadas que nunca, algo que é bo para todo o Concello”.

Santiago Amor incidiu en que “o Concello de Ames estaba mal, agora está mellor e sobre todo estamos mellorando e espero que as contas do 2014 así o demostren”. Ademais, fixo unha defensa da cesión da recadación de tributos á Deputación, algo que se reflectiu por primeira vez na Conta de 2013 e que, dixo, supuxo melloras retributivas e de liquidez para Ames.

Mocións
A sesión plenaria acolleu no apartado de control ao goberno o debate de cinco mocións presentadas pola oposición. A primeira foi a presentada polos concelleiros non adscritos María Dolores Fernández Álvarez, Alfonso Rey López, María González Gómez, Manuel Ferreiro Santiago, Emilio Martínez Carballeira e Ramón García Argibay sobre a solicitude de emendas nos Orzamentos Xerais do Estado. Este texto foi aprobado por maioría simple cos votos a favor dos concelleiros que presentaron a moción e a abstención do resto.

A concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, subliñou que a moción era "extemporánea", xa que rematou o prazo de presentación de emendas. Ademais, destacou que as propostas “son inviables e nada realistas”, xa que obras como a depuradora de Sisalde ou a mellora dos camiños de Santiago corresponden á Xunta de Galicia e non ao Estado. Neste sentido, lembrou que a Xunta está redactando neste momento o proxecto de ampliación da depuradora de Sisalde e que nas rutas xacobeas que pasan por Ames “o Concello xa fixo actuacións e está pelexando por acadar investimentos a través do Plan Director”.

Pola súa banda, o alcalde, destacou que o Goberno amiense “está a favor de facer investimentos pero que antes de traer propostas cribles hai que ter proxectos”. O rexedor destacou que “antes de traer propostas sen un proxecto nin unha valoración documentada o que había que facer en lugar de pedir de xeito arbitrario é buscar o consenso entre todos e contando coa participación de todos”. “A partir de aí é cando se ten credibilidade e se pode ir a outras administracións”, engadiu. O alcalde sinalou que nos Orzamentos do Estado hai proxectos que se realizarán no entorno de Ames e que beneficiarán ao municipio. Neste sentido, informou, ademais, de que o Goberno central está redactando o estudo informativo sobre a variante de trazado entre Sigüeiro e Padrón.

Os concelleiros non adscritos María Dolores Fernández Álvarez, Alfonso Rey López, María González Gómez, Manuel Ferreiro Santiago, Emilio Martínez Carballeira e Ramón García Argibay tamén presentaron unha moción sobre a solicitude de revisión catastral completa do Concello á que os concelleiros non adscritos Pilar Candocia Pita, Susana Mayo Redondo e Anxo Doval Rey presentaron unha emenda á totalidade. Esta emenda foi aprobada por unanimidade de toda a Corporación. No pasado pleno de setembro, o Goberno xa aprobara unha moción para considerar como terreos rústicos a efectos catastrais e fiscais os solos non urbanizados e remitiuna ao Catastro.

Pola súa banda, o grupo municipal socialista presentou unha moción sobre a normativa reguladora das bolsas na educación post obrigatoria, que recibiu un voto particular dos concelleiros non adscritos Pilar Candocia Pita, Susana Mayo Redondo e Anxo Doval Rey. Este voto e a moción foron aprobados coa abstención do grupo de Goberno.

O PSOE tamén presentou unha moción sobre o estado dos centros de saúde do municipio. Este punto saíu adiante cos votos a favor dos concelleiros socialistas e dos non adscritos e coa abstención do grupo de Goberno. Sobre esta cuestión, o alcalde de Ames explicou que nos últimos meses mantivo tres reunións coa conselleira de Sanidade, contactos co xerente do Sergas e reunións co xerente da Área Sanitaria, que visitou os centros de Milladoiro e Bertamiráns. Santiago Amor destacou que, ante os problemas xudiciais que presenta a parcela do S-15, estivéronse buscando alternativas temporais e visitando locais para unha ubicación provisional do centro de saúde do Milladoiro mentres non se constrúa o novo. Ademais, subliñou que se acometerá en breve a reposición da cuberta do centro do Milladoiro e que o Goberno, debido aos problemas xudiciais do S-15 traerá ao pleno a cesión doutra parcela ao Sergas. Lembrou o compromiso de Sanidade con facer un novo centro no Milladoiro desde o 2010, algo para o que solicitara licencia naquel momento, remitindo o proxecto.

Por último, os concelleiros non adscritos Pilar Candocia Pita, Susana Mayo Redondo e Anxo Doval Rey presentaron unha moción de urxencia para o arranxo do patio interior da EEI do Milladoiro. Neste punto, presentaron un voto particular concelleiros non adscritos María Dolores Fernández Álvarez, Alfonso Rey López, María González Gómez, Manuel Ferreiro Santiago, Emilio Martínez Carballeira e Ramón García Argibay para que se incluíse tamén o arranxo do patio do CEIP Agro do Muíño. O voto particular contou cos votos favorables dos concelleiros socialistas e non adscritos e cos votos en contra do grupo de Goberno, xa que o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, indicou que xa está previsto a realización de traballos no centro de Agro do Muíño. A moción en conxunto aprobouse coa abstención do grupo de Goberno.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames aproba a Conta Xeral de 2013 grazas ó voto de calidade do rexedor"
La Voz de Galicia: "El Concello de Ames busca otra parcela para el futuro centro de salud de Milladoiro"