Pestanas principais

O pleno de Ames aproba por unanimidade a saída do Refuxio de Animais de Santiago e a sinatura con Tráfico dun convenio para a cesión de material e apoio técnico

Venres, 01 de febreiro de 2013

[01-02-2013] A corporación municipal aprobou onte por unanimidade de todos os grupos a saída do Concello de Ames do Refuxio de Animais de Santiago de Compostela e deu luz verde á sinatura dun convenio con Tráfico, que permitirá ampliar e mellorar os servizos que presta a Policía Local. Na sesión ordinaria correspondente ao mes de xaneiro tamén se aprobou por unanimidade a elección de Laura Lorenzo Arceo como xuíza de paz substituta e o recoñecemento extraxudicial plenario 1/2013.

O primeiro dos temas que se abordou no pleno foi a saída do Concello de Ames da Fundación Pública Refuxio de Animais de Santiago de Compostela. Este tema xa se tratara no pleno de decembro, pero tralo acordo de todos os grupos municipais decidiuse deixar este tema sobre a mesa co obxectivo de aclarar algúns aspectos. Finalmente, na sesión de onte tanto os concelleiros do grupo socialista como os dos non adscritos votaron a favor da saída, tras reunirse coa concelleira de Medio Ambiente, coñecer máis a fondo as características do servizo e consensuar algunhas cuestións que garanten a calidade do servizo que prestará a empresa privada.

A edil de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, agradeceu a colaboración dos grupos da oposición e comprometeuse a seguir colaborando para elaborar un protocolo de actuación. A concelleira confirmou que solicitará un informe mensual sobre a situación dos animais, que se inclúa una sección na páxina web con fotos e ficha dos animais recollidos e que se intente localizar ao dono a través do microchip antes de saír para a canceira.

O cambio de modelo permitiralle ao Concello un aforro de máis de 36.000 euros. Ademais, incluirá o servizo de lacería que ata o de agora se realizaba a través de traballadores do Concello e que non se podía facer polas tardes ou o fin de semana, co conseguinte problema para a seguridade viaria. Deste xeito, favorecerase a eficacia na recollida e traslado dos animais nun tempo máximo de media hora.

Convenio coa Xefatura Central de Tráfico
A sesión plenaria do mes de xaneiro tamén supuxo a aprobación por unanimidade dun convenio entre a Xefatura Central de Tráfico e o Concello de Ames que permitirá ampliar e mellorar os servizos que presta a Policía local de Ames. O alcalde de Ames, Santiago Amor, explicou que “se trata dun interesante convenio específico que inclúe a cesión de materiais como vehículos ou equipos, así como apoio técnico en actuacións relacionadas co plan de seguridade viaria”. “Trátase dunha demanda da Policía municipal”, engadiu.

Para a sinatura do convenio, a Dirección Xeral de Tráfico solicita que o Concello designe un interlocutor, así como dous membros que formarán parte da comisión de seguimento do convenio. Neste caso, o interlocutor será o responsable da Policía Local de Ames, que tamén formará parte da comisión de seguimento xunto ao alcalde, que ostenta as competencias de seguridade e tráfico no Concello.

Un dos obxectivos deste acordo é desenvolver determinadas accións en materia de tráfico e seguridade viaria, concretamente as relativas á transmisión de datos e acesos a rexistros. O convenio que se pretende subscribir fai mención igualmente as accións consistentes en cesión de materiais, apoio técnico e/ou económico para a elaboración de plans de seguridade viaria ou posta en marcha de medidas específicas.

Tras a aprobación dos asuntos do día, o pleno votou a urxencia de dúas mocións presentadas polos grupos da oposición. A urxencia das dúas mocións foi rexeitada.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El PP de Ames mantiene la unidad de voto pese al cisma"
El Correo Gallego: "El PP de Ames coincide en el voto y Amor afirma que sigue"