Pestanas principais

O pleno de Ames aproba por unanimidade a ordenanza de emerxencia social municipal

Venres, 27 de marzo de 2015

[27-03-2015] O pleno ordinario de marzo comezou cun minuto de silencio en recordo das 150 persoas que faleceron esta semana no accidente aéreo acontecido nos Alpes franceses. De seguido, Ramón Senra Ríos tomou posesión da súa acta como novo concelleiro da corporación municipal. A continuación, aprobouse por unanimidade, e de xeito inicial, a ordenanza reguladora das axudas de emerxencia social.

Esta norma xa fora aprobada no pleno celebrado o pasado 30 de maio de 2013, pero co paso do tempo e coa práctica diaria, os traballadores do departamento de Benestar Social municipal detectaron que era necesario adaptar a normativa á realidade social actual. O colectivo propuxo a derrogación da ordenanza reguladora das axudas de emerxencia social municipal e a aprobación dunha nova na que a Administración local concertase a regulación destas axudas e introducise as modificacións precisas para emendar as necesidades detectadas polos técnicos deste departamento.  

O alcalde de Ames, Santiago Amor, explicou que as modificacións propostas polos traballadores do departamento de Benestar Social teñen como obxectivo “facer máis áxil a tramitación administrativa e dar cobertura a algúns casos que antes non se contemplaban”. Os principais cambios son os que se refiren a eliminación de incompatibilidades entre necesidades básica, gastos de alugueiros e gastos de subministro.  

O rexedor municipal tamén nomeou algunhas das exencións que se establecen. Por exemplo, eliminase a burocracia á hora de tramitar as necesidades básicas, créase unha comisión técnica para abordar aqueles casos que non están recollidos na norma e que se poidan valorar por parte dos traballadores sociais para emitir unha proposta de axuda se fose acordado e ademais introdúcense matices para axudar na compra e recarga das tarxetas do transporte metropolitano.      

Tramitación da ordenanza  
Cómpre lembrar que no pasado pleno de novembro de 2014 este punto quedou encima da mesa a petición da oposición. Posteriormente, o 11 de febreiro, o equipo de traballadores sociais elaboraron un informe de propostas técnicas de mellora e/ou modificacións da ordenanza de emerxencia social que parten da posta en práctica da mesma e dos problemas que día a día foron xurdindo debido a súa aplicación.  

Unha vez a asesora xurídica do departamento de Benestar Social e a secretaria municipal informaron favorablemente a aprobación da nova ordenanza, derrogando a vixente ata o de agora, os concelleiros e concelleiras da corporación municipal aprobaron de xeito inicial a nova ordenanza de emerxencia social, que quedará aprobada de xeito definitivo se non se presentan alegación no período de exposición pública.     

Aprobación de catros achegas municipais  
Outro dos asuntos que se aprobaron por unanimidade foron a concesión de subvencións por valor duns 42.000 euros a catro colectivos municipais. Os destinatarios serán a ANPA As Brañas do CEP de Ventín con 2.000 euros, a Asociación Arcea Adames con 7.500 euros, o Milladoiro SD con 10.087 euros; e o Bertamiráns FC con 22.364 euros, que destinarán a súa correspondente contía ao desenvolvemento da súas actividades anuais.  

Por último, púxose en coñecemento do pleno a renuncia da concelleira Eugenia Martín e do concelleiro Bernardo Moar, as renuncias anticipadas de Camilo Rico e de Alfredo Manuel Campos e a solicitude de expedición de credencial a favor de José Fuentes e María de la Concepción Penido.  



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames aprueba la ordenanza para emergencias sociales"
La Voz de Galicia: "Santiago Amor incorpora hoy a su gobierno de Ames al edil Ramón Senra"