[01-05-2015] O pleno ordinario de abril, celebrado onte, comezou coa toma de posesión das actas de novos concelleiros á corporación municipal, José Fuentes Lamas e María Concepción Penido López. A continuación, quedou enriba da mesa o proxecto técnico dun parque infantil na praza de Manuel Murguía no Milladoiro. Con cinco abstencións e os votos en contra dos edís do grupo socialista e dos non adscritos o proxecto que dotaría de columpios e mobiliario urbano a esta praza do Milladoiro non saíu adiante.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, declarou o seu desexo de non querer “deixar enriba da mesa un proxecto necesario e beneficioso para O Milladoiro e para o cal existe unha partida provincial de preto de 70.000 euros”.
Conexión ao polígono industrial do Milladoiro
De seguido, o pleno deu luz verde ao proxecto técnico que recolle a conexión co polígono industrial do Milladoiro. En concreto, o informe reflicte a finalización dun tramo dende a Avenida do Muíño Vello ata á estrada de Ventín, pola parte posterior do Instituto de Educación Secundaria. O rexedor municipal indicou que o importe destas obras acada os 145.000 euros e valorou positivamente “o compromiso da Deputación para financiar o 80% desta actuación”. A oposición coincidiu que se trata dunha obra que preocupa á comunidade educativa e o asunto aprobouse por unanimidade.
Convenio de colaboración co Concorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar
Por último, tamén se aprobou por unanimidade unha addenda para prorrogar ata o vindeiro 31 de decembro deste ano o convenio de colaboración co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que ten por obxecto finalizar a construción da nova escola infantil en Bertamiráns. O centro será o segundo da Rede A Galiña Azul de Ames e contará con 82 prazas para nenos de 0 a 3 anos.




