Pestanas principais

O Pleno de Ames aproba a cancelación do Plan de Axuste e a amortización da débeda bancaria

Venres, 01 de decembro de 2017

[01-12-2017] A corporación municipal aprobou por unanimidade os puntos relativos á aprobación destino superávit liquidación do exercicio 2016 e a aprobación suplemento de crédito 2/2017, polos que o Concello de Ames destina este superávit a amortizar o Plan de axuste, con elevados importes en amortización e intereses que ascendían a mais de 215.000€ anuais e que Ames debía acometer nas vindeiras 5 anualidades, e a eliminación da débeda que mantiña coas entidades bancarias. Tamén saíu adiante a aprobación inicial da modificación do artigo 14 do Regulamento do servizo municipal de de abastecemento de auga potable, saneamento e depuración, a aprobación inicial do Regulamento da rede municipal de comedores escolares, Bos Días Coles e Tardes Divertidas e a aprobación provisional da modificación da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola presentación de servizos complementarios educativos e de conciliación da vida familiar e laboral.

Pese a que todas as formacións políticas da corporación municipal coincidiron na aprobación dos asuntos de índole económica que se levaban a pleno, coa cancelación do Plan de Axuste (2012-2022) en virtude dos datos da liquidación do exercicio 2016, foron os números, grandes cifras e constantes referencias a gobernos anteriores e modelos de xestión os que acapararon boa parte do debate da sesión plenaria ordinaria deste mes de novembro. Como telón de fondo un Plan de Axuste que os grupos municipais de Pacto por Ames e Partido Popular defenderon como causa principal da mellora económica do Concello e do que o goberno, Ames Novo e o concelleiro non adscrito, Javier López, apuntaron que a súa cancelación permitirá a reducción de débeda, a apertura de políticas sociais, e facer investimentos que redunden no beneficio dos veciños e veciñas, entre outras melloras. Quizáis a ausencia do concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, e as
curtas (e non habituais) intervencións de Javier López, facilitaron un debate a tres entre os concelleiros Francisco Javier Olmo (PP) Ramón García Argibay (PxA) e Genma Otero (Contigo Pódese). Aínda así Roberto Amarelle, de Ames Novo, demostrou que os tempos marcados polo pleno para as intervencións son suficientes para explicar con claridade o que se quere defender.

 “O enfado da dereita dime que o estamos a facer bastante ben”. Con esta frase pechaba a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, o debate sobre a cancelación do Plan de Axuste, que ela mesma iniciaba aludindo á liquidación de 2016, cun superávit de 3.365.952,25 € e remanente de tesourería de 5.774.350,42 €, e ao total da débeda bancaria do Concello de Ames que ascendería a finais de ano a 2.774.350,42 €. Sobre o Plan de Axuste, Genma Otero volveu mostrarse contraria ás medidas restritivas como “subidas de impostos, supresión de exencións e bonificacións, redución de custos de persoal, non cobertura de baixas, redución da partida destinada a Fondo Acción Social e outras medidas que afogan ao noso Concello”. Tamén amosou a súa satisfacción por “acadar o nivel de débeda cero no Concello de Ames con tan só dous anos e medio de goberno”. 

Na mesma liña se manifestou Ames Novo. Roberto Amerelle falou de “satisfacción” por pechar o Plan de Axuste e permitir “abrir as portas para políticas sociais e investir na veciñanza”, ao igual que o concelleiro non adscrito, Javier López, que calificou de “boa noticia salir deste Plan de Axuste, xa que vai mellorar a credibilidade financieira do Concello e reducir a débeda contraída cos bancos”. Pola súa banda, Pacto por Ames, a través do seu voceiro Ramón García Argibay, defendeu o Plan de Axuste “que quere demonizar o goberno, pero que permitiu un aforro para chegar hoxe a esta situación, que nós vamos apoiar, pese a que non é políticamente ético que se aproveiten do traballo de outros”. Na mesma liña se manifestaba o grupo municipal do PP, a través do concelleiro Francisco Javier Olmo, quen dixo que “se intentou vender este Plan de Axuste como o demonio, pero en realidade era un plan necesario para revertir a situación económica do Concello”. Os puntos, finalmente, aprobáronse por unanimidade de todos os grupos políticos.

Educación
No ámbito da educación, foron dous os puntos abordados nesta sesión plenaria do mes de vovembro. Por unha banda aprobouse de forma inicial, coa abstención dos grupos municipais de Partido Popular e Pacto por Ames, o Regulamento da rede municipal de comedores escolares, Bos Días Cole e Tardes Divertidas, que unifica o réxime xurídico
dos tres servizos, anteriormente contido en tres regulamentos distintos. Esta unificación vai acompañada dunha serie de modificacións: incorpórase unha nova modalidade de usuaria ou usuario, chamado usuaria/o por quenda, e elimínanse os modelos anteriores do Regulamento, dos impresos de solicitude de preinscrición, de bonificación de taxas, de renovación, o impreso de matrícula, o de autorización de domiciliación bancaria e o de autorizacións en xeral, a solicitude de administración de medicamentos, o impreso de exención de responsabilidades e a folla de autoliquidación de taxas, por estar en desuso, pasando a ser xestionada, esta documentación, a través da páxina web www.conciliames.org. Do mesmo xeito, tamén se modifican os anexos de información da tramitación de renovación e matrícula.

Tamén coas abstencións de PP e PxA, e o voto en contra de Ames Novo, procedeuse á aprobación provisional da modificación da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación de servizos complementarios educativos e de conciliación da vida familiar e laboral, co fin de introducir melloras técnicas. A modificación inclúe unha redacción na determinación do feito impoñible máis unha diferenciación entre a taxa pola matrícula nos servizos e as prestacións dos servizos propiamente; unha remisión, coa finalidade de simplificar o texto fiscal, á definición concreta dos servizos Bos Días Cole, Comedores Escolares e Tardes Divertidas que xa se atopa no propio Regulamento dos servizos; unha correcta definición do suxeito pasivo, que faga referencia á persoa responsable da crianza e non á propia nena ou neno; unha redacción que unifique os responsables co resto da normativa municipal en materia fiscal; así como a incorporación no artigo 5 das bonificacións fiscais, pasando as cotas tributarias ao artigo 6.

A sesión plenaria serviu tamén para dar coñecemento das renuncias anticipadas de Obdulia Vilas, Ana María Seijas, Marcos Beiras, Fernando Limeres, Manuel Pardo, Isabella Vázquez e Manuel Lens, levadas a cabo durante os meses de outubro e novembro, co fin de expedir as credenciais para as dúas novas concelleiras que se incorporarán á corporación municipal nas filas de Ames Novo, logo das renuncias de Pilar Candocia e Chus Boo.


Propostas e mocións
As tres propostas presentadas a este pleno de novembro foron aprobadas. A primeira, presentada polo concelleiro de Ames Novo Enrique Costas, referente ao rexeitamento da proposición de Lei de fomento de iniciativas empresariais, saíu adiante cos votos favorables das tres formacións do goberno e Ames Novo, o voto en contra de PP e PxA e a abstención do concelleiro Javier López.

As dúas propostas que presentou Pacto por Ames tamén foron aprobadas, neste caso por unanimidade de todas as forzas políticas. A primeira delas pretende impulsar a redacción dunha “Ordenanza municipal para a convivencia cidadá e de regulación das actuacións relacionadas coas condutas sociais”, que teña en especial consideración o consumo de alcohol e outras substancias. A proposta inclúe, asemade, unha convocatoria á Policía Local e aos Servizos Sociais co fin de que aporten as súas recomendacións ao documento, baseadas nos seus coñecementos e na súa experiencia diaria. A segunda das propostas recollía a petición para iniciar os trámites necesarios para a adhesión ao proxecto de Cidades Amigas da Infancia promovido por UNICEF Comité Español, para participar da convocatoria Cidades Amigas da Infancia 2017-2018. O obxectivo da proposta é contribuír á mellora das condicións de vida das nenas e nenos, así como das e dos adolescentes, mediante a promoción e implantación de políticas municipais que garantan o seu desenvolvemento integral.

Por último, procedeuse á votación dunha moción presentada por Ames Novo na sesión plenaria de outubro, que foi debatida pero que non dera tempo a votar. A moción, relativa á defensa dunha política Agroforestal Sostible, foi aprobada cos votos a favor do goberno e Ames Novo e os votos en contra de PP, PxA e o concelleiro Javier López.