Pestanas principais

O pleno de Ames aproba a adhesión ao Plan provincial de aforro e investimento, que achega 390.665 euros

Mércores, 18 de febreiro de 2015

[18-02-2015] A corporación municipal de Ames aprobou no pleno extraordinario celebrado onte a adhesión ao “Plan de aforro e investimento (PAI) 2015” da Deputación Provincial da Coruña. A proposta saíu adiante cos votos a favor dos concelleiros do grupo de goberno e a abstención dos concelleiros non adscritos e do grupo municipal socialista.

Grazas ao PAI, o Concello de Ames disporá de 390.665 euros. Desta cantidade, o 24,25% -preto de 95.000 euros- destinarase a reducir o endebedamento, que se corresponde coa contía mínima esixida nas bases. Co 75,75% restante, é dicir, 295.928 euros, executaranse varios proxectos municipais, entre os que destacan obras en Suevos, Reino, Salgueiro, Pegariños, Castelo, Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Paramuíño e nas rúas Entrerríos, Ameneiral e Pesqueiras de Bertamiráns.  

O devandito plan execútase mediante a concesión de préstamos sen xuros aos concellos, e ten por obxecto cooperar coas entidades locais na redución do endebedamento e minorar os custos de mantemento das infraestruturas. Neste sentido, o alcalde amesán, Santiago Amor, explicou que “o goberno municipal aposta por incluír neste plan varias obras de reparación de camiños no rural e en tres rúas do núcleo urbano de Bertamiráns, que soportan unha gran cantidade de tráfico e comezan a deteriorarse. Ademais, inclúense obras de mellora na EDAR do polígono do Milladoiro, uns traballos que están pendentes de executar dende hai tempo”. O rexedor local destaca que tres cuartas partes dos fondos destinaranse a infraestruturas “pensando no confort dos veciños”.      

Descrición dos proxectos  
O proxecto de reparación do camiño interior en Castelo conta cun orzamento de 43.737,41 euros. As obras realizaranse en cinco treitos. Primeiro haberá que reparar as fochancas e perfilar as mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Nos tres primeiros tramos preténdese repoñer o firme da calzada con quince centímetros de formigón e nos dous últimos repararase o firme cun tratamento asfáltico superficial e cun rego de selado en toda a plataforma.  

As obras en Reino acadan un presuposto de 72.487,22 euros. Este proxecto inclúe tres actuacións: a reparación interior da aldea e a mellora do camiño no lugar de Salgueiro e na vía que une Trasmonte e Suevos. Por outro lado, para acondicionar Pegariños dedicaranse un total de 81.315,99 euros. No camiño interior empregarase formigón en oito treitos e asfalto nun tramo de 420 metros de lonxitude e 4 metros de ancho. Contémplase, ademais, outra actuación para reparar o firme das rúas Pesqueiras, Entrerríos e Ameneiral, que están situadas na localidade de Bertamiráns.  

Un cuarto proxecto, dotado de 98.387,83 euros, recolle obras de mellora na Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) do polígono do Milladoiro.  

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Ayuntamiento reduce su deuda"
El Correo Gallego: "Ames investirá en infraestruturas 295.000 euros dos fondos do PAI"