[29-01-2015] O Concello de Ames celebra hoxe, ás 20:00 horas, o pleno ordinario do mes de xaneiro. Nel abordarase a aprobación inicial do regulamento do cemiterio construído polo Concello no lugar de Os Batáns, preto do núcleo de Bertamiráns. Esta norma recolle as condicións de uso e de concesión de nichos, panteóns, e columbarios do cemiterio municipal que é propiedade do Concello de Ames. Os aspectos económicos sobre o uso do cemiterio regularanse a través da correspondente ordenanza fiscal que se aprobe ao efecto. Ademais, o goberno municipal está traballando para buscar a mellor fórmula de xestión desta infraestrutura municipal. No caso de que este regulamento sexa aprobado de xeito inicial deberá estar en exposición pública durante trinta días hábiles. Se non se presentan reclamacións, a aprobación inicial será elevada a definitiva de xeito automático. No caso de que haxa reclamacións deberán ser resoltas polo pleno.
Por outra parte, na sesión plenaria tomará posesión da súa acta de concelleira Ana Ruso, quen pasará a formar parte do goberno municipal despois da renuncia de Carmen Verde, anunciada o pasado 26 de decembro. Igualmente renunciaron os seguintes membros da lista, Manuel Picallo e Consuelo Parapar, renuncia acordada co cabeza da candidatura, Santiago Amor, por motivos persoais e por residir fóra de Galicia respectivamente. Ademais incluirase na orde do día unha moción por vía de urxencia para que Begoña Gómez, do PSOE, tamén acceda a formar parte da corporación municipal, despois da dimisión da concelleira Carmen Fraga, que se deu a coñecer no pasado pleno celebrado o 27 de novembro.
Nova escola infantil de Bertamiráns
Outro dos asuntos que se tratarán na sesión plenaria será unha addenda para prorrogar o convenio de colaboración entre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o Concello de Ames para a construción dunha nova escola infantil no polígono APE B7-06, situado en Bertamiráns. Esta infraestrutura, que estará situada nunha parcela de 3.389 metros cadrados próxima ao paseo fluvial, contará con 6 unidades e 82 prazas.
Outros asuntos
Ademais, a corporación municipal deberá aprobar, se procede, o recoñecemento extraxudicial plenario 1/2015 (que xa foi levado ao Pleno en decembro de 2013), que ascende a unha contía de 17.015,60 euros polos traballos realizados pola empresa Tecnologías Plexus SL para o desenvolvemento dun sistema de xestión de solicitudes para o programa de comedores escolares.
Tamén se tratará a modificación da base de execución do orzamento número 41, como requisito previo para a posterior concesión dunha achega nominativa á Asociación de Comerciantes de Bertamiráns pola organización da X Feira do Comercio Val da Maía; ás entidades Cáritas Diocesana do Milladoiro e Cáritas Parroquial San Juan de Ortoño; e a Asociación de Comerciantes do Milladoiro, pola organización do evento comercial “Merca, Tapea e Gaña”.
Por último, abordarase unha moción presentada polos concelleiros do grupo municipal socialista e polos concelleiros non adscritos María Dolores Fernández, Alfonso Rey, María González, Manuel Ferreiro, Emilio Martínez, Ramón García Argibay, Pilar Candocia, Olaia Alvite, Susana Mayo e Anxo Doval sobre o acceso aos tratamentos de última xeración para as persoas doentes de hepatite C.




