Pestanas principais

O Pleno dálle luz verde a aprobación dun convenio de colaboración con Teo para regular a participación de cada concello nos custes de xestión da EDAR Calo-Milladoiro

Venres, 27 de xullo de 2018

[27-07-2018] Este xoves, 26 de xullo, celebrouse o pleno ordinario do mes de xullo no que a Corporación municipal deulle luz verde á participación no Plan POS + Adicional 1/2018; a aprobación definitiva do Plan especial de Reforma Interior do ámbito de solo urbanizable non consolidado APR P.B4-07 “Rego dos Pasos Norte” do PXOM; a aprobación do convenio de colaboración entre os concellos de Teo e Ames co obxecto de regular a porcentaxe de participación de cada concello nos custes de xestión da EDAR Calo-Milladoiro; a aprobación da segunda modificación do Plan estratéxico de subvencións do Concello de Ames (período 2017, 2018 e 2019), e a proposta do grupo municipal popular de Ames sobre igualdade de mulleres e homes nos nomes das rúas. Tamén se aprobou unha moción presentada por vía de urxencia sobre a resolución dun recurso de reposición presentado contra as bases para a elección de xuíz/a de paz substituto do Concello de Ames e deixouse encima da mesa outra moción presentada por vía de urxencia de Ames Novo sobre o servizo municipal de comedores escolares.

Modificación do plan estratéxico de subvencións
Tamén saíu adiante a modificación do plan estratéxico de subvencións. Neste caso por maioría absoluta co voto a favor do grupo de goberno e dos concelleiros e concelleiras dos grupos municipais de Ames Novo e Pacto por Ames, mentres que os edís do PP de Ames se abstiveron. O pasado 1 de xuño e 2018 foi aprobado definitivamente o Orzamento de 2018, o que provoca unha serie de modificacións que afectan ao Plan estratéxico de subvencións que está en vigor dende finais de maio e 2017, polo que é necesario proceder a súa modificación de forma que se adecúen ás anualidades aos créditos iniciais e se reflictan as novas liñas de subvencións. As modificacións afectan ás subvencións en materia de medio ambiente; servizos sociais e promoción social; educación; promoción cultural e normalización lingüística; deportes; e promoción económica.

A continuación, debateuse unha proposta presentada polo grupo municipal popular de Ames sobre a igualdade de mulleres e homes nos nomes das rúas, que foi aprobada por maioría absoluta co voto a favor do PP de Ames, así como dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e de Ames Novo, mentres que os edís de Pacto por Ames se abstiveron.

A través desta proposta ínstase ao Concello a que os institutos de educación secundaria de Ames se unan á iniciativa “Merezo unha rúa”, posta en marcha por un grupo de alumnos e alumnas de ESO do IES Cartima, situado en Cártama (Málaga), a cal podería concluír con propostas de mellora en favor da igualdade de xénero e a elaboración dunha pequena lista de mulleres ilustres merecedoras de poñer nome as rúas de Ames, espazos e edificios públicos. Tamén se solicita que o Concello, co obxecto de reivindicar o papel da muller na sociedade, adopte unha moratoria no nomeamento con nomes masculinos das rúas, lugares e edificios públicos, e aposte no futuro por ir nomeando con nomes de mulleres ata conseguir dita igualdade.

Mocións por vía de urxencia
Tamén se aprobou unha moción presentada por vía de urxencia sobre a resolución dun recurso de reposición presentado contra as bases para a elección de xuíz/a de paz substituto do Concello de Ames. Este asunto saíu adiante por maioría absoluta co voto a favor do grupo de goberno e dos concelleiros e concelleiras dos grupos municipais de Ames Novo e do Partido Popular de Ames, mentres que os edís de Pacto por Ames se abstiveron.

Por último, deixouse encima da mesa outra moción presentada por vía de urxencia de Ames Novo sobre o servizo municipal de comedores escolares. Neste caso o grupo de goberno propuxo deixar este asunto encima da mesa ata o próximo pleno de agosto, aténdose o artigo 46 do regulamento orgánico municipal do Concello de Ames. A primeira tenente de alcalde dixo que para debater dito asunto era necesario dispor dos informes dos departamentos de intervención e educación. Os membro de goberno votaron a favor de deixar este tema encima da mesa, mentres que os concelleiros/as de Ames Novo e Pacto por Ames votaron en contra para debater este asunto no pleno de xullo. Os edís do PP de Ames abstivéronse. Ao haber empate (7 votos a favor e 7 en contra) houbo que repetir a votación, co mesmo resultado. Ao final decidiu o voto de calidade da presidenta do pleno.

Plan especial Rego dos Pasos Norte
Outro dos puntos que se saíu adiante por unanimidade foi a aprobación definitiva do Plan especial de Reforma Interior do ámbito de solo urbanizable non consolidado APR P.B4-07 “Rego dos Pasos Norte” do PXOM de Ames. O pasado 8 de febreiro a Xunta de Goberno Local acordou a aprobación inicial de dito plan promovido pola entidade Construcciones Obras y Viales S.A., COVSA. O documento aprobado inicialmente someteuse á correspondente información pública e, ao mesmo tempo, solicitáronse ás administracións públicas competentes os informes sectoriais e consultas preceptivos. Durante o trámite de información pública non se presentaron alegacións. Agora aprobouse de xeito definitivo dito plan que recolle a urbanización de 13 vivendas unifamiliares. Trátase dun plan elaborado dende hai anos por unha entidade promotora que quebrou. A nova entidade promotora, COVSA, presentou unha modificación das vivendas que se pretenden construír.

Participación no Plan POS + Adicional 1/2018
O Pleno tamén aprobou por unanimidade a participación do Concello de Ames no POS + Adicional 1/2018. Ao Concello de Ames correspóndelle á contía de 339.927,55 euros. Na Xunta de Goberno Local do pasado 7 de xuño, acordouse a participación neste plan adicional coa obra “Camiño de Quistiláns a cemiterio e viarios do núcleo de Quistiáns (Bugallido)”, por importe de 136.820,22 euros, e que estaba incluída no plan complementario 2018. Restando a contía deste proxecto da contía total asignada, resulta que quedan 203.107,33 euros, para outros proxectos novos. Dada a contía restante propúxose a inclusión do proxecto de “Saneamento en Susavila de Carballo”, por importe de 92.889,93.euros, e mailo proxecto de “Reposición de beirarrúas na rúa Alcalde Lorenzo e repavimentación da glorieta do Pedregal”, proxecto de nova redacción por importe de 110.217,40 euros.

O pleno de xullo comezou coa novidade de que a primeira tenente de alcalde, Genma Otero, presidiu dita sesión plenaria, debido a unha indisposición do alcalde, José Miñones. En primeiro lugar, gardouse un minuto de silencia en repulsa do caso de violencia machista ocorrido na cidade da Coruña durante este mes de xullo. De seguido, Genma Otero deu conta da información periódica a render ao Pleno correspondente ao segundo trimestre do exercicio 2018. Neste apartado destacou que o período medio de pago a provedores está en 8,32 días, moi por debaixo dos 30 días que establece a lei.

A continuación, a Corporación municipal aprobou por unanimidade o convenio de colaboración entre os concellos de Teo e Ames co obxecto de regular a porcentaxe de participación de cada concello nos custes de xestión da EDAR Calo-Milladoiro. En xullo de 1998 realizouse o proxecto básico da obra de saneamento en Calo e Milladoiro por parte da Xunta de Galicia. Para o cálculo do dimensionamento da EDAR no anteproxecto estimouse a poboación futura (na área de influencia da EDAR) dos dous concellos no ano 2023. Tendo en conta a realidade actual de ambos concellos, considérase neste momento máis conveniente utilizar outro criterio para o reparto dos custes, concretamente o número de vivendas conectadas á EDAR Calo-Milladoiro. Para este fin, cada concello confeccionará anualmente unha listaxe de vivendas conectadas ó servizo de saneamento que verten á EDAR Calo-Milladoiro, con indicación do enderezo de cada vivenda conectada e titular do servizo.

Asemade, co obxecto de dispor dun estudo de custos, por acordo entre as alcaldías dos dous concellos, a principios de 2014 solicitouse a Augas de Galicia que realizase un estudo técnico de custes da EDAR Calo-Milladoiro. Este estudo, realizado por IDOM, Consultora de Aguas de Galicia, establece un custo de xestión total de 149.869,85 euros/ ano. Neste montante incluíase o custo variable da electricidade, nese ano estimada en 41.437,36 euros, polo que o custe de xestión, excluída electricidade, é de 108.432,49 euros/ano. Estas cifras son sen IVE.

En base ao convenio, que vén de aprobarse en pleno, corresponderalle ao Concello de Teo a administración, control da xestión e mantemento da instalación da EDAR Calo-Milladoiro. Para os custos anteriores ao 2019 aplicarase o criterio do número de habitantes debendo o Concello de Ames aboar ao Concello de Teo un total de 295.815,43 euros correspondente ás anualidades que van de 2013 a 2017. A anualidade de 2018 aínda está pendente de liquidación. As anualidades de 2013 e 2014 terán que aboalas antes do 31 de decembro de 2018; ás de 2015, 2016 e 2017, antes do 31 de decembro de 2019; e a de 2018, antes do 31 de decembro de 2020.


Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Ames pagará a plazos a Teo por el uso de la depuradora de Calo"
La Voz de Galicia: "Ames pagará a plazos a Teo por el uso de la depuradora de Calo"
Compostela 24 horas: "Ames aproba en pleno un convenio de colaboración con Teo na xestión da EDAR Calo-Milladoiro"
El Correo Gallego: "Ames aproba un convenio con Teo para a xestión dos custes da EDAR Calo-Milladoiro"