Pestanas principais

O pleno dálle luz verde á aprobación definitiva da modificación do plan parcial do S-05 para ampliar o CEIP Agro do Muíño

Venres, 23 de marzo de 2018

[23-03-2018] Este xoves, 22 de marzo, realizouse un pleno extraordinario no que se aprobou de xeito definitivo a modificación do plan parcial do sector de solo urbanizable S-15 (As Cortes-A Condomiña), que permitirá ampliar dito colexio e dispor de 6 novas aulas, para grupos de educación primaria, coas que este colexio pasará a ter unha liña máis. Estas aulas executaranse nunha parcela que existe ao carón do actual centro. Ademais, aprobouse desestimar o recurso de reposición presentado por un traballador municipal contra o acordo plenario de 29 de decembro de 2016, resolvendo expresamente o mesmo nos termos indicados na sentenza ditada no pasado mes de novembro polo xulgado do contencioso administrativo número 2 de Santiago de Compostela, no sentido de concluír que as funcións realizadas por dito traballador, de preparador deportivo, non son as mesmas que as de animador deportivo.

A corporación municipal deulle luz verde á aprobación definitiva da modificación do plan parcial do sector de solo urbanizable S-15 (As Cortes-A Condomiña) co obxectivo de cederlle dito terreo á Consellería de Educación da Xunta de Galicia. Deste xeito, poderíase ampliar o CEIP Agro do Muíño. Este punto saíu adiante con 14 votos a favor, dos membros do goberno municipal, do grupo Ames Novo e do concelleiro non adscrito, Javier López. As 6 concelleiros e concelleiras do grupo municipal popular e de Pacto por Ames abstivéronse.

Cómpre lembrar que a aprobación inicial de dita modificación foi aprobada en Xunta de Goberno Local o pasado 19 de outubro de 2017. O documento aprobado inicialmente someteuse a información pública, con notificación individual aos titulares catastrais dos terreos afectados. Ao mesmo tempo solicitáronse das administracións públicas competentes os informes sectoriais e consultas perceptivos. Durante o trámite de información pública presentáronse tres alegacións, que foron desestimadas no informe emitido en febreiro de 2018 pola arquitecta municipal.

Este centro de ensino estase ampliando en dúas fases. Na primeira fase, construíronse 3 novas aulas que contaron cun orzamento de 342.997,28 euros. En concreto os traballos consistiron na habilitación de 3 aulas para 25 alumnos de infantil, aseo incorporado á aula, espazos comúns, rampla de acceso, instalación e aseos. O novo volume construído conta cunha superficie útil total de 243,75 metros cadrados, reproducindo as pautas arquitectónicas do edificio preexistente. Ademais pavimentouse a zona entre o edificio existente e a ampliación, para patio dos alumnos e renovouse o caucho e o equipamento da zona de xogos de infantil. O obxectivo desta actuación foi atender o importante aumento de alumnado a escolarizar na etapa de infantil no concello de Ames.

Segunda fase de ampliación
Ademais, nunha segunda fase vanse a executar 6 novas aulas, para grupos de educación primaria, coas que este colexio pasará a ter unha liña más. Estas aulas executaranse nunha parcela que existe ao carón do actual centro. Para iso o Concello de Ames tivo que realizar unha modificación do plan parcial do S-05. Agora, unha vez o Pleno aprobou dita modificación, o Concello de Ames terá que asinar un convenio coa Consellería de Educación. A partir de aí será a Xunta de Galicia a que teña que redactar o proxecto e licitar as obras de ampliación.

A través desta modificación o que se fai é unir á parcela onde está situado o colexio unha superficie de espazos verdes. A superficie de espazos verdes ascende a 4.345 m2 que unidos ós 10.300 m2 actuais do colexio dan unha superficie total de 14.645 m2, co que se garante suficientemente a ampliación da parcela para acometer a ampliación das aulas de educación primaria e a parte proporcional de zonas comúns, quedando aínda un espazo reservado para futuras ampliacións. Dita superficie pública, que pasa a unirse á parcela do colexio, substitúese por unhas parcelas que son propiedade do Concello e que serán destinadas a zonas verdes públicas.

Resolución dun recurso de reposición
Por outra banda, aprobouse desestimar o recurso de reposición presentado por un traballador municipal contra o acordo plenario de 29 de decembro de 2016, resolvendo expresamente o mesmo nos termos indicados na sentenza ditada no pasado mes de novembro polo xulgado do contencioso administrativo número 2 de Santiago de Compostela, no sentido de concluír que as funcións realizadas por dito traballador, de preparador deportivo, non son as mesmas que as de animador deportivo. Polo tanto, a valoración e a retribución polo concepto de complemento especifico é distinto.

Dito traballador presentou en febreiro de 2017 un recurso de reposición contra a aprobación definitiva da segunda modificación puntual da RPT do Concello de Ames. No Pleno de abril de 2017 desestimouse o recurso de reposición. Posteriormente, o traballador presentou un recurso contencioso administrativo contra dito acordo plenario que foi estimado parcialmente.

O voceiro de Ames Novo, Enrique Costas, solicitou que este punto quedase encima da mesa para solicitar un novo informe xurídico co obxectivo de estudar a posibilidade de votar de xeito separado os tres puntos que se ían desestimar. A secretaria municipal dixo que aínda que este punto quedase encima da mesa e se tratase no seguinte pleno, o informe ía a manifestarse no mesmo senso que era o de votar os tres puntos de xeito conxunto.

Deste xeito, primeiro votouse se o asunto quedaba encima da mesa. Os membros do grupo de goberno e mailo concelleiro non adscrito, Javier López, votaron en contra, mentres que os concelleiros e concelleiras de Ames Novo, do Partido Popular e de Pacto por Ames votaron a favor. Ao producirse un empate a 10 votos, volveuse a facer unha segunda votación, na que saíu o mesmo resultado, e decidiu o voto de calidade do alcalde. Deste xeito, o asunto tratouse e non quedou encima da mesa, tal e como se solicitara. Unha vez debatido este punto, a votación foi no mesmo sentido, ao haber empate a 10 votos, volveu a decidir o voto de calidade do alcalde.


Contido relacionado


Lindeiros: "Ames aprobou a modificación do plan parcial que permitirá a amplicación do CEIP Agro do Muíño"
Compostela 24 horas: "El pleno le da luz verde a la aprobación definitiva de la modificación del plan parcial del S-05 para ampliar el CEIP Agro do Muíño"
La Voz de Galicia: "Ames cierra el proceso urbanístico para ampliar el colegio Agro do Muíño"
El Correo Gallego: "Luz verde á ampliación do CEIP Agro do Muíño"