- Tematica
Este xoves, 30 de marzo, celebrouse o pleno ordinario correspondente ao mes de marzo. En dita sesión plenaria a Corporación municipal aprobou a rectificación do inventario municipal 2023; a modificación puntual do PXOM para a reordenación do espazo urbano da avenida da Peregrina e Travesía do Lodeiro; unha transferencia de crédito para realizar melloras térmicas e acústicas no pavillón do Milladoiro; a modificación da base número 50 do orzamento municipal (subvencións nominativas); e a declaración de especial interese das obras de ampliación do CEIP Agro do Muíño para a bonificación na cota do ICIO. Tamén se aprobou o estudo de viabilidade para a creación dunha instalación deportiva no Milladoiro; o nomeamento de Rosalía como filla adoptiva de Ames; e unha proposta en apoio á restauración do texto fidedigno do himno galego para a súa difusión. Premendo nesta ligazón podes ver a gravación do pleno de marzo.
O pleno comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 455 decretos, do 466 ao 920. Tamén se deu conta do Plan Orzamentario do Concello de Ames do período 2024-2026.
No apartado de deliberación e acordo aprobouse por unanimidade a acta do pleno ordinario do pasado mes de febreiro. A continuación debateuse a aprobación da rectificación do inventario municipal do ano 2023 para engadir dúas incorporacións á relación de bens do Concello. Deste xeito, a rectificación comprende a inclusión do local comercial do paseo fluvial da rúa Agrelo, de 367,93 metros cadrados (adquirido polo Concello en virtude de acordo na Xunta de Goberno Local o 23 de decembro de 2022) e da parcela R1 de uso residencial en Punxeiras Altas, de 617,82 metros cadrados (resultante do proxecto de equidistribución de Punxeiras altas). Este punto foi aprobado por unanimidade.
Ademais, aprobouse por unanimidade a modificación puntual número 1 do PXOM de Ames para a reordenación do espazo urbano de Bertamiráns no cruce da avenida da Peregrina coa Travesía de Lodeiro. O ámbito de actuación está constituído por dúas parcelas de dominio público e unha zona destinada a viario que suman un total de 4.410 metros cadrados.
Transferencia de crédito para realizar obras no pavillón do Milladoiro
Tamén se aprobou por unanimidade un expediente de transferencia de crédito entre distintas áreas de gasto do orzamento municipal do exercicio 2023, por valor de 27.971,26 euros, co obxectivo de acometer a obra de melloras térmicas e acústicas no pavillón do Milladoiro.
O proxecto de melloras foi ratificado polo Pleno da Corporación con data 27 de outubro de 2022. A actuación indicada, encadrada dentro do POS+2021, contaba cunha achega municipal de 27.971,26 euros do orzamento do ano 2022. Tendo en conta que a liquidación de dito orzamento aínda non foi aprobada, e, polo tanto, non se poden incorporar os remanentes de crédito para facer fronte á achega indicada, proponse realizar unha transferencia de crédito entre distintas áreas do orzamento do 2023. Deste xeito, poderase iniciar a licitación para que a execución das melloras se leve a cabo durante os meses de verán, momento no que a instalación pode pecharse, ao desenvolverse menos actividades deportivas.
Modificación da base número 50 do orzamento municipal
Por outra banda, o Pleno aprobou por unanimidade a modificación da base número 50 do orzamento municipal. En dita base, baixo a rúbrica “subvencións nominativas para o exercicio 2023”, recóllense as subvencións que o Concello pretende conceder, conforme ao establecido no artigo 22.2 a) da Lei Xeral de Subvencións.
Así, o servizo de Promoción Económica propón incluír no orzamento 2023 unha subvención nominativa de 6.000 euros para a Unión de Consumidores de Galicia, pola súa labor de información e asesoramento en materia de consumo para a cidadanía de Ames e para a programación de actividades de natureza formativa e divulgativa. A asociación dispón de dúas oficinas no concello, no Milladoiro e en Bertamiráns, e vén prestando servizo á cidadanía dende o ano 2016.
O obxectivo da subvención, que é de carácter nominativo, ao ser esta a única asociación que desenvolve dito servizo de maneira gratuíta no concello, radica no interese público en que a Unión de Consumidores de Galicia continúe desenvolvendo a súa actividade e amplíe as súas prestacións, especialmente no ámbito das novas tecnoloxías.
Obras de ampliación do CEIP Agro do Muíño
Aprobouse por unanimidade a declaración de especial interese ou utilidade municipal da ampliación do CEIP Agro do Muíño, cuxa licenza de obra foi concedida na sesión da Xunta do Goberno Local celebrada o pasado 16 de febreiro. A Ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO) establece unha porcentaxe de bonificación do 95% da cota de dito imposto para obras realizadas nos niveis de educación obrigatoria dos centros de ensinanza, previa declaración de especial interese ou utilidade municipal das melloras.
Co fin de obter dita bonificación solicítase á Corporación municipal a aprobación, se procede, da condición de obras de especial interese para as melloras a realizar no CEIP de Agro do Muíño, ao tratarse dunha actuación que promoverá o fomento da educación, a integración social, a formación e desenvolvemento dos habitantes do municipio e a concreción do dereito fundamental á educación.
Complexo deportivo do Milladoiro
Durante a sesión plenaria deuse a coñecer o estudo de viabilidade elaborado pola consultora Dosvalor no expediente de concesión da obra pública para a construción dunha instalación deportiva no Milladoiro (que comprenda a posterior xestión da mesma, así como da xa existente en Bertamiráns, coñecida como centro deportivo municipal A Telleira). Este punto foi aprobado por unanimidade.
A concelleira non adscrita, Luísa Feijóo, destacou “é unha moi boa noticia para o concello de Ames pero, sobre todo para o Milladoiro, que se inicien os traballos para a construcción dun complexo deportivo do Milladoiro. A pena é que esto é só o primeiro paso e que aínda quedan moitos por dar”.
O concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, recoñecía que a construcción dunha piscina cuberta no Milladoiro “é unha demanda histórica por iso nós imos apoiala e esperamos que estea lista canto antes”.
Pola súa banda o concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, apuntaba “o que queda para que este proxecto se materialice é un camiño longo pero alguén ten que empezar. Eu estou totalmente a favor e pediría que non se perda o pulo e se acelere todo o posible pois son consciente de que queda un camiño longo e complexo”.
A continuación o concelleiro do Partido Popular, Pablo Beiroa, insistiu “este é o primeiro paso dun longo percorrido. Nós imos apoiar este proxecto para que non quede neste primeiro paso e ímolo continuar facendo para que máis pronto que tarde sexa unha realidade”.
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, quixo “agradecer a todos os grupos o apoio a este proxecto tan demandado no Milladoiro e do que se van poder beneficiar todos os veciños e veciñas de Ames”. Señorís engadiu “tras esta aprobación o estudo de viabilidade someterase durante un mes a exposición pública. Despois volverá ao Pleno para a súa aprobación definitiva polo que agardo contar de novo co voso apoio”.
Nomeamento de Rosalía como filla adoptiva de Ames
O Pleno tamén aprobou por unanimidade o nomeamento de Rosalía de Castro como filla adoptiva de Ames, a título póstumo, mediante declaración institucional (que, por esixencia do regulamento municipal de títulos, precisa de unanimidade). Dita proposta fundaméntase na relación do Concello de Ames e as Terras da Maía coa vida e obra da escritora, e nos méritos de pública notoriedade que concorren na súa figura. Así, resáltase a súa vinculación a lugares como as parroquias de Ortoño, Ames e Trasmonte, e a gran influencia que exerceron na poesía da autora.
Restauración do texto fidedigno do himno galego para a súa difusión
Por último, abordouse unha proposta conxunta dos grupos municipais PSdG, BNG e Ames Novo, a que tamén se sumou Contigo Podemos, en apoio á proposición da Lei de Iniciativa Lexislativa Popular para a restauración do texto fidedigno do himno galego para a súa difusión. Dita proposta busca dotar de oficialidade ao texto orixinal e autorizado do autor do himno galego, Eduardo Pombal (publicado por Manuel Ferreiro, catedrático da Universidade da Coruña), así como divulgalo e popularizalo entre a sociedade co fin de que se coñeza, cante e interprete correctamente (especialmente entre as novas xeracións).
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames xestionará o futuro complexo deportivo co de Bertamiráns e Rosalía será Filla Adoptiva"
AMS GO!: "O pleno municipal aproba o estudo de viabilidade do complexo deportivo do Milladoiro"