Pestanas principais

O pleno aprobou por unanimidade o cambio de uso e a desafectación dunha parcela para a construción dunha nova escola infantil en Bertamiráns

Venres, 30 de setembro de 2011

[30-09-2011] O actual grupo de goberno amiense buscou unha nova localización para construír a segunda escola infantil no núcleo de Bertamiráns e levou ao pleno ordinario do mes de setembro o cambio de uso da devandita parcela municipal que está situada no polígono AP-B7 06 “Rego dos Pasos sur IV” próxima ao paseo fluvial de Bertamiráns, e o inicio de expediente de desafectación da parcela. Os dous puntos foron aprobados por unanimidade dos tres grupos políticos con representación no pleno, PP, PSOE e BNG. A corporación municipal aprobara xa no pleno do pasado mes de xullo a modificación do estudo de detalle da área de planeamento específica Rego dos Pasos Sur IV do Plan Xeral de Ordenación Municipal, agora a gardería de Bertamiráns está máis preto de ser unha realidade pois en tres meses fixéronse os trámites previos á cesión á Xunta de Galicia para a construción deste equipamento tan necesario para Ames.


No pleno celebrado onte cambiouse o uso sociocultural que tiña a parcela a uso educativo. A desafectación e o cambio de uso constitúen os pasos previos para a cesión á Xunta. Agora soamente queda o trámite dun mes de exposición pública para volver outra vez a pleno e cumplir todos os trámites necesarios antes de poder iniciar a construción da parcela que ten 3.389 metros cadrados e o actual goberno considerou "a máis axeitada dentro das opcións existentes".

Os grupos da oposición reclamaron que o espazo sobrante desta parcela se adique á execución doutros equipamentos municipais; ante esta petición o grupo de goberno amosou a súa vontade para aproveitar o máximo posible o uso da parcela. Con todo, o voceiro do Partido Popular, Ramón García Argibay, recordoulle ao anterior alcalde, Carlos Fernández que non foi quen en oito anos de poñer a disposición da Xunta de Galicia unha parcela para poder iniciar a execución deste proxecto e que a parcela que finalmente propoñían os socialistas tivo unha notificación de cualificación negativa por parte do rexistro de propiedade de Negreira, que impediu a súa inscrición no rexistro.

No pleno tamén se aprobou por unanimidade a modificación da base de execución do orzamento municipal, a adhesión ao Convenio de colaboración entre a Federación Española de Municipios e Provincias e o Consello Xeral do Notario; e o convenio de colaboración entre o Colexio de Xestores Administrativos de Galicia e o Concello de Ames para autoliquidacións do imposto sobre vehículos de tracción mecánica.

Renuncia da concelleira socialista Lidia Rey

A concelleira do grupo municipal socialista, Lidia Rey, presentou a súa renuncia como concelleira da corporación municipal. Os voceiros dos tres grupos municipais agradecéronlle a súa labor como concelleira e desexáronlle sorte nos proxectos que emprenda a partir de agora. Lidia Rey agradeceu o trato recibido e desexoulle o mellor aos tres grupos municipais durante esta lexislatura.

O BNG presentou tres mocións. A primeira moción dos nacionalistas foi sobre a derrogación da orde pola que se aproban os prezos medios no mercado de determinados inmóbeis rústicos e urbanos situados na comunidade autónoma de Galicia para os exercicios 2010 e 2011 foi rexeitada cos votos en contra dos once concelleiros/as do grupo municipal popular, mestres que os concelleiros dos grupos nacionalista e socialista votaron a favor sumando nove votos.

A segunda moción que se tratou referiuse á restitución por parte da Xunta de Galicia de axudas aos concellos en materia de normalización lingüística, esta moción tamén foi rexeitada cos votos en contra dos once concelleiros/as do grupo municipal popular, mestres que os concelleiros dos grupos nacionalista e socialista votaron a favor sumando nove votos.

Finalmente tratouse unha moción sobre as devolucións correspondentes ás liquidacións negativas da participación nos ingresos do Estado. O BNG presentou unha emenda a esta moción cun texto acordado entre os tres grupos municipais. A moción foi aprobada por unanimidade da corporación municipal. Neste punto o alcalde de Ames, Santiago Amor, destacou que os tres grupos están de acordo en que se fixe un prazo de 10 anos para devolver 1.300.000 correspondentes ás liquidacións negativas das contas xerais de 2009 e 2010; o rexedor amiense aproveitou tamén para dicir que o día 29 de setembro entrou no rexistro xeral do concello un escrito do Ministerio de Economía e Facenda no que se denegaba a ampliación do prazo para presentar a conta Xeral de 2010.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El pleno aprueba la cesión del suelo para la guardería de Bertamiráns"
El Correo Gallego: "Ames aproba por unanimidade o cambio de uso dunha parcela para a construción dunha nova escola infantil"