[27-01-2012] Na sesión plenaria celebrada onte aprobouse por unanimidade dos tres grupos políticos con representación na corporación municipal, PP, PSOE e BNG, a constitución formal do patrimonio municipal do solo do Concello de Ames. Trátase dunha cuestión que estaba pendente dende o ano 2002 e que supoñía un incumprimento legal por parte do Concello. A constitución formal do patrimonio do solo de Ames é imprescindible para coñecer o valor real dos bens patrimoniais do Concello que ata o de agora non estaban correctamente catalogados. Sen a constitución do patrimonio do solo non se poden realizar operacións de venda e permuta por parte do Concello. Tamén por unanimidade foi aprobada a cesión definitiva dunha parcela para construír unha nova escola infantil en Bertamiráns.
O pleno do xoves 26 de xaneiro aprobou a constitución formal do patrimonio municipal do solo. Con esta constitución o concello estará en condicións de xestionar os bens municipais. O Concelleiro de urbanismo, Ramón G. Argibay explicou que en relación á clasificación dos bens segundo a súa natureza son dúas as posibles categorías: pode tratarse de bens inmobles, ou de cartos obtidos pola enaxenación do aproveitamento correspondente ao municipio no desenvolvemento dun polígono ou sector ou pola venda dun ben inmoble pertencente ao patrimonio municipal do solo, documentados por tesourería no relativo ao importe ingresado. García Argibay resaltou a importancia de cumprir con este requisito xa que "unha das preocupacións deste goberno é facer as cousas dentro da lei".
Cesión á Xunta dunha parcela para construír unha nova escola de educacións infantil en Bertamiráns
O pleno tamén aprobou por unanimidade o último trámite de cesión á Xunta dunha parcela para a construción dunha escola de educación infantil en Bertamiráns. A parcela figura inscrita como ben patrimonial no Rexistro da Propiedade de Negreira. O pleno do 12 de decembro do Concello de Ames adoptou acordo de inicio de expediente de cesión gratuíta da parcela que foi sometido á exposición pública sen que durante o prazo se presentase ningunha alegación.
A parcela ten 3.389 metros cadrados dos que se empregarán para as instalación educativas uns 2.000. O BNG e o PSOE manifestaron o seu voto afirmativo a cesión definitiva aínda que recordaron que consideraban máis oportuno que o Concello non lle cedera os 1.400 metros sobrantes á Xunta. Ante iso, Ramón García Argibay, concelleiro de urbanismo, explicou que o terreo que non se vai empregar volverá a ser de titularidade municipal e poderase empregar para a dotación de novos equipamentos.
Moción do BNG
O Grupo municipal do BNG presentou unha moción contra a suba do imposto de bens inmobles (IBI) decidida polo goberno do Estado. Esta moción obtivo o voto afirmativo do PSOE e o BNG pero foi rexeitada cos votos do grupo popular.
O nacionalista Anxo Doval acusou ao goberno central de que a suba do Importo de Bens Inmobles era unha intromisión na autonomía local e que expresou que os nacionalistas desexan que "se repense esta suba que atenta ás economías locais".
A socialista Patricia Conde explicou que estaba de acordo con esta moción e que o seu grupo ve inxusta esta suba que "non ten en conta as particularidades de cada concello".
O alcalde, Santiago Amor, explicou que o concello de Ames acordou conxelar no pasado pleno de outubro a suba do IBI, e dixo que entende que a medida do goberno central é temporal e tivo que ser tomada con carácter de urxencia pola difícil situación de crise económica que afecta a España.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Cedida definitivamente la parcela para levantar la nueva guardía de Ames"