Pestanas principais

O Pleno aprobou o regulamento de uso e funcionamento da Factoría e un recoñecemento extraxudicial de crédito por valor de 134.060 euros

Venres, 31 de maio de 2024

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu este pasado xoves, 30 de maio, o pleno ordinario deste mes de maio. Esta sesión plenaria estivo marcada pola toma de posesión de Carlos García Vieito, como concelleiro do grupo municipal do BNG, e pola moción de reprobación da concelleira de Educación, Carmen Porto, que foi o punto que máis debate xerou e que finalmente foi rexeitada. Ademais, aprobouse o regulamento de uso e funcionamento da Factoría; a revisión de prezos do contrato de xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira (exercicios 2019 e 2020) e o recoñecemento extraxudicial de crédito 1/2024, por valor de 134.060 euros. Por último, aprobouse a declaración institucional de apoio ás persoas enfermas de ELA e a moción do grupo municipal socialista de solidariedade co pobo palestino. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.

O pleno ordinario de maio comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 424 decretos, do 1228 ao 1651. De seguido, a concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, deu conta da información periódica a render ao pleno correspondente ao primeiro trimestre do exercicio 2024. Durante este período destacou que o período medio de pago a provedores foi de 26,69 días.

Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordou foi a toma de posesión de Carlos García Vieito, como novo concelleiro do grupo municipal do BNG, trala renuncia de David Santomil. A continuación, aprobouse a acta correspondente á sesión ordinaria celebrada o pasado 25 de abril.

Proxectos de obras incluídas no POS+ 2024
Na sesión plenaria, a Corporación municipal aprobou por unanimidade a ratificación de dous decretos da Alcaldía para a subsanación de deficiencias de proxectos de obras incluídas no POS+ 2024 (obras de mellora da seguridade viaria nas Buceleiras e obras de reforzo de infraestruturas do plan especial para dotación escolar no Milladoiro). A través de ditos decretos resólvese aprobar os proxectos modificados coas correccións técnicas indicadas polos técnicos da Deputación da Coruña que non teñen transcendencia algunha no deseño das obras nin nas funcionalidades da mesma nin no seu orzamentos de execución.

Aprobación de proxectos do Plan Agader 2024-2025
Tamén se aprobaron por unanimidade dous proxectos incluídos no Plan Agader 2024-2025 (mellora do viario de Tras do Cabalo e outros e mellora do viario en Prumariño e outro). O proxecto de mellora do viario de Tras do Cabalo e outros dispón dun orzamento de 26.560,76 euros, dos cales 4.609,72 euros son a parte correspondente ao IVE que debe asumir o Concello. Este proxecto contempla melloras no viario de Tras do Cabalo; mellora do viario en Agueiros; e mellora do viario en A Ponte Nova.

O segundo proxecto denomínase “Mellora do viario en Prumariño e outro”, que conta cun presuposto total de execución por contrata de 33.178,15 euros, dos cales 5.758,19 euros son a parte correspondente ao IVE que debe asumir o Concello. Este proxecto contempla melloras no viario de Prumariño e a mellora do viario en Os Casais.

Aprobación inicial do regulamento da Factoría
Outro dos temas aprobados por unanimidade foi a aprobación inicial do regulamento municipal de uso e funcionamento do local A Factoría, adicado a ensaio e reunión e que vén funcionando dende o ano 2020, pero que ata o de agora carecía dun instrumento regulamentario para o seu funcionamento. Ao ser aprobado de xeito inicial estará en exposición pública durante 30 días hábiles, a efecto de exame e reclamacións mediante publicación no taboleiro de edictos do Concello, BOP e Portal de Transparencia. De non presentarse reclamacións, a aprobación inicial quedará elevada a definitiva de forma automática.

Xunta de Voceiros e Comisión Especial de Queixas
Tamén foron aprobadas por unanimidade as indemnizacións por asistencias á Xunta de Voceiros e Comisión Especial de Queixas, suxestións e reclamacións. Deste xeito, aboaranse 100 euros por cada sesión de Xunta de Voceiros (por concelleiro/a con dereito a voto) e 75 euros por cada sesión da Comisión Especial de Queixas, Suxestións e Reclamacións (por concelleiro/a con dereito a voto). De ter lugar varios sesións do mesmo órgano no mesmo día soamente se percibirá unha única asistencia.

Centro deportivo municipal A Telleira
Ademais, aprobouse por unanimidade a revisión de prezos do contrato de xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira, para os exercicios 2019 e 2020, do que resulta unha indemnización de 28.167,26 euros.

Tamén se aprobou o recoñecemento extraxudicial de crédito 1/2024, por importe de 134.060,45 euros, que son gastos de facturas que corresponden á realización de gastos necesarios para o normal funcionamento de distintos servizos municipais. Ese puno saíu adiante co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, Partido Popular e Espazo Común. Os/as concelleiros/as do BNG, abstivéronse.

Moción de reprobación á concelleira de Educación, Carmen Porto
O punto que máis debate xerou no pleno ordinario de maio foi a moción política presentada polos grupos municipais do BNG e Espazo Común para a reprobación da concelleira de Educación, Carmen Porto. A voceira do BNG, Escarlata Pampín, comezou explicando a motivación de dita moción: “aos poucos meses do comezo deste mandato o goberno minoritario e en solitario do PSOE, decidiu, en aras á transparencia e á participación, convocar unha comisión de traballo para levar a cabo, de xeito consensuado, unha modificación do regulamento de comedores. Despois de seis xuntanzas entre novembro de 2023 e xaneiro de 2024, das que como resultado xa había un borrador bastante avanzado, a concelleira de Educación comunica a cancelación desta comisión de traballo e que se trasladaría un borrador no seu momento ao cal os membros da comisión poderían facer as achegas pertinentes”.

“Dende ese momento, tal e como nos trasladan as ANPAS, teñen lugar unha serie de desencontros e de defectos formais na convocatoria de posibles xuntanzas entre as ANPAS e a concelleira que culmina coa publicación do decreto 933/2024 con data de 26 de marzo de 2024, anunciando as prazas ofertadas nos servizos complementarios de Educación para o curso 2024/2025 sen telas informado previamente o que constata unha grave falta de comunicación e de transparencia por parte do goberno”.

“Feitos que nos levan a solicitar por parte das ANPAS e de todos os grupos da oposición, un Consello Escolar Municipal Extraordinario. Consello que se celebrou o 16 de abril de 2024 e no que lonxe de servir para reconducir a situación prodúcense unha serie de ataques cara membros dalgunhas ANPAS (incluso persoais) e mesmo desencontros coa dirección dalgúns dos centros do noso concello. E no que se trasladaron, fóra da orde do día, decisións tomadas de xeito unilateral por parte do goberno e descoñecidas por parte dos membros da comunidade educativa alí presentes, deixando claro o afán de imposición deste goberno sen ter en conta o resto das sensibilidades”.

“Ante esta situación e tendo en conta que a maioría das ANPAS dos centros educativos do noso concello, e despois do acontecido na sesión extraordinaria do Consello Escolar Municipal, os grupos municipais do Bloque Nacionalista Galego e Espazo Común solicitamos a reprobación de dona Carmen Porto Rey como concelleira delegada de Educación, pola súa falta de actitude e aptitude para o cargo, así como que se poñan todos os medios posibles por parte do goberno para a recondución desta situación polo ben de todos e de todas”.

Trala exposición de motivos da moción, comezou a quenda de intervencións. A primeira en falar foi a voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, que dixo “esta moción preséntase porque así o pediron a maioría das ANPAS do concello. Presentar unha moción deste tipo non é agradable para nós, nin para os solicitantes, e supoño que moito menos para a persoa que a recibe. Parécenos bastante grave e triste chegar a esta situación, xa que nós cremos no dialogo, por iso solicitamos unha convocatoria extraordinaria do Consello Escolar Municipal. Isto lonxe de servir para achegar posturas, o que se conseguiu foi afastar esas posturas moito máis. Ante o maltrato institucional recibido polas ANPAS e por algunhas direccións de centros escolares, só nos quedaban dúas opcións, poñernos de perfil ou dar cara e realizar a nosa labor de fiscalización e apoiar á comunidade educativa nas súas reivindicacións, dando un toque de atención ao goberno para que se replantee as súas actitudes e se reconduza a situación do mellor xeito posible. A nós preocúpanos moito esta situación porque afecta a un dos departamento máis importantes do noso concello. Tan só dende o dialogo e o consenso se acadan bos obxectivos”.     

A voceira do Partido Popular, Oliva Agra, explicou “nós como xa lle trasladamos ás ANPAS e aos demais grupos municipais, parécenos un pouco desmesurada, porque tal como se recolle en dita moción, despois de seis xuntanzas de traballo avanzouse na modificación do regulamento de comedores. Nós consideremos que isto é traballo dos técnicos do Concello e tamén sabemos a carga de traballo que ten o departamento de Educación. Tamén é certo que tres meses despois non temos novas dese borrador coas achegas recollidas nas xuntanzas, para poder continuar coa súa tramitación e aprobalo. Nós sabíamos que no próximo curso non se ía poder aplicar, porque para iso tería que estar aprobado en marzo de 2024. Ao mesmo tempo teño que dicir que estou totalmente de acordo co malestar das ANPAS e de todos os membros do Consello Escolar porque as formas de comunicación por parte do goberno, neste caso da concelleira de Educación e do alcalde, non foron as máis correctas, ou polo menos, para min as máis axeitadas. Sobre o que di a moción de que a relación entre as ANPAS e a concelleira é inexistente, eu considero que non é totalmente certo. Non é a relación que debería de ser, pero inexistente tampouco”.

A concelleira de Educación, Carmen Porto, comezou a súa intervención dicindo “fai aproximadamente un ano que asumín as competencias de Educación no Concello de Ames. Era plenamente consciente da dificultade e do reto que supoñía. Tamén sabía que este momento chegaría porque así o viviu tamén o meu antecesor David Santomil, ex-concelleiro de Educación do Bloque Nacionalista galego. É curioso que hoxe o seu partido xunto co de Luísa Feijóo, Espazo Común, sexan os que me traen aquí para esta moción de reprobación. Agradezo enormemente esta moción porque me están dando a oportunidade de explicar de forma detallada o que fixen neste escaso ano de mandato cunha dedicación parcial. Lonxe de amedrentarme ou desestabilizarme, que é o fin que perseguen, anímanme a continuar con máis forza que nunca”.

A continuación a concelleira fixo un relatorio das xuntanzas mantidas con distintas ANPAS do concello “a primeira sen ir máis lonxe en campaña electoral, hai un ano, cando algúns membros delas se queixaban da falta de comunicación do anterior concelleiro e demandaban un cambio de goberno”. Carmen Porto dixo que dende xuño de 2023 ata maio deste ano mantivo 18 reunións con representantes de ANPAS, escolas infantís, xuntanzas do Consello Escolar e reunións para elaborar o borrador do novo regulamento do servizo de comedores escolares. “Ademais destas xuntanzas estou en sete consellos escolares, nas dúas Galiñas Azuis, nas dúas escolas infantís municipais, nas dúas escolas unitarias e na escola infantil do Milladoiro, polo que me atopo en permanente contacto co profesorado e coas familias destes centros. Coas coordinadoras dos comedores escolares levamos dúas xuntanzas e prevese outra a final de curso. Co persoal municipal do servizo de comedores tiven tres xuntanzas e temos prevista facer outra antes do remate do curso. Coas direccións dos centros diariamente me comunico con eles, para tratar diferentes asuntos dos centros escolares”.

Por outra banda, a concelleira de Educación fixo balance das obras de mantemento nos centros escolares. “Do plan Ames Progresa executáronse en tempo e forma a totalidade das obras. No CEIP de Barouta fixéronse máis de 60 actuacións por un valor aproximado de 30.000 euros, no CEP de Ventín fixéronse arredor de 30 actuacións, no CEIP da Maía realizáronse 27 actuacións, ademais do peche da pista polideportiva; no CEIP do Agro do Muíño executáronse 59 actuacións; na EEI Milladoiro houbo 21 reparacións, entre as cales se atopa o arranxo da cuberta da propia escola e do falso teito que estaba danado. Nas escolas das Galiñas Azuis atopámonos ao dia con todas as obras, realizando nestes últimos meses un total de 72 actuacións. Nas escolas infantís municipais realizáronse 71 actuacións e nas escolas unitarias fixéronse 21 actuacións. Finalmente estiven en contacto coas ANPAS, a antiga e maila nova, do IES Milladoiro, así como coas direccións co obxectivo de reconducir o problema de convivencia existente no centro. No apartado de melloras tamén dispoñemos dun novo forno para a cociña da EEI Milladoiro por valor de 30.383 euros. Actualmente estamos traballando na licitación dun túnel de lavado por valor de 80.000 euros e obras da cociña central”.

Carmen Porto rematou a primeira intervención dicindo “por primeira vez a área de educación ten as portas abertas e traballa de xeito conxunto con outras concellarías. Loxicamente esta reprobación non é por xestión, xa que por xestión é evidente que non teñen motivo algún. O grave desta moción é que busca castigar a quen se nega a tolerar faltas de respecto ou descualificacións constantes. Teño aquí a acta do famoso Consello Municipal Escolar. Rétoos a atopar a algún ataque persoal a calquera membro, pois en ningún momento me dirixo ou menciono a ninguén”.

Na segunda intervención, a voceira do BNG, Escarlata Pampín, dixo “non lle vou dar as grazas por reunirse con todas as persoas que dixo que se reuniu porque é o seu traballo como concelleira de Educación, nin tampouco lle vou dar os parabéns polas xestións que fai, porque son as normais dunha concelleira de Educación. Eu con esta moción non me vou centrar na súa xestión, senón na súa actitude, no seu talante e falta de diálogo. Nós pese a quen lle pese sempre imos estar ao lado dos veciños e veciñas e das asociacións. Seremos os altofalantes da veciñanza ante este goberno. Cremos que esta é a nosa misión como grupo da oposición. Nunca apoiaremos unha forma de facer política na que se falte ao respecto e se actúe de xeito prepotente e con falta de humildade”.

Na súa segunda intervención, a voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, destacou “cremos na labor fiscalizadora da oposición e sobre todo estamos e estaremos sempre ao servizo das asociacións e do que consideremos xusto. Esta moción non é un ataque persoal contra a concelleira. Non estamos ante unha crítica pola súa xestión ou capacidade de xestión, senón que é unha crítica ante a súa actitude. Posiblemente esta moción fose desmesurada, porque igual nos equivocamos no plantexamento da mesma, e ao que había pedir esa reprobación era á persoa que decidiu que fose vostede concelleira de Educación”.

A voceira do Partido Popular, Oliva Agra, dixo na súa segunda intervención “eu aquí o único que vexo é un enfrontamento entre tres partidos políticos. En relación co segundo punto de acordos da moción, no que se di que se poñan todos os medios posibles por parte do goberno para a recondución desta situación polo ben de todos e de todas, estamos totalmente de acordo. Temos un servizos de conciliación envexables e debemos de remar xuntos para seguir mellorándoos e que sigan sendo o referente que son. Polo tanto, dende o grupo municipal popular pedimos tanto ao goberno como á comunidade educativa que empreguen o sentido e que poñamos todos da nosa parte para que esta situación non se volva a repetir, e a partir de agora a relación sexa fluída e sobre todo correcta para o bo funcionamento de todos os servizos de conciliación dos que tanto presumimos en Ames”.

A concelleira de Educación, Carmen  Porto, respondeu “eu pola miña parte podo asegurarlles que vou seguir traballando pola veciñanza de Ames durante os tres anos que restan de mandato, con máis intensidade se cabe, con erros e acertos, pero sempre con respecto e humildade. As portas desta Concellaría estiveron, están e estarán abertas para calquera que o precise”.

Pechou a quenda de intervencións o alcalde, Blas García, que dixo “porque non presentaron unha reprobación contra a miña persoa e así evitábamos isto. Eu o que quero dicir é que imos seguir traballando durante os tres vindeiros anos, do mesmo xeito que estivemos traballando ata o de agora, e en maio de 2027 haberá eleccións e os cidadáns serán os que decidan o que queren. Eu só pido que nos deixen traballar e que nos dean a oportunidade de poder tomar decisións. Para rematar dicir que en 2017 houbo unha reprobación inxusta ao anterior concelleiro de Educación. Este pleno ten moitas similitudes co de 2017, coa diferencia que neste caso non levamos nin un ano de goberno      e naquel momento levábamos algo máis de ano e medio, pero as similitudes son as mesmas: políticas”.

Finalmente a reprobación da concelleira de Educación, Carmen  Porto, quedou rexeitada co voto en contra dos/as concelleiros/as do goberno municipal. Votaron a favor os/as concelleiros/as do BNG e Espazo Común, mentres que os/as concelleiros/as do Partido Popular abstivéronse.

Declaración institucional e moción de solidariedade co pobo palestino
Na sesión plenaria de maio tamén se abordou a declaración institucional de apoio ás persoas enfermas de ELA, que foi aprobada por unanimidade; e a moción do grupo municipal socialista de solidariedade co pobo palestino. Esta moción foi aprobada co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, Bloque Nacionalista Galego e Espazo Común. Os/as concelleiros/as do Parido Popular, abstivéronse.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Entente socialista en A Maía: el Partido Popular de Ames evita la reprobación y el brionés respalda los presupuestos"

Lindeiros: "Novo concelleiro, plan Agader, e non á reprobación da concelleira de educación no pleno de Ames"

La Voz de Galicia: "El gobierno de Ames evita con la abstención del PP que la edila de Educación sea reprobada"

Imaxe do pleno ordinario de maio de 2024

Multimedia

  • Imaxe do pleno ordinario de maio de 2024
  • Imaxe do pleno ordinario de maio de 2024
  • Imaxe do pleno ordinario de maio de 2024
  • Imaxe do pleno ordinario de maio de 2024
  • Imaxe do pleno ordinario de maio de 2024
  • Imaxe do pleno ordinario de maio de 2024
  • Imaxe do pleno ordinario de maio de 2024
  • Imaxe do pleno ordinario de maio de 2024