Pestanas principais

O Pleno aprobou o cambio da forma de xestión do Ciclo Integral da Auga optando pola creación dunha empresa pública

Venres, 28 de abril de 2023

Este xoves, 27 de abril, celebrouse o pleno ordinario correspondente ao mes de abril. En dita sesión plenaria a Corporación municipal aprobou o cambio da forma de xestión do servizo público do Ciclo Integral da Auga cos votos a favor dos grupos de Goberno (PSOE, BNG e Contigo Podemos) e da concelleira non adscrita e a abstención do PP e Ciudadanos. O resto dos puntos, a aprobación definitiva do texto refundido do regulamento da rede municipal de comedores escolares, Bos Días Cole e Tardes Divertidas, a rectificación do nome da obra de implantación de cociña central en Bertamiráns, a emenda de deficiencias na redacción do proxecto das obras de pavimentación no núcleo de Framil e a proposta na que se lle instaba á Consellería de Infraestruturas melloras na estrada AC-544 ao seu paso por Reino e Piñor; foron aprobados pola unanimidade da Corporación Municipal. 

O pleno comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Foron un total de 267 decretos, do 921 ao 1187.

No apartado de deliberación aprobouse en primeiro lugar, pola unanimidade da Corporación Municipal, a acta do pleno ordinario do pasado mes de marzo. A continuación aprobouse, tamén, co apoio unánime da Corporación Municipal a ratificación do decreto 1027/2023 de 12 de abril de 2023, de rectificación do nome da obra incluída no POS + 2023 que pasa a denominarse adecuación de nave existente para implantación de cociña central en Bertamiráns.

O Pleno ordinario do mes de febreiro adoptou, entre outros, o acordo de aprobación da participación no Plan POS + 2023. Plan Único, incluíndo no acordo a obra denominada adecuación de nave existente para a implantación de cociña central. O pasado 4 de abril recibiuse un requirimento da Deputación da Coruña para incluír na denominación do proxecto un nome propio xa que, de acordo co establecido na Base 2.2 da convocatoria do Plan Único de Concellos 2023 da Deputación Provincial, non se admiten as denominacións xenéricas. Mediante decreto da Alcaldía resólvese que o proxecto debe denominarse adecuación de nave existente para a implantación de cociña central en Bertamiráns (Ames), unha denominación que foi onte ratificada polo pleno do Concello de Ames.

Emenda de deficiencias no proxecto das obras de Framil
Tamén aprobou por unanimidade a ratificación do decreto que recolle a emenda das deficiencias na redacción do proxecto das obras de pavimentación viarios no núcleo de Framil.

En sesión extraordinaria do 13.02.2023, o pleno do Concello acorda participar no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal “POS+2023” da Deputación Provincial da Coruña, coa obra Pavimentación de viarios no núcleo de Framil. Formalizada a petición recíbese informe sobre a necesidade de corrixir deficiencias de tipo técnico.

As deficiencias das que adoece o proxecto son unha cuestión menor de índole formal, que non teñen transcendencia algunha no deseño da obra, nin nas funcionalidades da mesma, nin no seu importe de execución, polo que, se presentou ante o Pleno un novo proxecto completo das obras de pavimentación viarios no núcleo de Framil no que se corrixiron ditas deficiencias e que foi aprobado.

Regulamento da rede municipal de comedores escolares, Bos Días Cole e Tardes Divertidas
Por outra banda, o Pleno aprobou por unanimidade o texto refundido do Regulamento da rede municipal de comedores escolares, Bos Días Cole e Tardes Divertidas do Concello de Ames e que recolle todas as modificacións que sufriu este Regulamento dende a súa publicación no ano 2018.

O Pleno do Concello de Ames na sesión do mes de outubro aprobou inicialmente a modificación do regulamento de funcionamento da rede municipal de Comedores Escolares, Bos Días Cole e Tardes Divertidas do Concello de Ames, co fin de eliminar toda referencia relativa á presentación de orixinais, cotexo de documentos e copias cotexadas, favorecendo deste xeito a presentación electrónica das solicitudes. Co fin de corrixir a situación o concelleiro delegado de Educación, David Santomil Mosquera, presentou unha proposta para a elaboración dun texto refundido do Regulamento da rede municipal de Comedores Escolares, Bos Días Cole e Tardes Divertidas do Concello de Ames que englobara todas as modificacións aproveitando, ademais, para enviar o texto ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello co fin de mellorar a calidade lingüística e comunicativa do mesmo.

Logo da aprobación inicial por parte do Pleno o texto será sometido a información pública por un prazo de 30 días hábiles. De non presentarse reclamacións, a aprobación inicial quedará elevada a definitiva de forma automática.

Cambio da forma de xestión do servizo público do Ciclo Integral da Auga
Ademais, debateuse sobre o cambio da forma de xestión do servizo público do Ciclo Integral da Auga. Na sesión ordinaria do mes de xuño o Pleno do Concello de Ames acordou iniciar expediente para a determinación do modelo de xestión do servizo público do Ciclo integral da Auga (CIA) do Concello de Ames.

Para tal fin creouse unha Comisión de Estudo que acordou na súa primeira sesión contratar o asesoramento necesario para determinar cal é a forma máis sostible e eficiente de prestación do servizo CIA. Tras ese estudo concluíuse que a forma de xestión máis sostible e eficiente é a xestión directa a través dunha sociedade mercantil local ou dunha entidade pública empresarial local.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero Uhía, aproveitou a súa intervención para explicar como foi o proceso de municipalización que se iniciou en 2015 e manifestou “hoxe é un día de ledicia para o concello e para o Goberno. É unha mágoa que Quique Costas non estea aquí pois el sempre amosou o seu apoio á municipalización do servizo”. E engadiu “Optamos pola xestión a través de EPEL por ser esta a forma proposta no seu día polo técnico municipal vinculado ao CIA e por considerar que é a forma de xestión máis conveniente ao interese público municipal. A auga é un dereito esencial e básico que ten que estar en mans públicas. É, ademais, un recurso escaso que nesta situación de emerxencia climática comprobamos non pode estar en mans privadas”.

A concelleira non adscrita, Luísa Feijóo, manifestou “este é un paso moi importante para municipalizar o Ciclo Integral da Auga, esperemos que non tarde outros oito anos en comezar a funcionar”.

O concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, defendeu “nós imos a seguir mantendo a postura da abstención pois neste tema atopamos exemplos de localidades nas que a municipalización funciona ben e outras nas que supuxo un incremento do servizo”.

Na mesma liña se manifestou o concelleiro do Partido Popular, Pablo Beiroa, “nós non imos valorar se esta forma de dar o servizo está ben ou mal pois hai exemplos de todo tipo, será o tempo o que diga se foi a mellor forma de dar o servizo ou non”.

Antes de proceder á votación o alcalde de Ames, Blas García, quixo destacar “foi un traballo longo, complicado e no que atopamos pedras no camiño pero todos os que estamos hoxe aquí estamos facendo historia”. E engadiu “dentro duns anos cando os veciños e as veciñas consuman auga municipal estarán contentos de que déramos este paso que supón un aforro económico, a creación de postos de traballo e a posibilidade de estender e mellorar a rede, sobre todo, no rural”.

O cambio da forma de xestión do servizo público do Ciclo Integral da Auga foi aprobada cos votos a favor dos grupos de Goberno (PSOE, BNG e Contigo Podemos) e da concelleira non adscrita. Ciudadanos e o Partido Popular abstivéronse.

Proposta melloras na AC-544
Por último o Pleno aprobou por unanimidade a proposta presentada polos grupos municipais PSdeG-PSOE, PP, BNG, Contigo Podemos, Ames Novo e a concelleira non adscrita, ao abeiro do disposto nos artigos 91.4 e 97 do Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, demandando á Consellería de Infraestruturas melloras na estrada AC-544 ao seu paso polos núcleos de Reino e Piñor. As obras realizadas nesta estrada que une Bertamiráns e Negreira supuxeron unha mellora para a seguridade viaria, pero quedaron varios puntos que resultan perigosos para a veciñanza da contorna desta estrada, especialmente nos núcleos de Reino e de Piñor.

Con esta proposta instan á Consellería de Infraestruturas a colocar un paso peonil elevado na AC-544 no lugar de Piñor, na parroquia de Agrón. No lugar de Reino, na parroquia de Trasmonte, solicitan a construción dunhas cunetas transitables e dun paso de peóns. Así como estudar a viabilidade para a colocación dun paso peonil elevado.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: «A casa móvese pola velocidade á que baixan os camións»

Revista AmesGO: "Ames opta por crear unha empresa pública para a xestión do ciclo integral da auga"

El Correo Gallego: "Multas de hasta 100.000 € y reposición de desaguisados en el ciclo del agua de Ames"

Votación do cambio da forma de xestión do Ciclo Integral da Auga optando pola creación dunha empresa pública

Multimedia

  • O Pleno aprobou o cambio da forma de xestión do Ciclo Integral da Auga optando pola creación dunha empresa pública
  • O Pleno aprobou o cambio da forma de xestión do Ciclo Integral da Auga optando pola creación dunha empresa pública
  • O Pleno aprobou o cambio da forma de xestión do Ciclo Integral da Auga optando pola creación dunha empresa pública
  • O Pleno aprobou o cambio da forma de xestión do Ciclo Integral da Auga optando pola creación dunha empresa pública