- Tematica
A Corporación municipal aprobou por maioría simple un suplemento de crédito, por valor de 550.220,30 euros, financiado cunha operación de crédito, para o financiamento do contrato para o remate das obras de construción do centro multifuncional do Milladoiro, que está dirixido á mocidade e a persoas en risco de exclusión social. Ademais, aprobouse tamén por maioría simple unha transferencia de crédito por valor de 150.247,16 euros, para sufragar gastos de distintos servizos municipais antes de que remate o exercicio 2025. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.
O pleno ordinario de agosto celebrado este xoves, 11 de setembro, comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 351 decretos, do 2330 ao 2680. Na parte resolutiva, os dous primeiros temas que se abordaron foron a aprobación por unanimidade do punto da acta correspondente ás preguntas da sesión ordinaria do 26 de xuño de 2025 e da acta da sesión ordinaria do 31 de xullo de 2025.
De seguido abordouse a aprobación dun suplemento de crédito financiado cunha operación de crédito, para o financiamento do contrato para o remate das obras de construción do centro multifuncional do Milladoiro, dirixido á mocidade e a persoas en risco de exclusión social. O importe necesario para rematar ditas obras ascende a 1.097.687,03 euros. A dito importe hai que sumarlle 109.768 euros, correspondentes ao incremento do 10% da liquidación do contrato e dirección de obra, o que suma un importe total de 1.207.455,70,73 euros. Para obter dito importe, o Concello dispón de 657.235,43 euros do remanente incorporado do exercicio 2024 e vai solicitar unha operación de préstamo por valor de 550.220,30 euros. Este punto foi aprobado por maioría simple cos votos a favor dos oito membros do Goberno municipal e a abstención dos 13 concelleiros e concelleiras do Partido Popular, BNG e Espazo Común.
O encargado de expoñer este punto foi o concelleiro de Urbanismo e Administración xeral, Víctor Fernández, que explicou que dita actuación “está incluída dentro do programa operativo Plurirexional 2014-2020 de España, financiado nun 80% con fondos EDUSI e nun 20% polo propio concello, e non puido ser rematada polo incumprimento do contrato por parte da empresa adxudicataria. Nas instrucións de peche para o eixo 12 do Programa operativo Plurirexional 2014-2020 no que se encadra a citada actuación establécese que antes do 15 de febreiro de 2027, o Concello de Ames deberá ter rematadas as obras de construción do centro multifuncional e que este deberá estar en funcionamento, coa realización de actividades no seu interior, para non perder o importe xa recibido, que ascende a 505.347,18 euros”.
Víctor Fernández engadiu “a finais de 2024 o Concello encargou a redacción dun novo proxecto para completar a construción do centro multifuncional e procedeu a aprobar un novo proceso de licitación do contrato das obras en base ao novo proxecto mediante a tramitación anticipada do expediente. Neste momento, o proceso de licitación atópase en fase de adxudicación, pero é necesario dotar de crédito mediante un suplemento de crédito financiado cun préstamo, para poder adxudicar o contrato e poder finalizar as obras”.
Debate sobre o centro multifucional do Milladoiro
A voceira do grupo municipal de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo que “este novo suplemento de crédito é outro parche económico, pero esta vez van un pouco máis alá e inclúen unha operación de endebedamento. Cando se goberna a golpe de improvisación e de gasto, sempre nos queda tirar dun crédito de 500.000 euros para rematar unha infraestrutura que, sendo honesta, aínda non sabemos para que se vai a empregar. Vostedes pídennos, unha vez máis, que sexamos cómplices da súa falta de xestión. Todo isto con informes de intervención sobre o incumprimento da regra de gasto, do incremento da inestabilidade financeira e que haberá que incluílo nun plan de axuste. Dende Espazo Común non nos opoñemos a esta obra, somos os primeiros interesados en que se remate, o que si nos opoñemos é á súa forma de proceder. Tiveron dous anos para arranxar este tema e moitas solucións, como traer uns novos orzamentos ou utilizar o remanente da caixa de tesourería, pero preferiron gastar noutras cousas que pouco ou nada nos benefician, e traer agora un crédito, e agora aínda por riba a culpa é da oposición se non llo aproban”.
Por parte do BNG, a súa voceira, Escarlata Pampín, comezou facendo unha cronoloxía dos feitos acontecidos co proxecto do centro multifuncional e aludiu a que “no informe de intervención indícase que este préstamo por un importe superior ao medio millón de euros porá en risco o incumprimento da estabilidade orzamentaria do Concello, os prazos establecidos representan tamén un gran risco, e no caso de non poder finalizar a edificación nin executar actuacións dentro das súas instalacións antes do 15 de febreiro de 2027 o Concello deberá reintegrar o importe concedido de fondos europeos. Deste xeito, corremos o risco de ter que devolver medio millón de euros á Unión Europea, á vez que temos que pagar outro medio millón de euros, mailos xuros correspondentes do préstamo solicitado, todo isto a maiores dos custos que se foron acumulando dende o nacemento deste proxecto. Tamén hai que contemplar as posibles consecuencias económicas no caso de que o proceso xudicial, que agora mesmo está aberto, non sexa favorable para o Concello. Dende o BNG temos claro que é necesario acabar este centro multifuncional o antes posible, pero non concordamos en absoluto co xeito que escolle o Goberno municipal para facelo. A nosa folla de ruta sería outra totalmente diferente, pero unha vez máis o Goberno do partido socialista en minoría non quixo sentarse a estudar coa oposición, ou polo menos co BNG, cal podería ser a fórmula máis axeitada, tendo en conta as condicións económicas nas que se atopa o Concello”.
O concelleiro do grupo municipal popular, Pablo Beiroa, explicou que “no orzamento municipal non hai crédito suficiente para poder rematar a obra, por iso hai que aumentar os ingresos coa incorporación de remanentes, que xa se fixo coa aprobación da liquidación orzamentaria no pasado mes de maio, e cunha operación de endebedamento bancario por un importe de 550.000 euros. Preocúpanos que o pouco que está executado, no que se investiron 505.000 euros de fondos europeos, no caso de que en febreiro de 2027 non estean rematadas as obras, haberá que reembolsar esa contía procedente da Unión Europea. Os prazos son moi xustos porque durante dous anos este Goberno non fixo absolutamente nada para buscar o financiamento necesario para rematar a obra. Esta operación ten un grave risco de saír mal e que quede un esqueleto no medio do Milladoiro cunha importante débeda e unha factura pendente coa Unión Europea. O Goberno preferiu licitar a obra sen ter os fondos necesarios e despois buscar os cartos e iso é co que está en contra o Partido Popular”.
O concelleiro de Urbanismo e Administración xeral e voceiro do grupo de Goberno, Víctor Fernández, respondeu á oposición que “era previsible a argumentación feita por parte da oposición para opoñerse a este proxecto. Amosaron durante todo este tempo a preocupación por unha infraestrutura que se entende que é estratéxica, pero traemos aquí hoxe a solución para dispoñer dos fondos económicos para poder executar o remate das obras, e a oposición agora o que fai é opoñerse, porque o que realmente queren é que non se faga o centro multifuncional para poder achacarlle ao Goberno que non se dispón desta infraestrutura. Non hai outro argumento, porque se queren, hoxe resólvese esta cuestión. Despois non digan que é culpa do Goberno porque hoxe temos a solución enriba da mesa”.
O alcalde de Ames, Blas García, dixo “non me gusta que se lle dea a volta aos feitos. Aquí hai concelleiras que participaron en todas as decisións que se tomaron co proxecto do centro multifuncional. Agora parece que naquela etapa na que eran concelleiras do Goberno municipal non participaron. A min o que me parece é que nesta Corporación hai concelleiros e concelleiras que o que queren é que non se faga este centro multifuncional, porque lle vai mellor politicamente vender iso. Non só con este tema, senón que con outros moitos. Pensan que canto peor lle vai ao Concello, mellor lle vai a elas. Este centro multifuncional vaise a rematar da única maneira posible agora mesmo que é a través dun crédito. A obra licitouse a principio deste ano para non perder os 600.000 euros que tíñamos do remanente. Se non se licitase o proxecto daquela non se podía trasladar esa contía do remanente para este proxecto. E agora pedimos 500.000 euros a maiores porque ademais de rematar o centro multifuncional o que se vai a facer é urbanizar todo o entorno que está o seu arredor. Este centro multifuncional vai estar dedicado a algo moi concreto como é axudar e formar a aquelas persoas con dificultades para acceder ao mercado laboral e dispor de emprego”.
Transferencia de crédito
Por outra banda, abordouse a aprobación dunha transferencia de crédito por valor de 150.247,16 euros para sufragar gastos de distintos servizos municipais. Este punto foi aprobado por maioría simple cos votos a favor dos oito membros do Goberno municipal e a abstención dos 13 concelleiros e concelleiras do Partido Popular, BNG e Espazo Común.
Este punto foi exposto pola concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, que explicou que “os gastos que hai que afrontar antes de que remate este ano 2025 son unha dotación adicional para actividades culturais. Durante o presente exercicio, o Concello asumiu a organización das festas patronais nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro, o que supuxo un incremento significativo no gasto destinado a este tipo de eventos. Esta circunstancia fai necesario dotar de crédito adicional na área de cultura co fin de garantir a viabilidade do conxunto das actividades culturais previstas no orzamento anual, o obxectivo é evitar que o financiamento destas festas comprometa o desenvolvemento doutros programas culturais municipais, asegurando así unha oferta cultural equilibrada e accesible ao conxunto da cidadanía”.
Susana Señorís tamén indicou que “o incremento do número de monitores necesarios para atender os usuarios con necesidades educativas especiais nos comedores escolares fai necesario incrementar o crédito destinado a este servizo co obxectivo de garantir unha atención adecuada ás súas necesidades. Tamén se contempla a reparación das deficiencias do equipo de son e megafonía do pavillón polideportivo municipal de Bertamiráns e da reparación das deficiencias do campo de fútbol do Milladoiro derivadas do uso continuado e polo desgaste das súas instalacións. Ditos gastos financiaríanse con crédito do aforro polo mantemento da EDAR de Calo–Milladoiro e polo aforro derivado da amortización anticipada da débeda”.
Neste punto a oposición achacoulle ao Goberno municipal falta de planificación na xestión económica e criticou a ampliación da dotación económica adicional para actividades culturais.
A voceira do grupo municipal de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo “como o Concello asumiu as festas patronais do Milladoiro e de Bertamiráns, gastou máis do previsto, e agora vese comprometida a programación cultural do resto do ano. Temos que pedir un préstamo de máis dun millón de euros para rematar o centro multifucional do Milladoiro, pero para orquestras e verbenas que non falte. Presumimos de responsabilidade e despois derrochamos case 80.000 euros a maiores do presupostado en festas. Isto non é gobernar, é derrochar e improvisar”.
A concelleira do BNG, Rosalía Seijas, explicou “seguimos sen contar cun orzamento propio e isto ten consecuencias. Cando non hai orzamento aprobado, non hai planificación económica clara. No seu lugar, temos continuas transferencias de crédito, auténticos remendos improvisados que amosan a incapacidade do Goberno de presentar e negociar unhas contas municipais serias. É certo que nesta transferencia atopamos cuestións necesarias ás que hai que dar cobertura, pero a partida destinada ás festas no orzamento prorrogado de 2024 xa era de 152.000 euros e decidiron gastar 78.650 euros a maiores. Fai falta endebedar ao Concello porque carece de recursos propios para rematar o centro multifuncional, pero parece que para gastar case 79.000 euros nas festas si que temos recursos”.
O concelleiro do Partido Popular, Jose Ramón Oulego, dixo “nesta transferencia de crédito hai actuacións moi demandadas como as reparacións no campo de fútbol do Milladoiro ou o arranxo do sistema de megafonía do pavillón de Bertamiráns e maila obriga que temos de aumentar os monitores dos comedores escolares, pero a maior parte desta transferencia vai a suplementar unha partida de 152.000 euros de cultura, polo que estamos a falar dunha partida total de 230.000 euros como consecuencia de ter pagado as festas. Neste contexto económico cabe preguntarse se aumentar o gasto das festas realmente é unha prioridade e se se pode considerar unha boa xestión económica. Nós consideremos que non é unha prioridade nin un unha boa xestión económica”.
A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, defendeu que “todos formaron parte de Corporacións anteriores e tamén había transferencias e suplementos de crédito”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El gobierno local de Ames aprueba el crédito para el centro multifuncional entre las críticas de la oposición"
El Correo Gallego: "Preocupación en Ames pior el plazo y crédito solicitado para acabar el multifuncional de Milladoiro"
Lindeiros: "Ames precisa un millón de euros para rematar o centro multifuncional do Milladoiro"










