- Tematica
No pleno ordinario de outubro a Corporación municipal aprobou o suplemento de crédito 3/2025, por valor de 3.163.636 euros, financiado con remanente de tesourería para gastos xerais; a ordenanza fiscal reguladora da taxa polo servizo de recollida, transporte e tratamento de residuos; o POS+ Adicional 4/2025; a autorización do incremento da cantidade global destinada á asignación de gratificacións, horas extras e horas complementarias no orzamento para o exercicio 2025; a revisión dos prezos do contrato de concesión da xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira para o exercicio 2026; e a aprobación inicial da modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola utilización do centro deportivo municipal A Telleira. Ademais, aprobouse por unanimidade unha declaración institucional sobre o 25N e dúas mocións políticas do grupo municipal popular para a mellora da seguridade viaria na DP-0206 e sobre os vertidos no río Sar provocados polas obras de construción da nova depuradora de aguas residuais de A Silvouta. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.
O pleno comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 445 decretos, do 2900 ao 3344. Neste apartado o alcalde tamén deu conta das actas de Xunta de Goberno Local correspondentes ás sesións dos días 25 de setembro e 2, 9, 16 e 23 de outubro.
A continuación, o concelleiro de Obras e Servizos, Gustavo Nieto, dou conta do decreto de aprobación da auditoría das redes de saneamento para a detección de infiltracións de concas que verten ás EDAR de Ponte Nova e Ameixenda e ás áreas asociadas ás fosas de Fernande, a Rúa e Sura. Gustavo Nieto explicou “trátase dunha auditoría que vai dentro do PERTE cunha factura de 17.847,50 euros”.
A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, dou conta das liñas fundamentais dos orzamento de 2026. “O Ministerio de Facenda como todos os anos solicita a través da plataforma a información sobre as liñas fundamentais do orzamento para o 2026. As liñas do orzamento de 2026 enmárcanse na aprobación dun plan económico – financeiro, que ten como obxectivo garantir a continuidade no tempo dos distintos servizos que o Concello de Ames vén prestando de forma continuada: servizos de conciliación, culturais, educativos e deportivos, sen comprometer a prestación dos servizos básicos e de carácter obrigatorio. O orzamento de 2026 seguirá as liñas dos orzamentos anteriores, pero antes da súa elaboración manteremos xuntanzas cos outros grupos da Corporación municipal para que acheguen as súas propostas”.
Suplemento de crédito 3/2025
Na parte resolutiva, o primeiro tema que se aprobou por unanimidade foi a acta da sesión ordinaria do mes de setembro celebrada o 25 de setembro de 2025. A continuación tratouse o suplemento de crédito 3/2025, por valor de 3.163.636 euros, financiado con remanente de tesourería para gastos xerais. Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo e goberno e coa abstención dos resto de concelleiros e concelleiras do Partido Popular, BNG e Espazo Común.
A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, dixo que “dispoñemos dun remanente de tesourería para gastos xerais de 4.215.238,48 euros. O Concello de Ames non dispón de superávit, pero si cun remanente de tesourería para gastos xerais, que pode empregarse segundo o disposto no texto refundido das leis reguladoras das facendas locais, sempre que o Concello non incorra en déficit orzamentario ao peche do exercicio a 31 de decembro de 2025”.
A continuación explicou que as partidas que se inclúen neste suplemento son un incremento do 25% no complemento específico do persoal municipal para o presente exercicio derivada da décimo segunda modificación da RPT. Para aboar dito incremento do 25% no complemento específico do persoal preténdense dedicar 231.017,32 euros. Esta contía é inferior ao inicialmente previsto xa que se compensa parcialmente cos aforros derivados das baixas por incapacidade e das vacantes existentes.
Ademais, para rematar o exercicio é necesario dotar crédito en distintas áreas do orzamento de gasto para o normal funcionamento dos servizos municipais. O importe do suplemento neste capítulo ascende a 2.708.658,78 euros e responde fundamentalmente a gastos do servizo de recollida e tratamento de lixo (1.791.581,82 euros); gastos dos servizos educativos e complementarios de educación (437.258,88 euros); gasto corrente (479.818,08 euros); e gastos en investimentos (223.960,75 euros).
Sobre este asunto a voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo que “o 20 de maio deste ano aprobamos a liquidación orzamentaria correspondente ao ano 2024 e que arroxaba unha cifra positiva de 6,5 millóns de euros de remanente de tesourería, hoxe despois de cinco meses, esa cifra queda nun millón de euros. En escasos cinco meses gastáronse 5,5 millóns de euros de remanente. Non temos nada en contra de gastar o remanente de tesourería, pero se fosen vostedes bos xestores e bos servidores públicos, este remanente deberíano usalo para proxectos de inversión de interese veciñal e non para gastos xerais. Do suplemento que se solicita agora tan só o 7% está dedicado a gastos de inversión. Unha vez máis isto é consecuencia da súa falta de planificación e xestión”.
Por parte do BNG, interviu a concelleira Rosalía Seijas, que destacou “foron incapaces de ter uns orzamentos para este ano 2025, que responderan ás necesidades do Concello de Ames. A xestión deste goberno lévanos a ter que facer un plan económico – financeiro para 2025 e 2026, que estando preto de comezar novembro aínda non vimos. A evolución de remanente de tesourería non é boa, tiñamos 6 millóns e agora imos ter 1 millón de remanente. Segundo a liquidación de 2024 o aforro acumulado descendeu e o nivel de débeda vai en aumento, estas non son magnitudes que amosen un avance na xestión do Concello. O BNG cree que os provedores e os traballadores do Concello non teñen porque pagar a súa mala xestión, e por iso coa nosa abstención imos favorecer que este punto se aprobe, pero isto non é avaliar a súa capacidade de xestión económica, isto é ser responsable cos provedores e traballadores e traballadoras municipais”.
O concelleiro do Partido Popular, Pablo Beiroa, dixo “este é o terceiro suplemento de crédito con cargo ao remanente de tesourería. Despois do incremento de crédito en diversas partidas recollidas neste suplemento de crédito quédanos de remanente 1.051.000 euros. A principios de ano tíñamos un remanente de 6.500.000 euros, despois de todas as modificacións e suplementos de crédito aprobados quédanos 1 millón de euros. A nós no Partido Popular gustaríanos que viñese a pleno un novo suplemento de crédito para paliar a falta de apoio ao comercio local despois de quedar fóra da campaña MercaNaVila promovida pola Deputación da Coruña. Cremos que os suplementos de crédito son positivos sempre e cando se adiquen a prestar servizos aos cidadáns”.
Pechou a quenda de intervencións o alcalde, Blas García, que destacou “a realidade é que ano tras ano cando se aproba a liquidación hai un remanente positivo, este ano de 6 millóns de euros, co cal cando se fan suplementos de crédito é porque hai cartos para poder facelos. Vostedes que formaron parte do goberno saben que se fixeron modificación e suplementos de crédito e non pasou nada e aprobáronse”. Ademais, engadiu que “proximamente vaise traer ao pleno unha modificación ou suplemento de crédito para sacar unha nova campaña dos Bonos Consuma, que se realiza todos os anos por esta datas. Vaise habilitar unha partida de crédito para, con fondos propios e un suplemento de crédito, poñer en marcha unha nova edición dos Bonos Consuma”.
Taxa polo servizo de recollida, transporte e tratamento de residuos
Outro dos asuntos a tratar foi a aprobación inicial da ordenanza fiscal reguladora da taxa polo servizo de recollida, transporte e tratamento de residuos. Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo e goberno e coa abstención dos concelleiros e concelleiras do Partido Popular. Os/as edís do BNG e Espazo Común votaron en contra.
O encargado de expoñer este punto foi o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, que explicou “traemos a pleno a revisión da taxa de recollida, transporte e tratamento do lixo para adaptala á normativa vixente, que está regulada por unha directiva europea e unha lei estatal, que establece que os servizos públicos non poden ser deficitarios. Os ingresos por taxas teñen que tender a cubrir o custo do servizo. A día de hoxe os números están claros. Ames recada por esta taxa 1.300.000 euros e o custo do servizo é de 3.426.654,27 euros, polo tanto o déficit é de 2.126.654,27 euros. Este déficit é o que temos que corrixir, tal e como están a facer outros Concellos”.
Gustavo Nieto engadiu “esta revisión irá acompañada de bonificacións, queremos que a nosa veciñanza saiba o que paga, porque o paga e como pode rebaixar a súa factura do lixo. Por iso este goberno municipal asume a responsabilidade de adaptar a taxa pero faino con xustiza e equilibrio. O Concello asumirá o 25% do custe total do servizo con recursos municipais, para aliviar o impacto económico das familias e pequenas empresas. Cremos que é unha forma xusta de compatibilizar a obriga legal coa sensibilidade social. O Concello asumirá a contía de preto de 900.000 euros. Somos conscientes que calquera subida de taxas é unha medida impopular, pero sabemos que non actuar pode ser peor porque pode provocar sancións e recortes noutros servizos”.
Cotas e bonificacións
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos tamén falou das cotas. O 75% do custo do servizo será asumido polos usuarios/as, mentres que o Concello asume o 25% da cota total. A cota fixa é a do servizo de recollida do lixo, que é igual para vivendas e actividades, mentres que a cota variable é o prezo do tratamento de residuos. Para as vivendas establécese unha cota fixa de 67,77 euros para a recollida continúa e de 40,66 euros para a recollida alterna. A cota variable para as vivendas é de 21,36 euros/habitante, tanto para a recollida continúa como para a alterna.
Para as actividades a cota fixa é de 272,91 euros. A cota variable por metro cadrado é de 0,45 euros para aloxamentos; 1,23 euros para restaurantes, bares e cafeterías; 0,53 euros para centros sanitarios, docentes, residencias e centros de día; 0,02 euros para fábricas, talleres e serradoiros; 1,06 euros para supermercados e comercios de produtos alimenticios; 0,43 euros para entidades bancarias, estacións de servizos e centros oficiais; 0,12 euros para vivendas de uso turístico; e 0,01 para comercio por menor de produtos non alimentarios e outros.
Na ordenanza establécense as seguintes bonificacións aplicables á cota variable que é o prezo do tratamento de residuos:
15% por compostaxe.
15% por utilizar dúas veces o punto limpo ou a recollida de enseres.
50% para persoas en risco de exclusión social.
15% para empresas de distribución alimentaria ou restauración que colaboran con entidades de economía social sen ánimo de lucro ou que teñan sistemas de xestión que reduzan de xeito significativo os residuos alimentarios.
Intervención dos grupos da oposición sobre a taxa do lixo
A voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo que “con carácter previo a este proxecto que presentan no pleno poderían telo sometido a consulta pública. É unha modificación importante e ademais é de interese público. Non estaría mal unha xuntanza cos representantes das asociación veciñais e coas de comercio. Non me refiro á reunión que tiveron onte, cando o peixe xa estaba vendido, senón a reunións anteriores para que puidesen opinar e presentar propostas. Non imos apoiar esta subida da taxa do lixo porque primeiro hai que definir que sistema imos adoptar para o servizo de recollida de lixo, segundo propoñemos acordar un plan a tres ou catro anos vista con subidas graduais, para evitar o impacto directo nas economías familiares e que nos permita axustar a taxa ao custo real do servizo; e en terceiro lugar consideramos que se deben adoptar outros criterios para fixar a cota de pago e a progresividade das mesmas”.
A concelleira do BNG, Rosalía Seijas, destacou que “o BNG non está en contra de cumprir a normativa, senón que non estamos de acordo co xeito no que se fai. O que se propón é pagar máis polo mesmo servizo que segue a ser deficiente, anticuado e insuficiente. Estamos de acordo con cumprir a normativa, pero non só a que implica pasarlle os custos aos veciños e veciñas. A directiva europea tamén fala de mellorar a xestión dos residuos, de eficiencia, de incrementar a recollida selectiva, fomentar a separación en orixe, e de avanzar cara a unha economía circular, cuestións que non aparecen reflectidas nesta ordenanza. Ademais, a lei permítelle aos Concellos establecer bonificacións de ata o 95% da taxa para quen realicen boas practicas ambientais. As bonificación que comentou o concelleiro de Obras para nós son escasas. Par nós é un ordenanza pouco social e pouco incentivadora, que non se adapta á normativa europea nin estatal”.
A voceira do Partido Popular, Oliva Agra, dixo que “hoxe traen a este pleno a aprobación dunha ordenanza que vai supoñer o incremento dunha taxa que van ter que asumir os veciños e veciñas de Ames, tanto por acción como por omisión. Por acción do partido socialista pola forma que decidiron traspoñer unha directiva nunha lei que en ningún caso obrigaba aos veciños a asumir nunha taxa o custe real do servizo. E tamén por acción polo gobernos locais de coalición do PSOE e BNG dende o momento que decidiron enfrascarnos no capricho da Mancomunidade Serra do Barbanza, que no reportou ningún beneficio para os veciños de Ames, ao contrario só supuxo que os veciños de Ames teñan un servizo caro e de escasa calidade. Os caprichos e a falta e xestión lévanos a esta situación na que os veciños de Ames están pagando máis por un servizo de escasa calidade e moi mellorable”.
O alcalde, Blas García, destacou que “para nós non é fácil asumir o incremento de calquera imposto e menos o do lixo, peor temos claro que hai que ser responsable e tomar decisións. Estamos aquí para gobernar e tomar decisións. Somos un goberno valente porque tomamos decisións. O que teño claro é que se traemos ao pleno esta modificación nos critican e se non a trouxéramos nos ian a criticar igual”.
POS+ Adicional
Ademais, aprobouse por unanimidade o POS+ Adicional 4/2025. Ao Concello de Ames correspóndenlle 498.473,30 euros, dos cales o importe de 152.984,36 euros vanse destinar a gasto corrente, e o resto da contía que ascende a 345.488,94 euros vaise destinar a investimentos financeiramente sostibles para o arranxo das beirarrúas na avenida da Maía ata o límite co concello de Brión.
Outro tema aprobado foi a autorización do incremento da cantidade global destinada á asignación de gratificacións, horas extraordinarias e horas complementarias no orzamento do Concello de Ames para o exercicio 2025, quedando o importe global fixado en 394.885,46 euros. Este punto foi aprobado cos votos a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, Partido Popular e BNG. A concelleira de Espazo Común abstívose.
Centro deportivo municipal A Telleira
A Corporación municipal debateu sobre a revisión de prezos do contrato de concesión da xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira para o exercicio 2026. O incremento cuantificase no 2,3% e resulta do calculo do IPC galego tomando como referencia os períodos xullo 2024 a xullo 2025 e terá efectos dende 1 de xaneiro de 2026, unha vez se aprobe definitivamente a modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola utilización do centro deportivo municipal A Telleira. Este punto foi aprobado cos votos a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, Partido Popular e Espazo Común. Os/as concelleiros/as do BNG votaron en contra.
En relación co centro deportivo municipal A Telleira tamén se abordou a aprobación inicial da modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola utilización de dito centro deportivo, así como o texto íntegro modificado que figura como anexo I do acordo. A finalidade desta modificación é a aplicación do IPC acumulado galego de xullo 2024-xullo 2025 que ascende ao 2,3%, en cumprimento do previsto na cláusula 22 dos pregos de licitación que forman parte do contrato asinado. Este punto tamén foi aprobado cos votos a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, Partido Popular e Espazo Común. Os/as concelleiros/as do BNG votaron en contra.
Apartado de mocións
Por último, aprobouse por unanimidade unha declaración institucional con motivo do 25N contra a violencia machista, contra quen maltrata e contra quen a nega ou relativiza. Tratase dunha declaracións institucional da FEGAMP coa achega dun parágrafo por parte do grupo municipal do BNG.
Ademais, aprobáronse por unanimidade dúas mocións políticas do grupo municipal popular para a mellora da seguridade viaria na DP-0206 ao seu paso polo concello de Ames, e sobre os vertidos no río Sar provocados polas obras de construción da nova depuradora de aguas residuais de A Silvouta, en Santiago de Compostela. Esta última moción foi aprobada con emendas propostas polo grupo de goberno e polo grupo do BNG. Ditas emendas foron aceptadas polo grupo do Partido Popular.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "La nueva tasa de la basura en Ames multiplicará el coste en el rural y en algunos negocios"
El Correo Gallego: "Europa y el Gobierno mandan: la basura subirá un 46% en los hogares de Ames y un 70% en Teo"
Lindeiros: "A taxa do lixo divide de novo á corporación de Ames"











