Pestanas principais

O Pleno aproba a tramitación do expediente para impoñer a prohibición de contratar á antiga empresa do SAF por un período de 3 anos

Venres, 01 de agosto de 2025

A Corporación municipal aprobou por maioría simple o recoñecemento extraxudicial de crédito 2/2025 con cargo ás aplicacións orzamentarias do orzamento municipal correspondente ao 2025 por importe de 279.967,05 euros, destinado a solventar gastos de mantemento dos distintos servizos municipais. Así mesmo, aprobouse por unanimidade  a fixación dos festivos locais para o vindeiro ano 2026; a tramitación do expediente para impoñer a prohibición de contratar á empresa Osventos S.L. (adxudicataria do Servizo de Axuda no Fogar); e a autorización de compatibilidade para o desempeño de actividade profesional privada dunha funcionaria do Concello de Ames. Tamén saíu adiante por maioría simple a aprobación sobre a participación na segunda fase do POS+Adicional 2/2025 da Deputación da Coruña cun importe de 107.713,78 euros para investir en dúas obras. Ademais, foi aprobada por maioría simple unha moción presentada polo grupo municipal do BNG para a retirada da simboloxía franquista do Concello en cumprimento coa lei de memoria democrática. Podes ver a gravación do pleno na canle de YouTube do Concello de Ames.

O pleno ordinario do mes de xullo deu comezo co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 393 decretos, do 1937 ao 2322. Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordou foi a aprobación por unanimidade da acta correspondente á sesión ordinaria do mes de xuño celebrada o pasado 26 de xuño de 2025.

O primeiro tema de debate abordado foi a aprobación do recoñecemento extraxudicial de créditos 2/2025 por importe de 279.967,02 euros con cargo ás aplicacións orzamentarias do orzamento municipal 2025. Este punto foi aprobado por maioría simple co voto a favor dos/as oito concelleiros/as do grupo do goberno, Partido Popular e BNG. A concelleira de Espazo Común abstívose. 

Sobre este punto, a concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, explicou que “existen obrigas económicas  pendentes de imputación orzamentaria e pago do exercicio 2024, sendo a súa maioría facturas por prestación de servizos, subministración e obras sen o correspondente soporte contractual por un importe de 279.967,02 euros. A súa tramitación faise a través da figura do recoñecemento extraxudicial de créditos, que é un instrumento de carácter orzamentario que ten como finalidade aplicar ao presuposto vixente obrigacións derivadas de gastos de exercicios anteriores que non foron debidamente adquiridos”. 

Susana Señorís engadiu que “existe consignación adecuada e suficiente para imputar os gastos á súa aprobación sen minguar os créditos dos respectivos programas, xa que se aprobou un suplemento de crédito anteriormente. Neste caso, son gastos correspondentes ao ano 2024, continuados, e, ademais, todas e cada unha das facturas que se inclúen correspóndense á realización  de gastos necesarios para o normal funcionamento dos distintos servizos municipais e do concello”. 

A voceira do grupo municipal de Espazo Común, Luísa Feijóo, subliñou que “o informe de intervención di que os gastos están realizados e polo tanto deben de ser abonados para no supoñer un prexuízo ao prestador do servizo, pero tamén se fala no mesmo informe de gastos urxentes e necesarios para o funcionamento do concello. De aí que non teña nesa cobertura contractual ou que non houbese a consignación de crédito suficiente na partida correspondente. A maioría destes gastos eran totalmente previsibles e poderían terse evitado de ter unha correcta planificación e os servizos estiveran licitados”. 

A concelleira do BNG, Rosalía Seijas, dixo que “todas as prestacións incluídas nesta relación de gastos exceden os límites temporais e cuantitativos do contrato menor. Polo tanto, estamos falando de servizos que non deberían de seguir contratándose deste xeito, nin moito menos acumulando gastos de forma continuada sen procedemento e deben de ser obxecto de licitación. Exemplo disto son os produtos de alimentación na rede de comedores municipais, que supoñen unha importe importante deste suplemento de crédito”. 

Así mesmo, o Concelleiro do Partido Popular, Pablo Beiroa destacou que “é importante que Concello tivese un orzamento aprobado para este 2025 mais non afectaría a este punto de debate concreto. É un problema que vén do 2024, sendo unha serie de prestacións que se levaron a cabo, encargadas polo Concello de Ames sen contar coa correspondente cobertura contractual e necesaria, o que motiva que teñamos que traer a pleno este recoñecemento extraxudicial de crédito para que, aínda que xa vén tarde, os pequenos comerciantes e empresas locais poidan cobrar canto antes as facturas correspondentes”.

Fixación dos festivos locais 2026
O primeiro punto aprobado por unanimidade foi a fixación dos festivos locais para o vindeiro ano. Deste xeito, acordouse establecer como festivos locais no 2026 o xoves 14 de maio, correspondendo á Ascensión, e o luns 6 de abril, que corresponde ao Luns de Pascua. 

Outro dos puntos aprobados por unanimidade foi a aprobación da autorización solicitada por unha funcionaria do Concello de Ames para poder compatibilizar o seu posto na Administración co desempeño de actividades profesionais no sector privado. 

Prohibición de contratar á empresa do SAF
O terceiro e último punto aprobado por unanimidade foi a tramitación do expediente para impoñer a prohibición de contratar co concello de Ames os servizos da empresa Osventos innovación en servizos S.L., antiga empresa contratista do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), por un período de 3 anos. 

No pleno do pasado mes de abril, aprobouse a resolución do contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) entre a empresa Osventos innovación en Servizos, S.L. e o Concello de Ames, tras o incumprimento dunha serie de obrigas contractuais esenciais ao longo da duración do actual contrato, formalizado en marzo do 2023. Nesa mesma sesión plenaria do mes de abril, acordouse a resolución do contrato e a incautación da perda de garantía á empresa, por importe de 132.337,08 euros, xunto coa indemnización que poida proceder a favor do Concello polos danos e prexuízos ocasionados. 

Neste punto do pleno, fíxose lembranza da traballadora do SAF asasinada este martes no Concello do Porriño mentres exercía o seu labor no Servizo de Axuda no Fogar, Teresa de Jesús Rodríguez González. A primeira en facer lembranza a esta traballadora foi a voceira do BNG, Escarlata Pampín que, ademais, solicitou que “o Goberno municipal se reúna coas traballadoras do SAF do noso concello, tal e como levan tempo reclamando”.  

A concelleira de Servizos Sociais, Uxía García, destacou que “desde os concellos debese de velar para que as empresas adxudicatarias do servizo do SAF teñan unha boa prevención de riscos laborais adaptada ás  traballadoras do sector. Somos coñecedores de que sofren acoso, abuso e temos que velar polos seus dereitos sen politizar estes temas nin o servizo. Quero facer un agradecemento público a todas as traballadoras do SAF pola súa implicación, polos seus seus coidados tanto ás persoas dependentes como ás súas familias e, dende aquí, quero facer unha mención especial a Teresa, traballadora do SAF que nos deixou mentres prestaba o servizo no Porriño”. 

A voceira do grupo municipal Espazo Común, Luísa Feijóo, apuntou que “somos un concello pioneiro na protección das nosas empregadas de axuda no fogar, ou polo menos así o foi hai uns anos cando fomos o primeiro concello de Galicia que denunciou unha situación de acoso sexual por parte dunha traballadora de axuda no fogar e, ademais, retirouna dese servizo. Ames, dende a Concellaría de Benestar Social, nese momento, fomos o suficientemente valentes como para comparecer no xulgado con esta traballadora presentando a correspondente denuncia”. 

Participación na segunda fase do POS+Adicional 2/2025
O derradeiro punto a debater foi a aprobación da participación correspondente á segunda fase do POS+Adicional 2/2025 da Deputación Provincial de A Coruña. A contía asignada ao Concello de Ames dentro deste plan é dun total de 613.747,78 euros, dos cales xa se aprobaron na primeira fase do POS+Adicional 2/2025, un importe de 506.036,01 euros, quedando unha contía restante de 107.713,78 euros para participar nesta segunda fase do plan, coa que se propón realizar novos investimentos sostibles a nivel financeiro e que non figuraban no Plan Complementario ao POS+2025. 

Neste caso aprobáronse dúas novas obras, por unha banda, a pavimentación de viario en Coira, por un valor de 67.317,07 euros, e, por outro lado, a instalación de rego automático no centro de lanzamento de Ventín, cun importe de 40.396,71 euros. 

Este punto foi aprobado por maioría simple cos votos a favor dos/as concelleiros/as do grupo do goberno, os concelleiros/as do Partido Popular e a concelleira de Espazo Común. Os/as concelleiros/as do BNG abstivéronse. 

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explicou que “este POS+ ten dúas fases, na primeira hai que incluír obras que estaban só aprobadas e incluídas neste plan complementario pero, na segunda fase pódense incluír obras novas que non estaban contempladas nun primeiro momento. Os plans de obras non son pechados, pois poden xurdir necesidades ao longo do ano e é algo que tamén ten en conta a Deputación, dado que nas súas bases permite incluír obras novas”. 

Moción política do BNG
Por último, abordouse unha moción presentada polo grupo municipal do BNG, relativa á retirada da simboloxía franquista no Concello, en cumprimento coa Lei de Memoria Democrática entrada en vigor no 2022. Dende o grupo nacionalista, expuxeron que seguen existindo no concello elementos contrarios a esta lei, tales como fontes con símbolos franquistas, cruceiros ou placas conmemorativas de caídos no chamado “bando nacional”, entre outros. A moción foi aprobada por maioría simple co voto a favor dos/as concelleiros/as do grupo do goberno, BNG e Espazo Común. Os/as sete concelleiros/as do Partido Popular votaron en contra. 

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames aprueba el veto municipal por tres años a la empresa Osventos"

O Pleno aproba a tramitación do expediente para impoñer a prohibición de contratar á antiga empresa do SAF por un período de 3 anos

Multimedia

  • O Pleno aproba a tramitación do expediente para impoñer a prohibición de contratar á antiga empresa do SAF por un período de 3 anos
  • O Pleno aproba a tramitación do expediente para impoñer a prohibición de contratar á antiga empresa do SAF por un período de 3 anos
  • O Pleno aproba a tramitación do expediente para impoñer a prohibición de contratar á antiga empresa do SAF por un período de 3 anos
  • O Pleno aproba a tramitación do expediente para impoñer a prohibición de contratar á antiga empresa do SAF por un período de 3 anos
  • O Pleno aproba a tramitación do expediente para impoñer a prohibición de contratar á antiga empresa do SAF por un período de 3 anos