Pestanas principais

O Pleno aproba a subsanación de documentación aportada para optar á subvención de mellora da eficiencia enerxética no alumeado do rural

Xoves, 14 de novembro de 2019

Este mércores, 13 de novembro, celebrouse un pleno extraordinario no que se aprobou a proposta de subsanación da documentación enviada para optar a unha axuda do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), para o desenvolvemento dun proxecto singular de aforro e mellora da eficiencia enerxética da iluminación do rural. Este punto saíu adiante co voto a favor dos membros do goberno municipal e do concelleiro de Ames Novo, Quique Costas. Os concelleiros/as do grupo popular e mailo concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, abstivéronse. Dende o IDAE requiríuselle ao Concello de Ames a subsanación na documentación aportada para acollerse a dita subvención, e que pasa por aportar un novo certificado do acordo do Pleno que aprobe, de forma expresa, todos e cada un dos puntos establecidos no artigo 12.4 do Real decreto 616/2017, e que na memoria do proxecto se inclúa o dato da suma total das potencias contratadas de todos os cadros.

No pleno ordinario do pasado mes de agosto a Corporación municipal aprobou unha moción, presentada por vía de urxencia, para habilitar 294.057,80 euros para o financiamento da actuación de mellora da eficiencia enerxética no alumeado rural do concello de Ames, enmarcada no Programa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do programa operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020. Este proxecto ten un orzamento de 1.470.288,94 euros, dos cales se solicitou unha axuda por valor de 1.176.231,15 euros.

O Pleno aprobou por unanimidade o compromiso de habilitar o crédito suficiente para financiar a execución total do proxecto singular de mellora da eficiencia enerxética no alumeado rural do concello de Ames, no caso de que o proxecto resulte seleccionado no marco da convocatoria de axudas do Real Decreto 616/2017, do 16 de xuño, polo que se regula a concesión directa de subvencións á proxectos singulares das entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020.

O Concello de Ames pretende acollerse á convocatoria indicada para realizar dito proxecto, actuación encadrada na liña 6 da convocatoria; renovación das instalacións de alumeado, iluminación e sinalización interior. A actuación proxectada ten un orzamento total de 1.470.288,94 euros, o que supón que o Concello de Ames, no caso de resultar seleccionada a súa actuación, ten que habilitar crédito por importe de 294.057,80 euros que supón un 20% do orzamento total. O 80% restante, 1.176.231,15 euros, será sufragado con cargo aos fondos europeos no caso de que dita concesión sexa aprobada.

Despois de que o pasado 3 de setembro se presentase a solicitude para optar a dita axuda do IDAE, este organismo, o pasado 30 de outubro, requiriulle ao Concello de Ames a subsanación da documentación achegada e remitir un novo certificado do acordo do Pleno que aprobe, de forma expresa, todos e cada un dos puntos establecidos no artigo 12.4 do Real decreto 616/2017, e que na memoria do proxecto se inclúa o dato da suma total das potencias contratadas de todos os cadros.

Trala aprobación deste asunto no pleno extraordinario celebrado este mércores 13 de novembro, enviaráselle ao IDAE a documentación solicitada. Este punto saíu adiante co voto a favor dos membros do goberno municipal e do concelleiro de Ames Novo, Quique Costas. Os concelleiros/as do grupo popular e mailo concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, abstivéronse.

Mellora da eficiencia enerxética
O concello de Ames dispón de 7.133 puntos de luz e de 173 centros de mando no seu sistema de iluminación pública. Dentro do proxecto actual proponse substituír 4.540 puntos, o que representa o 64% do total de luminarias. Estes puntos para substituír englóbanse en 120 centros de mando, que tamén serán reformados, representando o 69% do total de centros presentes no termo municipal. Todas as luminarias incluídas nos cadros sinalados atópanse maioritariamente en vías rurais, con vías sen ancho regular e principalmente zonas de acceso a casas ou leiras en núcleos rurais. Deste xeito, reducirase a contaminación lumínica e conseguirase unha redución do consumo de enerxía eléctrica do 53% mantendo o mesmo número de puntos de luz.

Este proxecto enmárcase dentro dun plan máis amplo a través do cal se pretenden cambiar as luminarias e centros de mando do 100% do alumado público municipal. Deste xeito, a este proxecto do cambio de luminarias do rural únese o proxecto de mellora da eficiencia enerxética da iluminación no Milladoiro, que foi adxudicado á empresa Instalaciones Eléctrica Coruñesas SL por un importe de 225.746,57 euros, e mailo proxecto de cambio de iluminación na localidade de Bertamiráns, que está incluído no Plan Impulsa Ames e que conta cun orzamento inicial de 361.459,3 euros. Este proxecto está previsto que se licite en 2020.

Imaxe do alumeado público da parroquia de Covas