Este xoves, 28 de marzo, celebrouse o pleno ordinario correspondente ao mes de marzo no que a Corporación municipal aprobou a segunda modificación puntual do ROM, para regular os supostos de empate na votación e nos que o alcalde vota tamén abstención, e o acordo regulador polo que se establece a mellora voluntaria da acción protectora da seguridade social nas situacións de incapacidade temporal dos/as empregados/as municipais como consecuencia da modificación do artigo 146, da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.
O pleno ordinario deste mes de marzo durou pouco máis de media hora. A orde do día recollía dous temas no apartado de deliberación e acordo. En primeiro lugar, debateuse a segunda modificación puntual do Regulamento Orgánico Municipal do Concello de Ames, para regular os supostos de empate na votación e nos que o alcalde vota tamén abstención. Este punto saíu adiante co voto a favor dos membros do goberno municipal e dos concelleiros/as de Ames Novo, mentres que os/as edís do Partido Popular e de Pacto por Ames votaron en contra.
O texto que se modificou afecta ao último parágrafo do artigo 51 (sentido do voto), cuxa redacción sería a seguinte: No caso de votacións con resultado de empate, efectuarase unha nova votación e, se persiste o empate, decidirá o voto de calidade do presidente. No suposto de que o voto do alcalde tamén sexa abstención e non poda decidir o empate o asunto entenderase desestimado.
Esta modificación vén derivada dunha moción debatida no pleno ordinario do pasado 31 de xaneiro de 2019 na que se solicitaba do Pleno do Concello de Ames que se instase ao Goberno de España o recoñecemento de Juan Gerardo Guaidó Márquez como presidente interino da República de Venezuela, co obxecto de que sexan convocadas novas eleccións presidenciais coas debidas garantías electorais; e que o Goberno de España lidere no seno da Unión Europea este proceso de transición democrática.
Tras ratificar a urxencia da mesma por unanimidade dos membros presentes da Corporación, e despois das intervencións dos diversos grupos políticos con representación na Corporación, procedeuse a votar a moción cos votos a favor do Partido Popular e de Pacto por Ames. Os/s concelleiros/as de Ames Novo, BNG e maila concelleira de Contigo Pódese, Genma Otero, votaron en contra, mentres que os/as edís do PSdeG e mailos concelleiros/as de Contigo Pódese, Javier García e Silvia Dapena, abstivéronse.
Deste xeito, houbo un empate con 7 votos a favor e 7 votos en contra. Ao existir un empate houbo unha segunda votación, na que se repetiu o votado anteriormente. Así, tivo que decidir o voto de calidade do alcalde. O rexedor municipal mantivo a súa abstención, co que non se puido acudir ao seu voto de calidade para dirimir o empate. Co que, ante esta situación, non se acadou pronunciamento algún no referente a esta moción. Acordo regulador sobre as situacións de incapacidade temporal
Por outra banda, a Corporación municipal aprobou por unanimidade o acordo regulador polo que se establece a mellora voluntaria da acción protectora da seguridade social nas situacións de incapacidade temporal dos/as empregados/as do Concello de Ames como consecuencia da modificación do artigo 146 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia. A proposta do acordo regulador foi aprobada en Mesa Xeral de Negociación o pasado 12 de marzo de 2019.
En dito acordo regulador tívose en conta o recollido na actual Lei de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018, onde se indica que será cada Administración Pública a encargada de determinar, previa negociación colectiva e de acordo cunhas regras, as retribucións a percibir polo persoal ao seu servizo en situación de incapacidade temporal. Deste xeito, recupérase o 100% das retribucións fixas do mes de inicio da incapacidade temporal. Ademais, o goberno municipal terá que deseñar un plan de control do absentismo, que deberá ser obxecto de difusión pública a través do Portal de transparencia. En dito portal serán igualmente obxecto de publicación os datos de absentismo, clasificados pola súa causa cunha periodicidade cando menos semestral.








