Pestanas principais

O Pleno aproba provisionalmente a modificación da Ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre Bens Inmobles e dous suplementos de crédito por valor de máis dun millón de euros

Venres, 16 de outubro de 2020

O Salón de Plenos da Casa do Concello acolleu este xoves, 15 de outubro, a celebración dunha sesión plenaria extraordinaria con marcado carácter económico. A Corporoación municipal aprobou, por unanimidade, dous suplementos de crédito con remanente de tesourería vinculados ao Plan de Reactivación do Concello de Ames e outros investimentos e cobertura de gastos de áreas, de 666.310,52 e 427.779,58 euros. Tamén por unanimide aprobouse o proxecto modificado de Mellora de eficiencia enerxética da iluminación pública no Milladoiro, cun orzamento de execución de 383.259,01 euros, mentres que a aprobación provisional da modificación da Ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre Bens Inmobles saiu adiante cos votos a favor do grupo de goberno e os votos en contra dos grupos da oposición.

Foi precisamente a modificación da Ordenanza fiscal reguladora do IBI do Concello de Ames o tema que suscitou máis debate na sesión plenaria. A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, defendeu a proposta co obxecto de ampliar os supostos de bonificacións fiscais que afectan a inmobles nos que se desenvolvan actividades económicas que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias de fomento do emprego. A intención do goberno é ampliar os beneficios fiscais para o fomento do emprego, co obxecto de suavizar a carga impositiva das empresas e reactivar a economía do concello.

A actual ordenanza fiscal reguladora do IBI contempla bonificacións de ata un 95% por este concepto, pero preténdese con esta modificación elevar a porcentaxe de bonificación para os supostos de empresas que acrediten a creación de máis de 4 postos de traballo, engadindo tamén un novo tramo. Increméntase a bonificación para as empresas que acrediten a contratación de máis de entre 5 e 20 postos de traballo, manténdose no máximo previsto na Lei reguladora de facendas locais para as empresas que acrediten a creación de máis de 20 postos de traballo. Proponse, ademáis, a modificación das condicións para ser beneficiario desta bonificación engadindo unha cláusula de salvagarda para situacións ligadas a recesións económicas ou situacións extraordinarias de emerxencia, e mantéñense os tipos impositivos vixentes para o ano 2020 nos seguintes porcentaxes: 0,50% para bens inmobles de natureza urbana; 0,33% para bens inmobles de natureza rústica; e o 1,3% para bens inmobles de características especiais.

Dende os grupos da oposición amosáronse contrarios á aprobación do punto. José Ramón Oulego, do grupo mixto, salientou que “a suba do IBI nun 13,6% golpea na liña de flotación das familias amesás e non estamos dacordo nin coa forma nin co fondo”. Quique Costas, tamén do grupo mixto, calificou de “ anecdóticas” as reformas que se levaron para a modificación da ordenanza e suliñou que “se pretende premiar unha creación de postos de traballo que nada ten que ver co tamaño das empresas de Ames”. Dende o grupo municipal do PP, o seu voceiro, Ramón García Argibay, calificou a medida como un “acto de soberbia política” e acusou ao goberno de “aumentar a carga fiscal sen importarlle a situación dos veciños e veciñas”. A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, defendeu “a responsabilidade nas decisións adoptadas polo goberno. O que traemos hoxe son modificacións que fan referencia as bonificacións e quixemos apostar por reactivar cartos”. Finalmente, o punto saiu adiante cos votos a favor do grupo de goberno e os votos en contra dos grupos da oposoción.

Mellora de eficiencia enerxética da iluminación pública no Milladoiro
A Corporación Municipal debatiu tamén a aprobación do proxecto modificado de Mellora de eficiencia enerxética da iluminación pública no Milladoiro, cun orzamento de execución de 383.259,01 euros. O punto saiu adiante por unanimidade. O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, salientou que xa se atopa executado o 84% do proxecto, se ben trasladou diferentes circunstancias que fixeron que se sufriran diferentes atrasos, como a necesidade de replantear a distribución e facer obra civil no proxecto de urbanización do S-15, a existencia dalgún cadro deteriorado, a retirada da iluminación de Nadal, as circunstancias meteorolóxicas adversas con perigo para traballadores e viandantes ata mediados de marzo, e o estado de alarma orixinado pola pandemia da Covid-19. Os traballos retomáronse a principios do mes de xuño, xurdindo a necesidade de redactar un modificado do proxecto. O importe do mesmo supón unha variación con respecto o anterior de 16.717,77 euros, unha vez aplicada a baixa da licitación.

Suplementos de crédito
E tamén por unanimidade saíron adiante dous suplementos de crédito financiados con remanente de tesourería. O primeiro, o suplemento de crédito 1/2020 para gastos xerais, recolle parte das actuacións do Plan de Reactivación do Concello de Ames, contando algunhas xa con crédito adecuado e suficiente no orzamento en vigor, ben en créditos iniciais ou ben vía modificacións de crédito xa tramitadas. Para dar unha resposta local á crise económica provocada pola Covid-19, o Concello de Ames puxo en marcha un plan de choque con fin de protexer o emprego, axudar aos mais vulnerables , e apoiar o tecido empresarial local na recuperación da mesma. O Plan de reactivación recolle axudas urxentes e extraordinarias e actuacións dirixidas a paliar a situación actual. Parte das medidas xa se realizaron ou se están a implementar, mentres que as medidas de fomento recollidas no plan dirixidas fundamentalmente as empresas e comercio pretenden poñerse en marcha antes do remate do exercicio 2020.  Este suplemento de crédito é de 666.310,52 euros e abrangue a diferentes áreas como seguridade e saúde, promoción económica, administración, tecnoloxía e eido social.

O segundo, o suplemento de crédito 2/2020 para gastos xerais, de 427.779,58 euros, recolle unha partida de 116.235,09 euros para gastos de investimentos para mantemento de infraestruturas e servizos; outra de 246.945,60 euros para para o pago da sentenza á Mancomunidade Serra do Barbanza; unha de 14.598,89 euros para aportación propia da axuda “Ames Comercio Dixital”; e unha última de 50.000 euros para as obras de instalación do Centro de Seccionamento do Centro de Saúde do Milladoiro.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames modifica la ordenanza del IBI para garantizar los ingresos si el TSXG anula la subida del 2019"

Pleno extraordinario do 15 de outubro de 2020

Multimedia

  • pleno extraordinario do 15 de outubro 2020
  • Pleno Extraordinario