Pestanas principais

O Pleno aproba prorrogar o prazo de remate da prestación dos servizos ofrecidos pola Mancomunidade Serra do Barbanza

Martes, 22 de decembro de 2015

[22-12-2015] Este luns, 21 de decembro, ás 20:30 horas, celebrouse un pleno extraordinario para abordar e debater varios temas que eran necesario aprobar antes do 31 de decembro de 2015. Deste xeito, a corporación municipal aprobou á prórroga do prazo de remate da prestación dos servizos de recollida e tratamento dos residuos sólidos urbanos por parte da Mancomunidade Serra do Barbanza; o contrato de alugueiro con opción de compra dos locais de Aldea Nova que son propiedade da empresa Construcciones Ruafer SA; a inadmisión das alegacións presentadas contra a aprobación provisional da modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos; e o regulamento para a xestión de bolsas de traballo temporal do Concello de Ames.

A corporación municipal aprobou por unanimidade darlle conformidade á prórroga do prazo de remate da prestación dos servizos de recollida e tratamento dos residuos sólidos urbanos por parte da Mancomunidade de Concellos da Serra do Barbanza nas mesmas condicións previstas no convenio aprobado no ano 2005 e que remata o vindeiro 31 de decembro. O concelleiro de Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, explicou que “no convenio subscrito entre ambas partes no ano 2005 establécese unha prórroga por un prazo de 9 anos máis, pero dende a propia Mancomunidade xa se nos comunicou a decisión de non prorrogar o convenio actual, tal e como se recolle no acordo da Xunta da Mancomunidade celebrada o pasado 24 de novembro de 2015”.

Nesa mesma xuntanza tomouse a decisión de ofrecerlle ao Concello de Ames a opción de integrarse como membro de pleno dereito. Esta opción tería que ser solicitada expresamente polo goberno municipal no prazo dun mes desde que a propia Mancomunidade lle entregue a información de proxección do custe da súa integración como membro de pleno dereito, así como do resto da documentación necesaria para a toma das súas decisións internas.

Debido a que a Mancomunidade non lle ten enviado ao Concello a documentación necesaria para a adopción dunha decisión sobre a integración ou non como membro de pleno dereito da Mancomunidade, a propia Xunta da Mancomunidade, na sesión celebrada o 24 de novembro recolle a posibilidade de manter o servizo nas mesmas condicións nas que se presta na actualidade máis alá do 1 de xaneiro de 2016, prorrogando expresamente o prazo de remate do servizo previsto para o día 1 de xaneiro de 2016.

Contrato de alugueiro dos locais do Centro de usos múltiples de Aldea Nova
Outro dos puntos que se aprobou foi o contrato de alugueiro con opción de compra dos locais que son propiedade da empresa Construcciones Ruafer S.A. e que están situados na urbanización de Aldea Nova. Este punto saíu adiante por maioría simple cos votos a favor dos membros do goberno, mentres que o resto dos concelleiros/as da corporación municipal abstivéronse.

O alcalde de Ames, José Miñones, explicou que “en xaneiro de 2006 o Concello de Ames asinou un contrato de comodato coa empresa Ruafer para facer uso destes locais. Este contrato rematou no ano 2011, pero a pesar diso seguiuse facendo uso destes locais do Centro de usos múltiples de Aldea Nova. Durante a duración do contrato de comodato o Concello realizou varias obras de acondicionamento para destinalos aos fins pretendidos. Agora é preciso chegar a un acordo con esta empresa por iso traemos esta proposta de contrato. Xa houbo varios intentos para chegar a un acordo pero non foi posible. Este goberno dende o pasado mes de xullo leva negociando con Ruafer para intentar chegar a un acordo”.

A proposta de contrato que foi aprobada recolle o alugueiro dos 12 locais do Centro de usos múltiples de Aldea Nova por un importe de 2.100 euros mensuais, máis o IVE correspondente, por un período de 6 anos. Unha vez pasados eses 6 anos, o Concello disporá da opción de adquirir eses 12 locais por un prezo de 525.720 euros, máis o IVE correspondente. As achegas mensuais que fará o Concello quedarán amortizadas no caso de que se decida adquirir os locais. Deste xeito, descontaríanse 151.200 euros ao prezo de compra, polo que o importe a pagar pola adquisición dos devanditos locais sería de 374.520 euros.

A cambio da sinatura deste contrato a empresa Ruafer comprométese a realizar as obras necesarias para arranxar os problemas de humidade e entrada de auga que hai nalgún dos locais. Cómpre lembrar que no Centro de usos múltiples hai cinco salas insonorizadas onde se imparten as clases da Escola Municipal de Música de Ames; unha sala de agarda para os pais e nais que teñen aos seus fillos/as matriculados na EMMA; o proxecto Lentura, o Viveiro de empresas (que leva catro anos parado e que se vai poñer en marcha de novo); o Roupeiro municipal; e tamén se imparten clases de ximnasia das escolas deportivas.

Ordenanza fiscal reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público
Por outra banda, aprobouse a inadmisión das alegacións presentadas contra o acordo plenario do 29 de outubro de 2015 de aprobación provisional da modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos con finalidade lucrativa do Concello de Ames. Este punto saíu adiante cos votos a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, do Partido Popular e de Pacto por Ames. O concelleiro de Ciudadanos abstívose, mentres que os edís de Ames Novo votaron en contra.

Segundo se desprende do informe de Tesourería municipal a modificación aprobada provisionalmente en dito pleno consiste en reducir en 2 meses o período que se considera de maior valor a utilidade derivada da utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público, que pasaría de ser de 6 meses (dende o 1 de maio ata o 31 de outubro) a 4 meses (dende o 1 de xuño ata o 31 de setembro). A declaración de inadmisibilidade, conleva a elevación a definitivo do acordo de aprobación provisional do 29 de outubro, de forma automática.

Sobre este tema a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, incidiu en que “esta modificación da ordenanza fíxose para beneficiar aos hostaleiros e reducir o período de tempada alta en dous meses. Esta ordenanza xa existía desde fai máis de 10 anos pero ningún goberno a aplicaba, dándose situacións de desigualdade porque hai xente que si está pagando as taxas. A intención deste goberno é regularizar a situación e a principios de ano continuar coas xuntanzas cos hostaleiros para recoller novas propostas. Xa se lles enviou un borrador do regulamento para que fagan as súas achegas co fin de consensuar e elaborar o regulamento de xeito conxunto”.

Regulamento para a xestión de bolsas de traballo temporal do Concello
Por último, aprobouse por unanimidade o regulamento para a xestión de bolsas de traballo temporal do Concello de Ames. Este regulamento, que xa foi aprobado na Mesa Xeral de Negociación, facilitará o traballo do departamento de Recursos Humanos á hora de posibles substitucións de traballadores/as municipais. Para elaborar este borrador mantivéronse un total de catro xuntanzas entre o goberno municipal e os delegados sindicais do Concello durante os meses de setembro e outubro.

Coa aprobación deste regulamento conséguese darlle carácter formal ao sistema de listas de agarda que xa se viña empregando no departamento de Recursos Humanos. Ademais de facilitar o traballo deste departamento tamén lle permite aos candidatos/as, que están incluídos nesta listas de agarda, coñecer o sistema que se emprega por parte do Concello de Ames. O devandito regulamento será publicado a través da páxina web municipal para coñecemento de todos/as os/as interesados/as.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames da luz verde a la ordenanza de terrazas"
La Voz de Galicia: "Ames regulariza el alquiler de 12 locales de Aldea Nova ante la amenaza de denuncia de Ruafer"