Pestanas principais

O Pleno aproba a proposta do goberno sobre a asignación de dedicacións, a contratación de persoal de confianza e a dotación de medios para os partidos da oposición

Venres, 10 de xullo de 2015

[10-07-2015] Esta venres pola tarde desenvolveuse o pleno de organización da nova corporación municipal do Concello de Ames. Nesta sesión plenaria aprobáronse as dedicacións e as asignacións económicas que terán o alcalde e os concelleiros do grupo de goberno. Deste xeito, terán cinco dedicacións e media, repartidas entre sete membros do goberno municipal (4 persoas terán unha dedicación exclusiva e outras tres persoas disporán dunha dedicación parcial). Ademais, o goberno municipal terá dous postos de persoal de confianza (un administrativo e un auxiliar administrativo) e todos os grupos da oposición disporán dun local e dun auxiliar administrativo, excepto Ciudadanos que renuncio a estes medios. As Xuntas de Goberno Local celebraranse todas as semanas e os plenos ordinarios serán o último xoves de cada mes, ás 20:30 horas.

O grupo de goberno amesá terá cinco dedicacións e media repartidas entre o alcalde e seis concelleiros e concelleiras. Neste punto, os nove edís do grupo de goberno votaron a favor, os nove concelleiros do Partido Popular, Ames Novo e Ciudadanos votaron en contra, e os tres edís de Pacto por Ames abstivéronse. Debido ao empate na votación decidiu o voto de calidade do alcalde, que votou a favor da proposta presentada. Previamente, houbo que votar unha emenda presentada por Ames Novo, para que este punto quedase encima da mesa e volvera a tratarse no pleno ordinario do 30 de xullo. Finalmente, esta emenda foi rexeitada.

As dedicacións exclusivas serán asumidas polo alcalde, José Miñones, polo concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, pola concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, e polo concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil. Por outra banda, as dedicacións parciais serán para a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, para a concelleira de Participación e Atención Veciñal e Promoción Económica, Isabel González, e para a concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Catuxa García. As concelleiras de Mocidade e Transparencia, Silvia Dapena, e de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, non contan con dedicación algunha.

Segundo se recolle na proposta presentada polo goberno municipal as contías económicas dedicadas tanto ao goberno, que está composto por tres formación políticas, coma a oposición supoñen un incremento respecto ao 2011, principalmente debido á situación actual da corporación municipal que conta con sete grupos políticos diferentes. O incremento de 71.000 euros brutos ao ano (no que se inclúen os custe da seguridade social) son debido a dúas partidas fundamentalmente. En primeiro lugar, ás dedicacións do goberno que incrementan 39.000 euros o gasto, e en segundo lugar, ao persoal de confianza asignado aos grupos da oposición que aumentan o gasto en 32.000 euros. Nestes cálculos de gasto non está contabilizada a contía que suporía o aluguer dos locais dos partidos da oposición. No informe do departamento de Intervención está reflectida unha contía aproximada, pero que de momento non é un gasto fixo, senón que se trata dunha previsión.

Cómpre destacar que a proposta presentada e aprobada polo pleno conta cos informes favorables dos departamentos de Secretaría e Intervención. Ademais, cumpre o Plan de Axuste, respecta a estabilidade orzamentaria e non incrementa a débeda municipal, representando finalmente un 2,3% do orzamento, e quedando moi por baixo das dez dedicacións e os sete postos de confianza que permitiría a lei.

Redución dos gastos
Por outra banda, neste mesma proposta recóllese que durante o mandato 2015-2019 vanse reducir os gastos na contía relativa a asistencia dos concelleiros ás Xuntas de Goberno Local, pasando de 110 euros a 50 euros, e reducíndose o número de concelleiros/as que cobrarán pasando de 3 a 2 edís. Neste caso o aforro será de 3.120 euro ao ano. O mesmo ocorre coas comisións informativas previas aos plenos, nas que se pasa de cobrar 110 euros a 50 euros por concelleiro/a. Ademais, redúcense o número de comisións pasando de 6 a 5, e só se cobrará unha comisión ao día, o que suporía un aforro aproximado de 12.000 euros ao ano, no suposto de convocar 3 ou 4 comisión ao mes.

Tamén se reducen as contías que percibe cada grupo político con representación na corporación municipal, pasando de 150 a 100 euros, así como a asignación económica que lle corresponde a cada concelleiro/a, que se reduce de 100 a 75 euros. Deste xeito, acádase una aforro de 3.300 euros ao ano.

Retribucións do grupo de goberno
Asemade, seguindo o principio de transparencia que quere instaurar o goberno municipal dentro da Administración local, fanse públicos os salarios que percibirán tanto o alcalde como os seis concelleiros/as que teñen algún tipo de dedicación. Deste xeito o alcalde de Ames, José Miñones, disporá dunha retribución bruta anual de 49.716,66 euros; a primeira tenente de alcalde, Genma Otero, o segundo tenente de alcalde, David Santomil, e o terceiro tenente de alcalde, Blas García, percibirán unha retribución bruta anual de 37.287,50 euros. Dita cantidade equivale ao 75% das retribucións brutas da alcaldía.

Ademais, as tres edís con dedicación parcial, que son a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, a concelleira de Participación e Atención Veciñal e Promoción Económica, Isabel González, e a concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Catuxa García, disporán dunha retribución bruta anual de 27.344,16 euros. Dita cantidade equivale ao 55% das retribucións brutas da alcaldía.

Dotación de medios en favor dos grupo políticos e persoal de confianza
Segundo se recolle na proposta aprobada no pleno de organización o goberno municipal terá dous postos de persoal de confianza (un administrativo e un auxiliar administrativo), mentres que os grupos da oposición disporán dun local co material necesario para poder realizar o seu traballo. Ademais, os grupos do Partido Popular, Ames Novo e Pacto por Ames terán un auxiliar administrativo a xornada completa.

O punto sobre a dotación de medios en favor dos grupos políticos saíu adiante cos votos a favor dos nove edís do grupo de goberno e dos tres concelleiros/as de Pacto por Ames, mentres que os nove concelleiros do Partido Popular, Ames Novo e Ciudadanos votaron en contra.

Por outra banda, o punto sobre a contratación de persoal de confianza foi aprobado cos votos a favor dos nove concelleiros/as do goberno, mentres que os cinco concelleiros de Ames Novo e Ciudadanos votaron en contra. Os sete concelleiros do Partido Popular e de Pacto por Ames abstivéronse. Previamente á votación deste dous puntos, houbo que votar dúas emendas presentada por Ames Novo, para que estes puntos quedasen encima da mesa e se volverán a tratar no pleno ordinario do 30 de xullo. Finalmente, estas emendas foron rexeitadas.

Ao grupo de Ciudadanos corresponderíalle un auxiliar administrativo a media xornada e un local, pero renunciou a este medios para que a contía económica que se ía investir neles sexa destinada a fins sociais. Os grupos que forman o goberno (PSdeG-PSOE, Contigo Pódese e BNG) tamén renunciaron aos seus locais a aos auxiliares administrativos.

Periodicidade dos Plenos e Xuntas de Goberno Local
En canto á periodicidade na que se celebrarán as sesións ordinarias do pleno a corporación municipal acordou que os plenos se celebren o último xoves de cada mes, ás 20:30 horas, excepto a sesión correspondente ao mes de agosto que se decidirá en consenso cos voceiros dos grupos políticos da oposición. Por outra banda, as Xunta de Goberno Local celebraranse todas as semanas, para darlle maior axilidade aos asuntos de xestión e tramitación municipal.

Outro dos temas que se trataron no pleno de organización foi a composición das comisións informativas permanentes. O grupo de goberno propuxo que se constitúan cinco comisión informativas, reducíndose unha comisión respecto ao anterior mandato. Tamén se abordou o nomeamento de representantes da corporación municipal nos órganos colexiados que son competencia do Pleno.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Concello de Ames aprueba las retribuciones del gobierno y cargos de confianza con el voto de calidad del alcalde"
La Voz de Galicia: "Ames eleva en más de 80.000 euros al año el coste de la corporación"
La Voz de Galicia: "El Concello de Ames quiere gastar 12.000 euros en alquilar un local para la oposición"
El Correo Gallego: "Ames aumenta el gasto en sueldos y medios un 35 %"