Pestanas principais

O Pleno aproba a proposta do goberno sobre a asignación de dedicacións, a contratación de persoal de confianza e a dotación de medios para os partidos da oposición

Xoves, 29 de xuño de 2023

Este mércores pola tarde desenvolveuse o pleno de organización da nova corporación municipal do Concello de Ames para o mandato 2023-2027. Nesta sesión plenaria aprobáronse as dedicacións e as asignacións económicas que terán os membros do goberno e da oposición. Haberá un total de 13 dedicacións exclusivas e parciais. Deste xeito, o alcalde e mailos sete concelleiros e concelleiras do grupo de goberno terán dedicación (haberá cinco dedicacións exclusivas e tres parciais), mentres que o grupo municipal popular disporá de tres dedicacións parciais e o grupo municipal do BNG terá dúas dedicacións parciais. Ademais, o goberno municipal terá tres postos de persoal de confianza a xornada completa (un técnico de gabinete de Alcaldía e dous administrativos/as). O grupo municipal popular disporá de dous auxiliares administrativo/a a xornada completa; o BGN disporá dun auxiliar administrativo/a a xornada completa; e Espazo Común terá un auxiliar administrativo/a a xornada parcial. Premendo nesta ligazón podes ver a gravación do pleno de organización.

O pleno de organización comezou co alcalde, Blas García, lanzando un reto; “a ver se os concelleiros e concelleiras desta Corporación que comezamos este mandato tamén a acabamos. Nos últimos anos tivemos moitos cambios, polo tanto, a ver se o conseguimos nestes próximos catros anos”. A continuación dou conta da constitución dos grupos políticos municipais e dos voceiros/as de cada un deste grupos. Do grupo socialista o voceiro é Víctor Fernández; do grupo popular a voceira é Oliva Agra; do grupo municipal do BNG, o voceiro é David Santomil; e do grupo Espazo Común, a voceira é Luísa Feijóo.

O rexedor municipal tamén deu conta das resolucións da Alcaldía en materia de nomeamento de tenentes de alcalde, membros da Xunta de Goberno Local, creación de concellarías delegadas e delegacións conferidas pola Alcaldía.

Na parte resolutiva, en primeiro lugar aprobouse por unanimidade a acta da sesión constitutiva da nova Corporación municipal para ao mandato 2023-2027 celebrada o pasado 17 de xuño.

Creación de postos de traballo de persoal eventual
Os dous puntos que máis debate crearon no pleno de organización foron a creación de postos de traballo de persoal eventual e maila asignación de dedicacións exclusivas e parciais. Neste eido o goberno municipal presentou unha proposta para a creación de sete postos de persoal eventual. O goberno municipal terá tres postos de persoal de confianza a xornada completa (un técnico de gabinete de Alcaldía e dous administrativos/as). O grupo municipal popular disporá de dous auxiliares administrativo/a a xornada completa; o BGN disporá dun auxiliar administrativo/a a xornada completa; e Espazo Común terá un auxiliar administrativo/a a xornada parcial.

Sobre dita proposta, a concelleira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo “asistimos a creación nada máis e nada menos de sete postos, que lle supoñen as arcas municipais un custo de 224.469 euros ao ano. Un total de 29.252 euros máis que no mandato anterior. No mandato anterior houbo 13 concelleiros/as no goberno fronte aos 8 actuais. Ademais, no mandato anterior houbo 6 grupos políticos fronte aos 4 deste mandato. Fagan contas porque a min non me sen. Non pode ser señor García que con menos, vostede gaste moito máis”.

Por parte do BNG interviu a concelleira Natividade González que manifestou “entendemos da necesidade de dotar aos grupos de persoal porque é moi importante a súa labor tanto para os grupos do goberno como da oposición. Isto non é discutible, o que si o é son as proporcións que son bastante desaxustadas”. Ademais, aludiu á “pouca solvencia do goberno por iso necesitan apoiarse en técnicos para que fagan o traballo dos concelleiros e concelleiras. Señor García vostede decidiu gobernar en solitario, é licito, quizais o que non é tan lícito é negarse a gobernar cun goberno de esquerdas e progresista. Así o fixeron durante oito anos para pasar agora a unha coalición co PP na sombra. Como oposición temos unha responsabilidade coa veciñanza e así o faremos dende hoxe. Comprar a oposición con oito dedicacións non nos parece a mellor forma de comezar este mandato. Nos tendemos a man para futuros acordos pero con luz e taquígrafos, non queremos pactos na sombra co PP”.
    
O voceiro do grupo de goberno, Víctor Fernández, dixo que “independentemente da composición do goberno este persoal eventual é para todos os grupos municipais. Hai 7 membros que van a formar o persoal eventual que son os mesmos que no mandato anterior. É certo que se dedica un técnico ao Gabinete de Alcaldía, debido á cualidade do volume de traballo que ten este Concello. Xunto ao soporte administrativo que presta asistencia diaria aos concelleiros/as e Alcaldía, cremos que é necesario dispor dunha coordinación técnica. Ademais, entendemos que todos os grupos municipais da oposición teñen que ter ese persoal eventual que xa tiveron. Increméntase un auxiliar para o grupo municipal popular porque subiu un concelleiro. A través desta proposta trátase de garantir e facilitar o traballo de todos os grupos cunha proporcionalidade dun auxiliar de grupo municipal por cada tres concelleiros e medio. É certo que nesta partida increméntase o gasto pero noutras diminúe”.

Este punto foi aprobado con 15 votos a favor pertencentes aos oito concelleiros/as do grupo de goberno e aos sete concelleiros/as do grupo municipal popular. Os/as cinco edís do BNG e maila concelleira de Espazo Común votaron en contra.

Asignación de dedicacións exclusivas e parciais
Outro dos temas que xerou un intenso debate foi a asignación de dedicacións exclusivas e parciais. A proposta presentada polo goberno recolle un total de 13 dedicacións exclusivas e parciais. Deste xeito, o alcalde e mailos sete concelleiros e concelleiras do grupo de goberno terán dedicación (haberá cinco dedicacións exclusivas e tres parciais), mentres que o grupo municipal popular disporá de tres dedicacións parciais e o grupo municipal do BNG terá dúas dedicacións parciais.

Sobre este asunto a concelleira de Espazo Común de Ames, Luísa Feijóo, dixo que “queda instaurado por primeira vez na historia política de Ames un cogoberno entre o partido socialista de Ames e mailo Partido Popular. Vostede señor García ao non conseguir a maioría absoluta, e que só entende da política de favores e da compra de vontades, desbota ao anterior socio de goberno e asegura o seu futuro pactando co PP, nada máis e nada menos que con cinco postos de traballo que teñen un custo de 163.105  euros ao ano. Neste mandato vanse dilapidar preto de 300.000 euros entre dedicacións da oposición e o seu persoal eventual. Hoxe asistimos a un pleno no que consolida o goberno do retroceso. Ames que destacou por ser un concello progresista e polas súas políticas innovadoras pasa a ser un concello gobernado polo señor Garcia á cabeza dun goberno en minoría e pactando co PP. Asistimos perplexos a ver como se equiparan as dedicacións dalgúns concelleiro/as do goberno ás da oposición”.  

Por parte do BNG interviu Escarlata Pampín que manifestou “a proposta que se presenta responde a un pacto na sombra co PP, eses mesmo que noutros lugares pactan con VOX. O partido socialista pacta as dedicacións co PP para deixar fóra do goberno ao BNG. Creo que ese pacto non lle debeu resultar moi difícil porque o PP de Ames dende hai un par de anos non está nin se lles espera. Agardemos que agora que van a ter cinco postos de traballo comecen a facer realmente oposición. Aínda que tampouco sabemos ata onde chegan eses pactos na sombra que o PSOE establece cos seus novos socios da dereita. Este podería ser un punto do pleno de consenso e de colaboración, esa palabra que tanto lle gusta ao novo goberno, pero que só lle gusta de postureo”.
 
A voceira do grupo municipal popular, Oliva Agra, dixo que “as intervencións que estou vendo corresponden máis cunha pataleta de nenos pequenos. As urnas decidiron que pasarades á oposición. Eu creo que Ames é un concello moi importante polo que é normal que nos dean medios aos partidos da oposición. Non sei de onde sacades que hai un pacto. Estamos diante dun goberno en minoría, polo que haberá que traballar para chegar a acordos ou non, e para iso necesitamos medios”.   

O voceiro do grupo de goberno, Víctor Fernández, destacou que “o grupo socialista aposta por dedicar medios á oposición e poñer en valor o seu traballo. Xa o dixemos durante a campaña electoral. Isto é así porque tanto os concelleiros/as do goberno como os da oposición representan á veciñanza amesá. Non temos medo a dedicarlle medios á oposición. O cómodo sería negarlle estes medios por medo á oposición que poden facer. Cremos noutra forma de facer política e que todos os grupos deben de dispoñer dos seus propios medios para representar correctamente aos veciños/as que os votaron. O traballo que faga a oposición debe de servirnos para mellorar a nosa xestión. Respecto das retribucións económicas, minóranse respecto do mandato anterior”.

Sobre este asunto, o alcalde de Ames, Blas García, dixo “pido respecto para todos os compañeiros da Corporación. Tamén pido que o enfado que haxa, que é lóxico, vaia pasando. En Santiago os concelleiros que están no goberno, excepto a alcaldesa como é lóxico, cobran o mesmo que os concelleiros/as que están na oposición e non pasa nada. Hai acordo sobre esta proposta, está falado con todos os grupos. Algunhas veces é bo facer historia. Quero recordar que en 2015 Pacto por Ames apoiou a proposta de dedicacións que se presentou e non se criticou dito acordo. E se retrocedemos ata 2007 houbo un acordo entre o PP e o BNG para dispor de dedicacións, co cal isto non é nada novo. Naquel momento os representantes do BNG pactaron co PP para deixar ao goberno socialista en minoría coas mínimas dedicacións posibles, polo que está ben facer memoria para no cometer os mesmo erros”.

Este punto foi aprobado con 15 votos a favor pertencentes aos oito concelleiros/as do grupo de goberno e aos sete concelleiros/as do grupo municipal popular. Os/as cinco edís do BNG e maila concelleira de Espazo Común votaron en contra.

Dotación de medios en favor dos grupos políticos
Ademais, os grupos municipais contarán cos medios necesarios para o seu correcto funcionamento. Deste xeito, aprobouse a asignación aos grupos municipais da oposición (Partido Popular, BNG e Espazo Común) dun local nas inmediacións da Casa Consistorial, que disporá de mobiliario, ordenador, fotocopiadora, liña telefónica e conexión a internet. Tamén se lle asigna a cada grupo municipal unha dotación económica. Unha fixa de 100 euros mensuais e unha variable de 100 euros mensuais por cada membro de cada grupo. Este punto tamén foi aprobado con 15 votos a favor pertencentes aos oito concelleiros/as do grupo de goberno e aos sete concelleiros/as do grupo municipal popular. Os/as cinco edís do BNG e maila concelleira de Espazo Común votaron en contra.

Periodicidade dos Pleno e das Xunta de Goberno Local
Outro dos asuntos abordados foi a periodicidade das sesións ordinarias do Pleno e das sesións da Xunta de Goberno Local. Deste xeito, acordouse por unanimidade que os plenos ordinarios se celebren o último xoves de cada mes, ás 20:30 horas, cunha periodicidade mensual. De coincidir en día festivo será a Xunta de voceiros a que determine por consenso que día se celebra o pleno de dito mes. A Xunta de voceiros tamén determinará que día se celebran os plenos de agosto e de decembro. Os concelleiros e concelleiras que non teñen dedicación exclusiva ou parcial disporán dunha dotación económica de 200 euros por asistencia a pleno. No caso de celebrarse máis dunha sesión plenaria no mesmo día cobrarase por unha única asistencia.

As Xunta de Goberno Local celebraranse todas as semanas, para darlle maior axilidade aos asuntos de xestión e tramitación municipal. Serán os xoves de cada semana ás 9.30 horas. De coincidir en día festivo celebrarase o seguinte día laborable. A dotación económica por asistencia ás Xuntas de Goberno Local será de 100 euros por concelleiro/a. Este punto tamén foi aprobado por unanimidade.

Comisións informativas permanentes
Por outra banda, abordouse a composición das comisións informativas permanentes. O grupo de goberno propuxo que se constitúan cinco comisións informativas, reducíndose unha comisión respecto ao anterior mandato. Este punto foi aprobado por unanimidade. Deste xeito, as comisión comisións informativas creadas son de Administración xeral e atención veciñal; Desenvolvemento urbano e sostible; Benestar, educación e promoción social; Economía, facenda e especial de contas; e Xestión cultural, deportiva e promoción da saúde.

As cinco comisións informativas teñen a mesma composición: preside o alcalde e estarán formadas por tres membros do grupo municipal socialista (incluído o alcalde), dous representantes do grupo municipal popular, dous representantes do grupo municipal do BNG, e unha representante do grupo municipal unipersoal Espazo Común. As sesións ordinarias de ditas comisións terán a mesma periodicidade que as sesións dos plenos, celebrándose os venres anteriores ao xoves de celebración dos plenos ordinarios de cada mes. De coincidir en día festivo celebraranse o primeiro día que sexa laborable. A remuneración económica por asistencia a ditas comisións informativas será de 100 euros por concelleiro/a.  
 
Órganos colexiados competencia do Pleno
Tamén se abordou o nomeamento de representantes da Corporación municipal nos órganos colexiados que son competencia do Pleno. Aprobouse por unanimidade que sexa o alcalde o representante do Concello, podendo delegar en calquera dos membros do goberno municipal, na Mancomunidade de Municipios de Santiago de Compostela; no Padroado da Fundación Comarcal de Santiago de Compostela; no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar; na mancomunidade de Concellos Serra do Barbanza; e na Asamblea Xeral de CLUN Sociedade Cooperativa Galega.

Ademais, noméase para o Consello de administración da empresa pública Augas de Ames EPEL ao alcalde que actuará como presidente, tres representantes do grupo municipal socialista, tres representantes do grupo municipal popular, dous representantes do grupo municipal do BNG e unha representante do grupo municipal Espazo Común.

Delegacións do Pleno na Xunta de Goberno Local
Por razóns de axilidade administrativa presentouse unha proposta para que determinadas competencias do Pleno sexan delegadas na Xunta de Goberno Local. Deste xeito, aprobouse que sexan atribuídas á Xunta de Goberno Local concertar ou modificar operacións de crédito; anticipos de tesourería; e maila competencia para a formación das mesas electorais mantendo o carácter publico da sesión.
 
A concelleira de Espazo Común, Luísa Feijóo, e mailo concelleiro do BNG, Alexandre Espinosa, mostraron a súa desconformidade e oposición en delegar na Xunta de Goberno Local as competencias de concertar ou modificar operacións de crédito, así como realizar anticipos de tesourería. O voceiro do goberno municipal, Víctor Fernández, dixo que “esta competencia, que se delega na Xunta de Goberno Local, nunca se fixo uso dela. Sería unha competencia que se podería usar no caso de haber problemas económicos, que non é caso xa que o Concello de Ames dispón dunha economía moi saneada. Son operacións moi especificas e urxentes que se farían con carácter extraordinaria e por axilidade administrativa”.

Este punto foi aprobado con 15 votos a favor pertencentes aos oito concelleiros/as do grupo de goberno e aos sete concelleiros/as do grupo municipal popular. Os/as cinco edís do BNG e maila concelleira de Espazo Común votaron en contra.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Más dinero para la oposición en Teo y Ames con independencia de que haya o no mayoría"

Lindeiros: "Acordos e desacordos comezan a definirse no pleno de organización de Ames"

La Voz de Galicia: "Ames asigna 588.894 euros al año a sueldos de cargos electos y de confianza para el gobierno y la oposición"

Imaxe do pleno de organización

Multimedia

  • Imaxe do pleno de organización
  • Imaxe do pleno de organización
  • Imaxe do pleno de organización